A Sala de de Apelación da AN ratifica as penas de prisión dos mozos de Altsasu Jokin Unamuno, Adur Ramírez de Alda, Jon Ander Cob, Julen Goikoetxea, Ainara Urkijo, Aratz Urrizola e Oihan Arnanz e rebaixa a seis anos a imposta a Iñaki Abad. Así mesmo, volve descartar a existencia de terrorismo.

 

1229_altsasu @AAGIRREZABAL|2019/03/07 08:281229_altsasu I

 

A Sala de Apelacións da Audiencia Nacional española fixo pública a sentenza mediante a que revisa o fallo da sección primeira do mesmo órgao xurisdicional, sobre o altercado entre varios mozos e dous gardas civís e as súas parellas no bar Koxka da localidade en outubro 2016.

O tribunal confirma as penas de entre 2 e 13 anos de cárcere para os condenados excepto no caso de Iñaki Abad, para quen se reducen tres anos de condena ao advertir que cometera dous delitos de lesións e non tres, corrixindo á sección primeira. Desta feita, a condena a Abad fica establecida en seis anos: tres por un delito de «atentado á autoridade», dúas por un de «lesións» e outro por «desordes públicas».

A Sala de Apelacións conclúe que o acontecido en Altsasu «non é terrorismo». Desta forma, son xa nove os xuíces que ditaron que os feitos xulgados non son delitos de terrorismo (os tres da Audiencia de Nafarroa, os tres da sección primeira da Audiencia Nacional e os tres que compoñen a Sala de Apelacións), en contra da pretensión da Procuradoría, a acusación particular e Covite. «Esta Sala asume na súa integridade que non pode concluírse que os feitos probados poidan ser considerados como actos de terrorismo, nin que os mesmos se producisen seguindo o ideario que a banda terrorista ETA tiña entre os seus obxectivos», apunta a sentenza.

O fallo desestima na súa integridade os recursos presentados polo Ministerio Fiscal e as defensas, a excepción da de Abad.

En referencia aos feitos do 15 de outubro de 2016, a Sala considera que «ficaron plenamente acreditados» e apunta a que «o órgao de instancia considera máis verosímil o relato dos feitos ofrecido polas vítimas que as mantidas polos acusados» e niso basea, sen máis proba, a participación dos acusados no altercado.

A sentenza tamén resta validez ás únicas imaxes daquela noite, instantes despois da disputa, que viron a luz, que foron gravadas por Abad e en que se observa o sarxento cunha camisa branca impoluta que non concorda coa súa descrición dos feitos: «Non pode ser dotada da eficencia pretendida, pois non pode entenderse que se refira integramente ao sucedido. Nel percíbese que moitas das persoas increpan unha das vítimas e a Policía Foral para que actuei contra el, sen que o mesmo (o vídeo) poida en por si mostrar o real estado do sarxento».

Outro dos puntos polémicos da sentenza foi a acusación contra Ramírez de Alda, quen asegura que á hora da disputa estaba xa en casa durmindo e que ademais foi identificado cunha roupa distinta da que aparecía en fotos e vídeos desa mesma noite. Contodo, como fixera a Sala Primeira ao sinalar que «non fica suficientemente acreditado» que o mozo estivese na súa casa, a Sala de Apelación afirma que «é perfectamente factíbel, dada a proximidade da súa vivenda, que puidese mudar de roupa, estar en casa ás 02:30 (como declarou a súa nai, Bel Pozueta) para posteriormente encontrarse no lugar dos feitos».

Contodo, a sentenza continúa sen imputar actos concretos aos acusados. «Todos eles contribuíron ao resultado lesivo das vítimas, aínda que non se puido concretar en todos eles a agresión aos catro prexudicados».

As defensas, así mesmo, alegaron «desrespeito das garantías procesuais» e consideran que foi vulnerado o dereito dos seus defendidos a un proceso con todas as garantías ao dubidar da imparcialidade da Garda Civil no desenvolvemento da investigación, tendo en conta que dous dos implicados son axentes do Instituto Armado. Contodo, a Sala considera que «o feito de a Garda Civil se ter feito cargo das investigacións é plenamente arraigado a dereito, sen que a consideración de que as mesmas tivesen como obxecto agresións a membros do referido corpo poida sequera facer ter prevención algunha sobre a súa absoluta imparcialidade, neutralidade e sometemento á lei e ao ordenamento xurídico».

Do mesmo xeito, rexéitase (tal e como fixera a Sección Primeira da Audiencia Nacional) que a presenza da xuíz Concepción Espejel violase esas garantías procesuais. Espejel está casada cun coronel da Garda Civil e foi condecorada coa Orde do Mérito da Garda Civil. Contodo, a Sala de Apelación considera que «non existe relación de parentesco entre a referida maxistrada e ningunha das partes personadas no xuízo, sen que o feito de ser cónxuxe dun membro da Garda Civil ou ser distinguida polo devandito corpo teña transcendencia».

Naiz