O fiscal da Audiencia Nacional José Perals Quella pediu dous anos de prisión e unha multa diaria de 10 euros durante 16 meses contra o avogado Arkaitz Terrón Vives por un presunto delito de enaltecemento do terrorismo en redes sociais. O seu delito, segundo o escrito do fiscal, fora render homenaxe en redes sociais a dous dos cinco últimos fusilados polo franquismo en setembro de 1975; escribir dúas piadas sobre o expresidente do Goberno franquista Carrero Blanco; un rechío dun sobre a vítima do terrorismo de ETA Irene Vila; e despedir coas palabras “Saúde e honra” o preso Arkaitz Bellon, que morreu no cárcere após ter sido condenado por accións de kale borroka.

O fiscal Perals Calleja na súa misión de promover a acción da xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público, tal e como marca a Constitución Española, perseguiu mensaxes que rendían tributo a tres loitadores antifranquistas que son homenaxeados cada 27 de setembro. Imaxínan o fiscal Perals imputando Luís Eduardo Aute pola canción Á alba, que homenaxea precisamente eses cinco últimos fusilados?

A sentenza da Audiencia Nacional absolveu o acusado, cos xuíces Ramón Sáez e Manuela Fernández como relatores. Os maxistrados entenderon que as mensaxes “non enaltecían nin xustificaban o terrorismo, tampouco incitaban, propiciaban ou alentaban a violencia terrorista”. Con todo, o fiscal defendeu que o só feito de os chíos teren sido publicados incitaba á violencia, á marxe do destinatario, do número de seguidores e mesmo da maior ou menor difusión da mensaxe. O maxistrado Fernando Grande Marlaska considerou cun voto particular que se debía condenar o acusado no grao mínimo da pena por enaltecemento.

Neste caso, as acusacións do fiscal Perals Calleja foron desatendidas pola Xustiza. Arkatiz Terron foi declarado inocente. Non acontece en todos os casos. Esta reportaxe recompila as partes dos escritos de acusación de fiscais por delitos de enaltecemento do terrorismo en redes que dificilmente poden ser considerados como unha apoloxía da violencia terrorista.

Arkaitz Terrón Vives, para quien el fiscal pide dos años de cárcel por un delito de enaltecimiento del terrorismo. EFE Arkaitz Terron Vives, o procurador pediu dous anos de cárcere por un delito de enaltecemento do terrorismo. EFE

 

“Sorpréndeme o afán persecutorio da Fiscalía da Audiencia Nacional, sobre todo cando a súa función é investigar o terrorismo e o Supremo xa dixo que o enaltecemento é un delito de opinión e non de terrorismo”, sostén a xurista especializada en Código Penal Isabel Elbal, que denuncia que o grande problema do delito de enaltecemento é que “está sen definir correctamente”. “Unhas veces rechiar é delito e outras non. Unhas piadas son delitos e outras, non. Uns son imputados e outros, non. Iso crea inseguranza xurídica”, prosegue a experta, que sinala que sería moito “máis lóxico” dedicar estes recursos escasos da Xustiza en investigar delitos de índole económica, como a corrupción, antes do que facer procuras en redes sociais para ver se alguén chiou algo de ETA, o Grapo ou Carrero Blanco.

Á espera da sentenza da Audiencia Nacional están os 12 rapeiros de La Insurgencia, un colectivo de hip hop nacido nas redes, que foron xulgados recentemente por enaltecemento do terrorismo do Grapo e están á espera da sentenza. Neste caso, o escrito de acusación do fiscal José Perals Calleja é canto menos sorprendente. Por varios motivos. O primeiro, porque os versos que supostamente violan a lei están mal identificados e peor minutados.

Doutra banda, o escrito mestura referencias concretas a membros do Grapo con acusacións que non parecen tan delituosas: “Mantén unha tónica subversiva fronte á orde constitucional democrática”, recolle o escrito. Así, entre as frases citadas polo procurador dáse un confuso cóctel que mestura reivindicacións de membros do Grapo encarcerados, chamadas á loita contra o sistema capitalista ou a orde constitucional e críticas a Pablo Iglesias ou a EU por “reformistas”. “Hai que estar alerta, con tanta rata solta, os reformistas de Podemos non nos representan”, é unha das frases que recolle o procurador.

