Fernando Blanco (Ourense, 1967) é avogado e vicepresidente de Esculca onde leva traballando desde 2005 xunto a un pequeno grupo de persoas que “intentamos chegar onde non chegan outras asociacións, sen ningunha especialización, pero sempre en defensa dos dereitos fundamentais”.

Non hai moito publicaches aquí un artigo no que denunciabas a detención dun home ao que se quixo converter nunha especie de cabeza de turco pola vaga de lumes. Non é a primeira vez que pasa.

Non, non é a primeira vez… e aquí en Ourense sabémolo ben. Sendo preocupante a reacción da administración pública, o máis preocupante é que haxa un continuo co poder xudicial. O poder xudicial debería estar por riba destas pulsións de populismo punitivo que no fondo pretenden desviar a atención. E neste caso utilizouse a prisión preventiva coma un anticipo de castigo, coma unha forma de calmar a pretendida alarma social.

Como é ese continuo entre o poder político e o poder xudicial?

Non se pode xeneralizar. Podemos ter a impresión… quizais non hai unha relación directa, non estamos falando de conivencias, pero si é certo que as teorías do populismo punitivo, da dureza penal ou, por exemplo, desa utilización de medidas preventivas como anticipo do castigo que son auspiciadas polo poder político están penetrando no poder xudicial… unha especie de osmose. Os que pensamos, quizais desde unha perspectiva moi inxenua, que o mellor é un modelo garantista na liña de Ferrajoli, vemos que ese garantismo cada vez é máis feble.

Hai un uso político do Código Penal?

Pois si. E, de novo desde unha posición inxenua, era impensábel hai un tempo. Estase facendo unha interpretación extensiva do Código Penal, que xa de por si é bastante extensivo… Estámolo vendo co que está pasando con tipos como o de enaltecemento do terrorismo ou o do delito de odio, que xa é moi discutíbel telo introducido. Aconteceu no Estado en casos moi coñecidos, pero tamén está sucedendo no país con peticións de penas moi duras para uns rapeiros de Vigo. E volvo ao mesmo: un poder xudicial garantista impediría que estas tendencias do poder executivo, das forzas de seguridade ou mesmo da fiscalía tiveran maior recorrido. Pero infelizmente moitos destes delitos acaban nun tribunal tan caracterizado politicamente como é a Audiencia Nacional.

Que é o populismo punitivo?

É o recurso a solucións penais para afrontar problemas sociais coa finalidade tanto de calmar conflitos sociais ou situacións que o poder político percibe como conflitivas ofrecendo unha cortina de fume dun inimigo que se crea e sobre o que se actúa politicamente a través duna lexislación penal dura.
Como se está aplicando o delito de odio?
Penso que aos demócratas nos meteron un gol coa aplicación deste precepto. Primeiro está a cuestión de principios, porque é un tipo tan extensivo que debiamos ter entendido que ía supoñer limitacións da liberdade de expresión. É un delito que anticipa a resposta penal no momento que sanciona condutas nas que non hai ningún ben xurídico en perigo ou incitación ao delito. E, ademais, deberiamos ter entendido que ía ser utilizado contra os que máis precisamos da liberdade de expresión porque somos quen facemos crítica das institucións. Na práctica estase a utiliza para perseguir a movementos alternativos ou de crítica social. Metéronnos un gol…

Fernando Blanco, vicepresidente de Escula, a pasada sexta feira en Ourense (3)                                                Fernando Blanco, vicepresidente de Escula, a pasada sexta feira en Ourense (3)

Hai unha restrición de dereitos fundamentais que se corresponde cunha determinada regresión política?

Pódese explicar como unha teoría de vasos comunicantes. Na medida na que sufrimos unha restrición de dereitos sociais, prodúcese un efecto sobre os dereitos civís, os dereitos burgueses clásicos… reunión, asociación, libre expresión. Baixaron os dous vasos comunicantes. Pero isto non empezou coa crise hai dez anos. A Lei Mordaza, por exemplo, é o perfeccionamento técnico dunha lei xa moi restritiva como a Lei Corcuera. Dalgunha maneira os dereitos civís son os que garanten que se poida levar adiante certo nivel de protesta, e se estás a recortar dunha forma abrupta dereitos sociais, tes que limitar os medios de protesta.

