O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ratificar a condena contra a CRTVG por sancionar un traballador como represalia por mobilizarse nos venres negros. Desestimou así o recurso de suplicación presentado pola Corporación contra a sentenza do Xulgado Social Número 1 de Santiago, que anulara a sanción que fora imposta ao xornalista e locutor Carlos Jiménez, un dos rostros máis visibles e implicados na protesta contra a manipulación nos medios públicos impulsada polo colectivo Defende A Galega.

Aquela sentenza advertira da “relación causal e tamén temporal” da sanción que lle fora imposta a Jiménez cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e “coa manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación”. E advertira de que a “inmediatez temporal existente entre a mobilización Venres Negros iniciada a finais de maio de 2018 con activa participación do traballador”, permitía concluír que a sanción fora “unha resposta da entidade demandada á actuación legal e xornalística do demandante nunha relación causa-efecto“.

.

 

                                    Persoal da CRTVG mostra carteis de apoio a Carlos Jiménez no 26º venres negro Dominio Público Defende a Galega

 

Agora, as tres maxistradas do Tribunal Superior que asinan esta nova sentenza coinciden co ditame do xulgado en que o traballador viu vulnerado o seu dereito á liberdade de expresión e información. Ademais, reiteran en destacar a “inmediación temporal entre a apertura do expediente disciplinario” e a “participación activa do demandante nos venres negros, moi activo “nas redes sociais”, e que “tiña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores do que consideraban por parte da dirección de políticas de manipulación informativa”.

 

O Superior destaca que a CRTVG “non probou” que a sanción a Carlos Jiménez non obedecese ás represalias pola súa participación activa nos ‘venres negros’

 

No ditame, o TSXG destaca que a Corporación, fronte á coincidencia case temporal entre a apertura da expediente e o inicio dos venres negros, “non probou que a sanción tivese obedecido a un propósito alleo ás represalias polas accións exercitadas” no marco da mobilización. Ademais, impón á CRTVG unha indemnización de 6.251euros por danos e prexuízos por vulneración de dereitos fundamentais.

O caso data xa do outono de 2018, cando a CRTVG arquivou o expediente que abrira á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitira dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento íntegro da lei de medios. A Corporación expedientáraa por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro.

Escasos días despois, a CRTVG expedientou a Carlos Jiménez, un dos rostros e voces máis coñecidos dos medios públicos que, ademais, gañara ao ente nos tribunais máis de quince litixios nos que lograra que quedase acreditada a súa relación laboral indefinida. Acusábano de incorrer nunha incompatibilidade por locutar un programa realizado por unha produtora externa para a propia TVG, labor que realizara dende había décadas con diversas empresas e para a que obtivera a compatibilidade explícita en 2008, antes do seu recoñecemento xudicial como indefinido.

No seu caso, o expediente si chegou a termo e traduciuse nunha sanción: suspensión de emprego e soldo de nove días. Jiménez recorreu á Xustiza e o xulgado do Social número un de Santiago deulle a razón por partida dupla o pasado mes de sanción. Anulou a sanción e ademais, concluíu que “existen indicios acreditados de modo obxectivo polo traballador” dos que cabe concluír unha “relación causal e tamén temporal” da sanción cos procesos xudiciais que o traballador gañou á CRTVG e “a manifestación da súa discrepancia xornalística a respecto da política informativa da corporación”. O traballador viu vulnerado o seu dereito á tutela xudicial efectiva “na súa vertente de garantía de indemnidade” e mais á liberdade de expresión.

.

 

                            Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

 

 

Daquela, a xuíza, como fixera a Fiscalía, non dera validez aos argumentos de fondo esgrimidos pola CRTVG: “Por máis que o actual responsable da área de contidos accedese ao posto” en 2017, “non resulta razoable considerar que a CRTVG non tivese coñecemento do intensísimo labor” de Jiménez “como locutor en produtoras privadas con carácter previo a 2018”, ano do expediente e tamén ano no que comezaron as protestas dos venres negros.

O pasado mes de xaneiro, o director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, mantivera que a sanción contra Jiménez fora correctamente formulada dende unha óptica “estritamente laboral” e restaba valor a que a sentenza sinale que o traballador sufriu represalias porque “se concluíu en base a indicios”

Agora, o TSXG desestima o recurso da CRTVG e confirma “integramente” a sentenza do xulgado santiagués. A Corporación terá a posibilidade de interpoñer un recurso de casación para unificación de doutrina.

Coñecido o ditame do Tribunal Superior, Defende A Galega agradeceu o “compromiso” de Jiménez e advertiu de que a sentenza “confirma” o que o colectivo dixera “hai xa máis de tres anos: que a sanción era unha represalia polo apoio aos venres negros“.

Ademais, desde a CUT, sindicato cuxo avogado levou o proceso do traballador, indícase que a sentenza “pecha de maneira significativa unha batalla estéril da CRTVG para o encubrimento dos seus propios actos, co mo a persecución cara traballadores e traballadoras do medio que se comprometeran na denuncia da manipulación informativa”.

A voceira da Sección Sindical, Raquel Lema, esixe “un proceso inmediato de depuración de responsabilidades, posto que a dirección dun medio público condenado polo máis alto tribunal galego por atacar o núcleo dos dereitos dos seus traballadores, especialmente o seu dereito a informar e a expresarse libremente, non é unha dirección nin útil, nin democrática, nin respetábel”.

Praza Pública