Tamén por enaltecer o terrorismo do Grapo foi denunciado o mozo de 22 anos que se estaba por detrás da conta de @JaviMartinez08. Este mozo aceptou a pena de dous anos de cárcere e oito de inhabilitación para evitar os os 2,6 anos que pedía a Fiscalía e 9 de inhabilitación. É dicir, para evitar o seu ingreso efectivo en prisión. O xuíz relator do seu caso foi, precisamente, Fernando Grande Marlaska, o mesmo que sentenciara pena de prisión para Arkaitz Terrón. Neste caso, o acusado estaba sentado no banco por escribir mensaxes como: “Non calo viva o Grapo!; “Ao Olentzero pídolle a cabeza do Rei”; “O que sementa miserias recolle bombas lapa”; “Teño unha bala de prata para Esperanza Aguirre”; “ou “5 policías non! Que sexan mortos!” en referencia á protesta ‘Asedia el Congreso‘ en que resultaron feridos varios axentes antidisturbios.

Prohibido rir do asasinato dun tirano
As piadas sobre o asasinato do expresidente franquista Carrero Blanco son máis que habituais nos escritos de acusación das persoas detidas por suposto enaltecemento en redes sociais. O caso máis popular é o de Cassandra Beira. A moza murciana foi condenada pola Audiencia Nacional a un ano de prisión polo delito de humillación ás vítimas do terrorismo. O fiscal Pedro Martínez Torrijos pediu dous anos de prisión para ela por escribir trece chíos en que chanceaba sobre o expresidente franquista Carrero Blanco, asasinado por ETA en 1973. Na sentenza, o xuíz relator Juan Francisco Martel sorprendeu moitos cando argumentou a condena a Cassandra sinalando que “a secuela do terrorismo persiste, aínda que con menor intensidade”, apesar de ETA ter declarado o cesar-fogo permanente en 2011.

Cassandra, la tuitera de Murcia que se mofó en Twitter del asesinato de Luis Carrero Blanco, se ha sentado hoy en el banquillo de la Audiencia Nacional acusada de enaltecimiento del terrorismo, un delito por el que el fiscal quiere que se la condene a do        Cassandra Beira sentou no banco dos acusados por chíos sobre Carrero Blanco. Foto EFE/Ballesteros

 

O fiscal Martínez Torrijos tamén formulou o escrito de acusación contra o tuitero Jordi C.T, coñecido como @Puta_Espanya, que aceptou o acordo ofrecido polo propio fiscal dun ano de cárcere e sete meses de inhabilitación. O escrito de acusación recollía catro piadas sobre a vítima de ETA Irene Vila; un “merécelo Carrero”, e mensaxes como as seguintes: “Non por moito madrugar, Gora Eta Militar”, sob a etiqueta #Inventatupropiorefrán; ou “Bolinaga o vasco que tivo retido Ortega Lara, faleceu. Hoxe na sede de Vox xa sei que fillo da puta vai pagar as rodas”.

Mellor sorte correu no seu xuízo na Audiencia Nacional Rubén González González, que foi acusado dun delito de enaltecemento de terrorismo polo que procedía impor unha “pena de prisión de dous anos e seis meses” e unha multa de seis euros diarios durante 14 meses. O escrito de acusación da fiscal Teresa Sandoval recollía cinco chios. O primeiro foi publicado o 25 de setembro de 2015, cando se celebraron varias homenaxes ao cinco últimos fusilados por Franco. “Mais os únicos que se levantaron fronte á impunidade do estado fascista e deron xusta resposta a eses fusilamentos foron o Grapo”, escribiu.

A fiscal tamén recolleu que González tuiteara o nome do membro do Grapo Abelardo Collazo, abatido a tiros pola Policía Nacional depois de escapar da prisión, sob a lenda “heroe da clase obreira”. Tamén publicou unha imaxe do membro do Grapo Manuel Pérez Martínez co texto: “É comunista, non terrorista, Liberdade Arenas”. A fiscal tamén denuncia que o acusado escribira mensaxes como “a riqueza dos pobres é opor resistencia, ser o pesadelo do burgués que nos despreza” ou “os dereitos dos traballadores non se obteñen no Parlamento, conquístanse loitando nas rúas”. As dúas frases ían acompañadas de imaxes de “actos de violencia nas rúas ou kale borroka“, segundo a fiscal Sandoval. Finalmente, González tamén foi absolvido.

Por enaltecer o terrorismo do Grapo tamén foi xulgado, e nesta ocasión condenado, o cantante César Strawberry, líder da banda Def con Dos. A sentenza do Supremo considerou que o seis chios que se xulgaron do artista “alimentan o discurso do odio, lexitiman o terrorismo como fórmula de solución dos conflitos sociais e obrigan a vítima á lembranza da lacerante vivencia da ameaza, o secuestro ou o asasinato dun familiar próximo”. Mais que dixera Strawberry? Pois, entre outros, chíos como este: “O fascismo sen complexos de Aguirre faime estrañar até o GRAPO”; “A Ortega Lara habería que o secuestrar agora”; “Street Fighter, edición post ETA: Ortega Lara versus Eduardo Madina” ou “Cantos deberían seguir o voo de Carrero Blanco”.