Dis que ese proceso non empezou coa crise, pero a crise económica mudou algo ou acelerou o proceso?

Posibelmente tivo un efecto de que as protestas xa non se limitaran a determinados colectivos e a extensión desas protestas a outras capas da sociedade esixíalle ao poder dispoñer novas ferramentas. O que acontece desde a crise económica é que a represión pode chegar a calquera. Mesmo a aquelas persoas que protestaban desde unha perspectiva puramente burguesa porque o seu diñeiro fora mal xestionado por entidades bancarias. Entón é cando se lle ve o cu á carriza da longa man represiva do Estado. Mentres a represión se aplicou sobre colectivos mi politizados, como sindicalistas, independentistas ou libertarios, a sociedade tende a pensar que algo farían. Pero cando de súpeto eses mesmos medios represivos se aplican sobre a parte menos mobilizada da sociedade pero con razóns para protestar, entón empezamos todas e todos a cuestionar a finalidade coa que o Estado exerce o seu poder, se ten un carácter de orde pública que é un concepto pre-democrático.

Cales son os colectivos máis reprimidos no país?

De vello sempre foron os colectivos libertarios e os de apoio a presos. Tamén os colectivos sindicais e independentistas. A medida que a protesta foise ampliando, podemos dicir coloquialmente que ninguén está a salvo. Hai exemplos dabondo: a xente do cerco, os preferentistas, movementos ecoloxistas ou de crítica urbanista… houbo represión con sancións administrativa pero tamén nalgúns casos, como en Coia con aquel movemento veciñal, cun xuízo penal.

Como está o caso de Causa Galiza?

Pois mantense a imputación a nove persoas cunha decisión xudicial moi perigosa que é a unión dos dous procesos, o Jaro I e o Jaro II, no que semella un macroproceso contra o independentismo organizado tanto na súa face política coma na súa parte máis solidaria, a de Ceivar. Non temos un coñecemento directo da causa pero preocúpannos moito estas instrucións eternas… Un dos feitos máis graves que teñen acontecido no país nestes anos foi a suspensión das actividades de Causa Galiza. Entendíamos que non só afectaba aos militantes, senón tamén aos eventuais votantes. Foi unha limitación do exercicio de voto de persoas que simplemente querían manifestar unha opción política. Foi unha restrición moi grave dun dereito colectivo e produciunos un fondo pesimismo a tímida reacción da sociedade galega. Nos diciámolo, o que acontece con Causa Galiza pode acontecer no futuro con calquera colectivo organizado cunha visión crítica. Debíamos movernos, o país tíñase que ter mobilizado como se mobilizou antes por feitos similares en Euskadi e agora en Catalunya.

Como foron tratados estes presos?

Polo que sabemos, as detencións transcorreron dentro da formalidade. Mais neste 2017 tivemos coñecemento de situacións de privacións de dereitos. Esculca presentou queixas por restricións do acceso a estudo no cárcere de Aranxuez, e outra por unha situación de illamento permanente.

Esculca fai unha valoración política do acontecido con Causa Galiza?

É certo que non entramos en cuestións partidarias, pero si nos casos de restricións de dereitos políticos. Posibelmente a desaparición doutros escenarios de conflito político nos que había un inimigo identificado cara o que dirixir pulsións políticas e mesmo sociais… cando cae ese escenario, pois tiñan que procurar novos inimigos e agroma repentinamente un problema de terrorismo en Galiza que realmente é difuso… Da mesma maneira que antes todo era ETA, despois, aquí, todo é Resistencia Galega.

Por que a Audiencia Nacional ten tan boa prensa e tan malos comentarios entre os colectivos que a sofren?

