“A maioría da xente aprende a salvarse limitando artificialmente o contido da súa consciencia” (Thomas Ligotti, A conspiración contra a especie humana)

Non lles estrañe ver calquera día os xuíces entrando en xuízo levando debaixo do brazo non un código senón o que podería ser o libro de cabeceira de Rust Cohle en True Detective. No dos togados hai unha subtil mudanza de título respecto ao ensaio de Ligotti. De conspiración contra a especie humana mutou nunha conspiración contra o Poder Xudicial. A conxura converteuse no leitmotiv en que moitos xuíces esnafran o seu desalento polo incontestábel e persistente descrédito en que está a caer a súa función ante parte da opinión pública de todo o territorio nacional. Algunhas asociacións xudiciais chegaron a plasmar tal idea nos seus comunicados, decenas de xuíces fano cada día nas redes sociais e, o que é máis arrepiante, o propio Tribunal Supremo plásmao xa nas súas resolucións.

O máis complicado desta cuestión reside na fórmula utilizada para obviar o feito de existir un pensamento crítico que, desde diferentes ámbitos ideolóxicos ou políticos, mostra o seu malestar e a súa estupefacción por decisións que resultan incomprensibeis, arbitrarias ou simplesmente erróneas dalgúns dos seus compañeiros. “Existe a vontade de desacreditar os xuíces, de crear o ambiente propicio para pór fin á independencia xudicial”, bradan algúns nas redes e nos seus correos corporativos e mensaxerías privadas. As mulleres que protestan nas rúas pola sentenza de La Manada, os que alucinan co diferente tratamento a Casado, os que cren que os presos preventivos deberían estar en liberdade, os políticos que llo lembran, os catedráticos que consideran que os feitos non encaixan coa rebelión, os xornalistas que o denunciamos: todos formamos parte da conspiración contra a súa honra. O curioso é que dentro desta idea non só aniñan os xuíces máis conservadores e casposos senón que moitos de contornas supostamente moderadas tamén se uniron á festa de considerar que non só se trata dun feito orquestrado senón que “a única dúbida sobre esta prolongada e ampla campaña contra os xuíces é o que custa porque quen paga e canto vai durar é moi fácil de deducir”. Iso si, non o di.

O máis complicado de todo iso é que grande parte da carreira xudicial non é capaz de darse conta de que as críticas son reais e de asumir que a realidade engranada mais imperfecta do sistema que lles ensinaron é moi diferente á dexeneración que os feitos deixan transparecer. Non deixa de estar presente a dúbida sobre se persoas que demostran ser capaces de pór viseiras deste tamaño sobrenatural toman cada día co mesmo calibre a medida dos feitos que teñen sobre a mesa. Talvez por iso non din nada cando deberían ver estupefactos como o Tribunal Supremo considera nunha resolución con papel timbrado que a recusación legal dos seus maxistrados, amparada polo dereito de defensa, convértese nunha forma de “embazar a honorabilidade da xustiza española”.

 

Coa honra e co español topamos. A honra entendida como unha forma de blindaxe ante calquera control, inspección, escrutinio, crítica ou denuncia respecto de como algúns fan funcionar o sistema.

 

E aí, coa honra e co español topamos. A honra entendida como unha forma de blindaxe ante calquera control, inspección, escrutinio, crítica ou denuncia respecto de como algúns fan funcionar o sistema ou sobre os seus posicionamentos políticos que, por suposto, no seu imaxinario non afectan xamais á súa imparcialidade. Por iso puxéronse ben bravos coas filtracións do correo corporativo e non pararon de estigmatizar os que cren que traizoaron á omertá grupal por filtralos. Non é que o contido sexa inédito ou faga falta roubalo para saber que existen xuíces fortemente politizados no tema catalán e que non teñen prurito en facelo público, aínda que o disfarcen de técnica xurídica. “O independentismo naufragará na súa propia cutrez. Crían que en lugar de tratar con concidadáns almacenaban man de obra estúpida e agora non reciclan a rebelión dos que sempre desprezaron, nin os que consideraron traidores, os xustos de 8 apelidos que non tragan con esta merda”, ignoro o que quería dicir, é, como pouco, confuso, mais así con escatoloxía e todo pronunciábase un xuíz sob anonimato no Twitter. Outro, con nome e apelidos, acusaba eldiario de Madrid que revelou os correos e o seu director de “manter unha estraña alianza cos independentistas”.

E mentres así berran, prefiren esquecer que na segunda feira comezou o seu novo curso como flamante fiscal a filla do maxistrado Marchena. Un feito froito dun trato de favor en que interviron Gema Espinosa -a directora da Escola Xudicial e muller do xuíz Llarena- e o presidente Lesmes para conseguir que unha vez ingresada na carreira xudicial e comezados os seus estudos en Barcelona no curso pasado, puidese voltar atrás, elixir a carreira fiscal e ficar a estudar en Madrid. Algo inédito, irregular e imposíbel até a data mais sobre o que se negou toda documentación. Esta semana Podemos voltou esixir no Congreso que se examinase a licitude do que parece un favor de Espinosa e Lesmes a Marchena e que obrigou a realizar mesmo unha mudanza de partida orzamentaria para atender o caso único da filla do maxistrado que presidirá o xuízo do procès. O CXPX ignorou as asociacións xudiciais e de fiscais que lle esixiron que entregase todos os papeis sobre este caso escandaloso sobre o que xa teceron as forzas vivas un manto de silencio ‘polo ben de España’. Deixan de lado tamén un asunto tan inaceptábel como que a que fora segunda do exministro Catalá se permitise levantar o teléfono para saber que ía facer unha maxistrada respecto de Pablo Casado. Esixiron respecto mediante comunicados á vicepresidenta do Goberno por considerar que a prisión preventiva podería ser levantada, mais nunca preguntaron pola maxistrada da Audiencia Nacional que filtrou ao PP que os escoitaban no caso Lezo. Ese é a peneira.

Non son todos mais son moitos e non só cren que o mundo se confabula contra a súa posición sobre o pedestal senón que non teñen prurito en manifestalo porque, como é sabido, a imparcialidade presupónselles como a honra e porque facer publicamente declaracións políticas é algo que non os inflúe xamais no xuízo. Teñen na mesa de noite o seu libro sobre conxuras. Só resta esperar que non lles mute na dos necios.

El Nacional