Strawberry, con todo, fora absolvido pola Audiencia Nacional en primeira instancia. A sentenza absolutoria, por contra, foi recorrida polo fiscal Carlos Miguel Bautista, que sinalaba que as frases de Strawberry debían ser analisadas atendendo unicamente á literalidade do chío, sen ter en conta nin o autor, nin o contexto, nin o resto de circunstancias concomitantes. O recurso foi aceptado polo Supremo que acolleu a teoría da literalidade defendida polo fiscal Carlos Miguel Bautista.

O Valle de los Caídos e ETA como conflito político

O fiscal Bautista tamén sentou no banco dos acusados Erlantz López de Ocariz e Txomin Mirena Gil polas súas mensaxes en redes sociais. Os dous pactuaron co fiscal unha condena de ano e medio de cárcere e seis de inhabilitación para cargo público para evitar o xuízo.

No caso de Erlantz López, o fiscal Bautista incluíu no seu escrito de acusación mensaxes do condenado como o que segue: “ETA non é máis do que unha consecuencia dun conflito político, en canto non se revolvan as causas é imposíbel acabar coas consecuencias”. Así mesmo, atopamos outras frases que dificilmente parecen delituosas: “O problema non é a Kale Borroka senón os motivos que a xeran”. O escrito tamén recolle que Erlantz López deu a benvida nas súas redes a presos de ETA que ficaron en liberdade após cumpriren condena.

Doutra banda, o fiscal Bautista tamén pediu dous anos de cárcere para Txomin Mirena aínda que finalmente acordaron ano e medio. O escrito de acusación recolleu que o entón acusado realizaba a través da súa conta de Facebook con 415 “seguidores” un enaltecemento continuado do terrorismo. O texto recollía que Txomin Mirena sinalara o seu desexo de “bombardear o Valle de los Caídos (con todos aqueles que o defenden dentro)”. Así mesmo, tamén recolleu a seguinte piada sobre o asasinato de Carrero Blanco: “Fai hoxe 39 anos o primeiro voo tripulado da Axencia Aeroespacial Española, o almirante Luís Carrero Blanco comandaba a expedición”.

Xuízo pendente
O mesmo fiscal, Carlos Miguel Bautista, pide agora un ano e oito meses de prisión para o xornalista da Haine Jorge Correa, alias Boro. Bautista escribe na súa acusación que Boro chiou mensaxes “a favor do agrupamento” dos presos de ETA nos cárceres de Euskadi e Navarra sob os lemas (traducido do eúscaro) “actuando en favor de Euskal Herria”. O fiscal argumenta que “a posta en práctica da dinámica en favor dos presos de ETA foi ordenada por ETA en 1995”. Outra das mensaxes incluídas no escrito é que o acusado “publica a imaxe dun mapa en que se sitúan cun tricornio as unidades da Garda Civil no País Vasco, e comenta: ‘O mapa do terrorismo español en HegoEuskalHerria. AideHemendik /Fóra de aquí'”. Neste caso, o fiscal Bautista sinala que a expulsión dos Corpos e Forzas de Seguranza do Estado de Euskadi é “un dos obxectivos tácticos de ETA”.

Tamén se recolle neste escrito que o 7 de xaneiro de 2013 o acusado publicou a imaxe dunha persoa encapuchada cun cóctel molotov xunto co lema “Viva a loita na rúa”. Ao longo do escrito de acusación, que recolle até 23 publicacións de Jorge Correa nas súas redes sociais, cumúlanse varias mensaxes do acusado en que se pide o reagrupamento ou a amnistía para os presos de ETA. O xuízo a Jorge Correa celebrarase a semana próxima na Audiencia Nacional.

Alfredo Remirez Marañón durante su juicio por enaltecimiento del terrorismo. EMILIO NARANJO EFE                     Alfredo Remírez Marañón durante o xuízo por enaltecemento do terrorismo. Emilio Naranjo EFE.

 

Máis de 70 acusados e un en prisión
Estes son algúns dos casos das 76 persoas que foron detidas e acusadas de enaltecer o terrorismo en redes sociais cadro das diferentes operacións araña, segundo datos proporcionados pola Garda Civil a El País. De momento, só un deles, Alfredo Remírez, entrou en prisión. Foi condenado a dous anos por enaltecer o terrorismo de ETA con mensaxes en redes sociais. A sentenza sumábase a outra anterior polo mesmo delito, esta vez por portar un boneco de cartón coa cara dun preso de ETA, durante as festas de Amurrio. Remírez entrou en prisión durante a primeira semana de novembro. Días antes concedeu unha entrevista ao xornal Público: “A liberdade de expresión en España é como os billetes de 500: non hai para os pobres”.

ALEJANDRO TORRÚS

Fonte: Público