A Comunidade de Madrid podería estar negando e obstaculizando de forma sistemática o acceso á interrupción voluntaria do gravidez a mulleres migrantes en situación administrativa irregular. Así o denunciaron nesta cuarta-feira nunha queixa dirixida ao Defensor del Pueblo as organizacións Women’s Link e a Comisión para a Investigación de Malos tratos a Mulleres, en que recollen seis casos de mulleres a que se obstaculizou o acceso ao aborto na sanidade pública desta Comunidade. Segundo as organizacións trátase de mulleres altamente vulnerabeis e algunhas delas vítimas de tráfico e explotación sexual.

 

Organizaciones en Madrid se manifiestan en contra de lo que llaman el 'Apartheid Sanitario' (EFE)

 

Un do seis casos que recolle a queixa é o dunha muller nixeriana vítima de tráfico e grávida de nove semanas, que estivo durante 15 días reclamando que lle expedisen o documento de asistencia sanitaria para poder acceder á sanidade pública. Apesar de presentar o pasaporte e o empadroamento actualizado, pedíronlle un contrato de traballo en España ou unha autorización de residencia en vigor.

Tamén lle dixeron que o documento de asistencia sanitaria debía solicitalo na Tesouraría da Seguranza Social, organismo que non se ocupa de emitir este tipo de documento. Finalmente puido interromper o gravidez, mais tivo de ser coa axuda dunha organización. Cando por fin o conseguiu estaba de once semanas, unha data moi próxima ás 14 establecidas como límite por lei para poder someterse a un aborto.

No escrito, as dúas organizacións que traballan en favor dos dereitos das mulleres, realizan unha dura crítica ao Real Decreto Lei 7/2018, aprobado polo Goberno socialista, pois afirman que estas trabas están provocadas precisamente por este decreto, que restrinxe o acceso á sanidade para persoas migrantes que non teñen autorización de residencia.

Outro aspecto importante que desvela a denuncia é que, alén dos obstáculos que supoñen os requisitos do propio decreto lei, en moitas ocasións os centros de saúde impoñen outras condicións. Unha das máis habituais é ter que xustificar 90 días de empadroamento, “unha práctica que, aínda que non figura de maneira explícita na lei, esíxese demostrar” e que varía “en función do centro de saúde e da Comunidade Autónoma porque non é un criterio establecido, senón unha interpretación restritiva da lei”, afirman as organizacións.

Fontes da Comisión de Investigación de Malos Tratos, explican que neste seis casos as mulleres puideron finalmente acceder ao aborto grazas á intervención de diferentes organizacións, “mais non sabemos que pasou con outras mulleres a que non se informou correctamente ou que non contaron con apoios”. “Un paso imprescindíbel para acabar con esta discriminación é garantir que todas as persoas que teñen contacto coas mulleres estean correctamente formadas na lexislación actual e entendan que non pode obstaculizar o dereito ao aborto de ningunha muller, sexa cal for a súa situación administrativa”, engaden.

As dúas organizacións promotoras da queixa lembran que, segundo a lei de interrupción da gravidez de 2010, o acceso ao aborto debe estar garantido para todas as mulleres, sen discriminación por nacionalidade nin obstáculos ou demoras inxustificadas. Con todo, resaltan.

Un real decreto que obstaculiza o dereito ao aborto
“O impacto pola falta de acceso á sanidade pública é especialmente grave nas persoas en situación de vulnerabilidade (mulleres grávidas, menores de 18 anos, vítimas de tráfico, solicitantes de asilo e persoas que requiran atención en urxencias…). O novo decreto do 2018 non asegura a asistencia sanitaria para estes grupos, polo que deben cumprir cos requisitos establecidos”, afirman as organizacións nun comunicado.

A orixe do problema xurdiu co decreto impulsionado polo Goberno do Partido Popular en 2012 de prohibir o acceso á sanidade pública ás persoas migrantes en situación administrativa irregular. De feito, dos seis casos presentados polas ONGs, tres sufriron os obstáculos nese período, e as outras tres unha vez que o Partido Socialista aprobou un decreto Lei en 2018 para, supostamente, devolver a sanidade a este colectivo.

Na súa queixa, as organizacións denuncian que o real decreto impulsionado polo novo Goberno do Partido Socialista non recupera o acceso á sanidade universal anterior a 2012, ano en que o Partido Popular limitou o acceso á mesma dos migrantes en situación administrativa irregular. “Pola contra, o novo decreto mantén a división entre, por unha banda, persoas con nacionalidade española e persoas estranxeiras con autorización de residencia e, por outro, persoas sen autorización de residencia”. As persoas deste segundo grupo teñen agora dereito á atención sanitaria sempre que cumpran certos requisitos administrativos que non son sinxelos de cumprir.

Público