Vivimos días que, teño a certeza, a maioría de nós, por non dicir todos, non pensáramos nos tocase vivir xamais e que terán un impacto enorme sobre o noso futuro persoal e colectivo. Nesta altura xa é evidente que a crise sanitaria nacida co coronavirus é hoxe tamén unha crise económica e política sen procedentes. Seguramente a maior da historia.

Estamos en medio do que acontece e é portanto moi difícil prever o que pasará mañá, cando dalgún xeito consigamos controlar a pandemia. Mais paréceme que hai cousas que podemos comezar a intuir.

En primeiro lugar, está o medo, que ten un papel determinante na hora de mover o modelo social nunha dirección ou noutra. Ao longo deste século os poderes políticos e económicos ocupáronse con intensidade de xeneralizar o medo. Despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 e a grande crise económica do 2008 as nosas sociedades interiorizaron o medo da catástrofe, o que explica en parte a naturalidade con que se obedece agora ordes tan duras como as que recibimos.

O medo, por si mesmo, non está mal. Ter medo é razoábel porque nos pon en alerta. Mais sí que é mala cousa que o medo nos paralise. E aquí reside un dos puntos chave deste momento. Creo que é preciso entender que desde o estado se quer utilizar este medo razoábel -e cando digo desde o estado quero dicir desde todos ou a grande maioría dos estados- para expandir os seus poderes.

Recoñezo que o debate é complicado, mais non se pode deixar fora do ámbito da discusión pública, como algúns quererian. Cando nos peden que permitamos que vixien os nosos teléfonos móveis para saber como se move a xente, o argumento é que se fai por unha causa boa. E cando utilizan a forza para obrigar xente irresponsábel a ficar na casa podemos entender que agora, neste momento concreto, iso é por unha boa causa.

Mais embora iso sexa razoábel, a historia tamén nos ensina que en política hai unha verdade permanente: cando un goberno toma unha decisión e pode mantela sen oposición popular, ou case, esta medida xa está validada para sempre e ao seu dispor no seu arsenal. O 155 era impensábel, mais unha vez aplicado poden aplicalo tantas veces como queiran sen tantos formalismos, como fixeron agora pola vía do estado de alarma, en cuestión de minutos. Que os militares teñan un papel de dirección pública da política era algo impensábel até a semana pasada, mais agora os socialistas normalizárono e esta ferramenta terríbel está ao dispor de calquer goberno -se mañá Vox formar goberno e puxer militares a dirixir o estado sempre poderá agarrarse ao precedente de Sánchez para o xustificar.

É verdade que non hai como unha crise sanitaria global para reforzar o autoritarismo e o control social, porque coa escusa de que se trata dunha emerxencia apolítica pode facerse, aparentemente, por razóns de sentido común. Ora, iso quer dicir que estaremos condenados a aceptar todos os pasos atrás e non poderemos reacionar a este aproveitamente indecente do medo?

Creo que non, e si o creo é porque me parece que hai dúas cousas que tamén mudan radicalmente por causa da crise do coronaviruos: son o papel da sanidade pública nas nosas sociedades e o modelo desenfreado de capitalismo selvaxe globalizado.

Que a era das políticas de austeridade acabou bruscamente paréceme tan evidente que non vale a pena perdermos un segundo en comentalo. Ora, a cuestión é o que virá despois. A era da austeridade obrigada ía destinada a asentar un modelo de capitalismo deslocalizado, global, sen vínculos coa comunidade e despiedado no método, por abstracto. Empresas sen amos, xeridas por executivos que só teñen en conta o beneficio a curto prazo, que toman decisións afastadas do impacto que esas medias teñen: Glovos ou Amazons, para nos entendermos. Mais a crise que desatou o coronavirus é dunha dimensión tan colosal que nin as cen grandes marcas globais están seguras de a poder resistiren. De modo que a sociedade terá de cuestionarse á forza se o camiño emprendido no final dos anos noventa é sustentábel ou suicida.

E no debate emerxirá inevitabelmente a solidariedade dos de abaixo, emerxencia que despois dunha crise como esta non será sinxela de disimular con propaganda ou provocando crises ainda maiores. E haberá, teño a certeza absoluta, un punto focal que xa agora ten a forza de mudar a sociedade completamente, de converterse non grande instrumento para reforzar un modelo razoábel e humano de xestión pública: a defensa do sistema de saúde.

Porque non sei con que cara podería alguén atreverse a negar que o sistema de saúde é un elemento central da sociedade, que non pode ser cuestionado nin discutido de ningunha maneira. O sistema de saúde entendido como o dereito que todos os membros dunha sociedade, con independencia da súa condición, teñen de ser tratados con dignidade en caso de doenza converteuse hoxe, con toda crueza, na última barreira contra o caos e a morte da civilización. E os traballadores deste sistema sanitario aparecen aos nosos ollos como os heróis que pensan en todos nós, que poñen a súa vida, literalmente, a disposición da sociedade e fan máis do que lles corresponde facer pola paga que reciben.

Nestas condicións, non sei imaxinar de que maneira un goberno, cando todo isto pasar, ousará negar os reforzos económicos e os reforzos de todo tipo que o sistema sanitario necesitará. Non podo nin pensar como a sociedade que emerxirá da crise do coronavirus podería aceptar que alguén propuxese unha volta atrás  neste terreno. E portanto esta, paréceme, será a alavanca chave para reconquistarmos o que nos é común, para voltarmos a reclamar un modelo de relacións políticas, económicas, sociais e culturais razoábeis, sensatas e honestas. Porque se unha cousa deixou claro esta crise é que o sistema económico, político, social en que vivimos hoxe é dunha fraxilidade e dunha irresponsabilidade que reclama unha emenda á totalidade.

PS. Tres notas de actualidade:

– Hoxe chegará a Manises o primeiro avión dos dous que contractou a Generalitat Valenciana para transportar material sanitario desde a China. Con iso deu toda unha leción de rigor e axilidade, non só ao goberno español senón tamén a gobernos en principio máis preparados e con máis recursos, como por exemplo o da Generalitat de Catalunya.

-Non teño palabras para calificar o comportamento dos letrados do Parlamento de Catalunya, que se manifestaron contra o pleno telemático que reclamara o president Torra. Ainda que non é unha grande sorpresa, porque estes últimos anos distinguíronse pola incompetencia e o exceso de celo, sempre a favor da represión do estado.

-Ainda teño menos palabras para calificar o xeneral Villarroya. Que esta personaxe abominábel comece unha conferencia de prensa dicindo ‘sen novidade na frente’, como se estivese a facer brincadeiras nun cuartel e sen mostrar a mínima sensibilidade recomendábel é gravísimo. Se tan valente é, que explique aos familiares dos 462 mortos que houbo xa no estado español nestas últimas horas que non son ningunha novidade significativa.

Vicent Partal

VilaWeb