A Audiencia Nacional é a cara máis visíbel do populismo punitivo. Digamos que está dando forma xurídica ao que parte da sociedade quere ou lle fan querer desde o poder político. Todos temos que facer autocrítica e dicir que lle demos unha categoría moral a aqueles xuíces estrela até convertelos en salvadores cando eran funcionarios que facían o seu traballo. Iso fixo que a Audiencia Nacional pareza a salvadora en momentos críticos para a seguridade do Estado, mentres os seus criterios xurídicos son moi criticados. Nese tribunal faise unha valoración das probas que presenta a Policía Nacional ou a Garda Civil que é contraria á interpretación xurídica. A Policía Nacional ou a Garda Civil serán testemuñas que contemplan un delito, os indicios, os feitos ou os resultados do delito… pero dáselles valor de carta pericial a moitas das súas hipóteses e actuacións nas que se fundamentan condenas.

Fernando Blanco, vicepresidente de Escula, a pasada sexta feira en Ourense (2)

Cal é a situación dos presos comúns nos cárceres galegos?

Aquí temos que recoñecer a nosa enorme impotencia. A cadea é un mundo tremendamente pechado. É moi difícil contactar con elas e con eles cando sofren violacións de dereitos. Temos, por dicilo así, unha radiografía da situación da poboación dos cárceres, pero moi reducida. No 2017 Esculca presentou dúas queixas e unha denuncia penal na prisión de Teixeiro. Houbo prohibicións de comunicacións de avogados con presos. Denunciámolo diante do Defensor del Pueblo e unha denuncia penal no xulgado de Betanzos que está pendente de resolución na Audiencia da Coruña. Tamén presentamos unha queixa pola situación dun preso con graves patoloxías mentais que estaba na enfermaría reducido a un cubículo sen comunicación con outros presos. Desde que nos chegou a alerta a través do colectivo Tocata de apoio a presos, debeu estar alí dúas ou tres semanas. Sendo grave, todo isto é anecdótico respecto do que consigna o relatorio do Comité de Prevención da Tortura do Consello de Europa que no 2016 visitou Teixeiro. Pensamos que o que di ese relatorio pode trasladarse á situación da Lama, o outro gran cárcere en Galiza, e mesmo ás prisións máis pequenas. Este ano soubemos dunha denuncia por unha malleira en Monterroso e outra por unha situación de maltrato en A Lama. O que conta o relatorio respecto de Teixeiro é absolutamente criticábel en termos de calidade democrática.

Os presos inmigrantes estarán inda peor?

A información que nos chega é a través do Foro Galego da Inmigración ou Médicos do Mundo en relación ás expulsións, que se están producindo dunha forma silenciosa e continuada; e tamén a través do colectivo Concepción Arenal, que traballaba na Lama dando apoio social pero xa non os deixan entrar… Evidentemente as dificultades de comunicación coas familias son maiores e o feito de carecer de arraigo impide moitas veces o acceso a beneficios ou dereitos penitenciarios. O relatorio do que falamos antes recolle limitacións para presos acusados de terrorismo xihadista en relación a súa liberdade de práctica relixiosa.

Esculca ten sido moi crítica co ficheiro Stop Radicalismo, ides dándolle visibilidade á cuestión?

Pasou moi desapercibido ao principio, supoño que porque Interior presentouno como algo técnico e porque afectaba a un colectivo que non parecía merecer socialmente moita preocupación en canto á defensa dos seus dereitos. Solicitamos información, pero non recibimos ningunha porque se nos dixo que era unha cuestión de seguridade nacional. O que está pasando é que o ficheiro é inútil en termos policiais, pero ten outra finalidade, a de limitar dereitos. É o primeiro ficheiro, pero pode abrir o camiño a outros ficheiros de pretendidas radicalizacións. Pensemos por exemplo no proceso catalán ou no novo inimigo que queiran crear.

Que relación tedes co Defensor del Pueblo e coa Valedora do Pobo?

Non temos contactos directos nin co Defensor nin co Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura. O que si temos é unha enorme preocupación pola tímida actuación destes organismos garantistas. Temos sido críticos coa Valedora do Pobo. Esculca fixera unha denuncia do que estaba pasando nun centro de menores en Vigo, e a Valedora nin sequera visitou o centro. Foi unha resposta puramente burocrática. Tamén fomos moi críticos coa resposta que deu ás denuncias respecto da situación de indixentes en Compostela. A verdade é que un dos nosos grandes problemas é a febleza dos sistemas de garantías de dereitos.