Nun escrito remitido á Audiencia Nacional, descarta acceder á petición formulada por unha muller que en 2013 denunciou malos tratos por parte de axentes á paisana que a detiveron en Córdoba. O Ministerio Público amparou a reclamación, que conta tamén cun informe favorábel do Comité Contra a Tortura das Nacións Unidas.

 

Denuncia de torturas                      Imaxe da denunciante despois de saír da comisaría de Córdoba en xaneiro de 2013. APDHA

 

 

 

O longo camiño de E. L. G. para tratar de conseguir xustiza continúa infestado de curvas. En xaneiro de 2013, esta muller saíu da comisaría da Policía Nacional en Córdoba cun aspecto radicalmente diferente ao que tiña cando entrou: o rostro estaba inflamado, tiña o nariz partido e marcas nos pulsos. A foto captada na altura Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) chegou ao Comité Contra a Tortura da ONU, que obrigou o Reino de España a indemnizar a vítima. Non vai ser un trámite sinxelo.

Hai un día chave na vida desta muller. O 27 de xaneiro de 2013, E. L. G. foi detida por catro policías sen uniforme na estación de tren de Córdoba. Os axentes obrigárona a abrir o bolso. “Ao acharen nel unha carteira que non pertencía á autora, os oficiais comezaron a mallar nela e a preguntarlle onde tiña as cousas supostamente roubadas na discoteca donde procedía”, destaca o referido comité das Nacións Unidas na resolución adoptada en novembro de 2019.

O documento das Nacións Unidas recolle o testemuño da vítima. “Despois, antes de introducila nun vehículo, foi alxemada sen lle ser notificada a causa da detención, puxáronlle o cabelo e bateron nela contra a porta do vehículo”, detalla o relatorio, en que se describe tamén que “ao conducir cara a comisaría de Lonxa, os policías freaban bruscamente para que a autora batese a cabeza contra o biombo separador do vehículo, rindo cada vez que o facía”.

Unha vez na comisaría, unha oficial que participara na detención “ordenou á autora despirse e recolleu o seu diñeiro. Ao cabo de media hora, anunciáronlle que podía irse”, sinala o relatorio.

O 31 de xaneiro de 2014, o Xulgado de Instrución número 1 de Córdoba decretou o arquivamento da causa. Cinco meses despois, a Sección Terceira da Audiencia Provincial de Córdoba confirmou o auto do xulgado “apesar de non dubidar da certeza da fractura dos ósos nasais da autora, as declaracións doutros policías que foron testemuñas esa noite e dos fotogramas das cámaras de seguranza que constatan que a autora non presentaba lesións visibeis á entrada e á saída da comisaría”, recollía o Comité da ONU.

Nese contexto, as Nacións Unidas obrigaron as autoridades españolas a proporcionar á denunciante “unha reparación plena e adecuada polos sufrimentos causados, incluídas medidas de indemnización polos
danos materiais e morais, e medidas de rehabilitación”. Do mesmo xeito, esixía que o Estado adoptase “as medidas necesarias” e que impartise “instrucións precisas a axentes de policía nas comisarías” para evitar que se cometan infraccións semellantes no futuro”.

“A condena a España en 2019 contra a agresión sufrida por esta muller foi contestada polo Estado español sob o pretexto de estes ditames non teren forza xurídica vinculante, argumento que utiliza o Estado para rexeitar esta e outras decisións dos Comités das Nacións Unidas en materia de dereitos humanos”, lembra a APDHA, que solicitou o amparo do Defensor del Pueblo e, ao mesmo tempo, levou o caso á Audiencia Nacional.

“Separación de poderes”

Nun escrito presentado en outubro pasado ante ese tribunal, ao que tivo acceso o xornal Público, a Avogacía do Estado aférrase ao arquivamento da causa nos tribunais españois para rexeitar calquera tipo de indemnización.

Na súa alegación, a representación legal do Estado sostén que o Comité contra a Tortura de Nacións Unidas “non engloba unha función de revisión de decisións xudiciais internas” e defende que “debe respectarse o principio de separación de poderes e a independencia xudicial, valores básicos dun estado de dereito recoñecidos e promovidos polas Nacións Unidas”.

“Portanto, ha de considerarse que en España se concluíu un procedemento xudicial completo, en que foron dirimidos os feitos descritos no ditame até en tres instancias xudiciais”, afirma. En tal sentido, a Avogacía alega que en marzo de 2015, “o Tribunal Constitucional rexeitou o recurso de amparo presentado pola hoxe demandante, alegando unha manifesta inexistencia de violación dun dereito fundamental”.

Valentín Aguilar, membro da área de Cárceres da APDHA e avogado da denunciante, sinalou a Público que a alegación da Avogacía do Estado non o sorprendeu en absoluto. “Trátase da posición que mantivo sempre ante estes casos na liña de que non hai que respectar os ditames das Nacións Unidas”, afirma a Público.

Visto e prace do Ministerio Público

Contodo, a Procuradoría da Audiencia Nacional ten outra opinión. Nun informe elaborado tamén en outubro de 2021, o Ministerio Público situouse de forma favorábel á petición da demandante, alegando -entre outros puntos- que “as normas xurídicas contidas nos tratados internacionais válidamente celebrados, unha vez publicados oficialmente en España, forman parte do ordenamento interno”.

A Procuradoría cita a Convención contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes, ratificada por España e de “carácter vinculante”, así como a propia doutrina do Tribunal Constitucional, que establece que “a vulneración de dereitos humanos declarada un órgao creado por convencións das Nacións Unidas, pode constituír unha lesión de dereitos fundamentais que debe ser obxecto de reparación”.

Así mesmo, o documento recolle igualmente a doutrina a ese respecto do Tribunal Supremo, mediante a cal se establece que “as decisións de órgaos creados por convencións das Nacións Unidas ratificadas por España, teñen carácter vinculante e obrigatorio para España” aínda que “non regulen o carácter executivo das súas decisións”.

“O canal da reclamación de responsabilidade patrimonial do Estado, resulta adecuado para obter unha decisión administrativa, que permita obter o cumprimento dunha decisión dun órgao creado por convención das Nacións
Unidas ratificada por España, despois de constituir un remedio efectivo para controlar a vulneración de dereitos fundamentais invocada pola recorrente”, sostén o Ministerio Público..

Nesa liña, o avogado de APDHA valora de forma “moi gratificante” a posición asumida polo procurador. “Di de forma clara e contundente que procede a estimación da reclamación, e faino tamén en base aos argumentos que formulábamos neste caso”, subliña Aguilar.

Público