Internos de diversos centros protestan pola falta de medidas de seguranza nos cárceres, sobretodo nas relacións cos traballadores e reclaman manter un contacto comunicativo co exterior. Os sindicatos de funcionarios peden ser dotados de equipamento de protección. Actualmente o 20% dos traballadores dos establecementos prisionais está de baixa.

.

 

Presó de dones de Wad Ras, a Barcelona. Departament de Justícia
Prisión de mulleres de Wad Ras- Barcelona
.
.
Mais como se vive a pandemia nas cadeas catalás? A dia de hoxe, xa foron confinados totalmente o penal de mulleres de Wad-Ras, en Barcelona, os módulos 5 e 13 dos presidios de Brians1 e Brians2 e o módulo feminino deste último cárcere. O director do Observatorio del Sistema Penal i Drets Humans (OSPDH), Iñaki Rivera, denuncia que esta medida imposibilita saber o que acontece no interior. “Trátase dunha restrición moi severa das condicións de vida no interior. O isolamento total das persoas por cuestións sanitarias non pode aplicarse como se fose un isolamento disciplinar”. O activista explica que as comunicacións das prisións co exterior foron cortadas, un feito que xera un grande impacto tanto nos internos como nas súas familias. “As comunicacións, tanto as normais como os vis a vis, son sagradas. É un asunto fundamental. A suspensión do contacto co exterior afecta de maneira brutal as persoas.”
Esta é a medida que se aplicou no cárcere de Wad-Ras no pasado 17 de marzo, a partir da cal as presas deixaron de poder recibir todo tipo de visitas familiares en tanto, por outro lado, continuaban tendo contacto cos traballadores da cadea, que tamén poderían ser portadores do coronavirus. As presas decidiron responder iniciando unha greve de fame. “Iniciamos unha greve porque os funcionarios viñan sen máscaras nin luvas. Veu a subdirectora e dixémoslle que unha das nosas compañeiras estaba contaxiada e nós convivíramos con ela na mesma cela. Demandamos que nos fixesen a proba, que temos síntomas, e non nos fixo caso”, afirman nun comunicado divulgado polo perfil Solidaritat Rebelde en Istagram.

 

Presas de Wad-Ras iniciaron unha greve de fame para denunciar a falta de medidas de seguranza no centro no contacto cos funcionarios

As presas reclaman que non se adien as datas de revisión de graos e autorizacións de saída, que sexa habilitado un sistema de vídeo-conferencias co exterior ou que se poñan en marcha alternativas para pasar o tempo, como por exemplo clases en liña, máis tempo de patio ou que “se facilite diñeiro para poder facer as chamadas”, unha medida que Xustiza xa aplicou para as persoas que acrediten falta de recursos. Tamén reclaman a liberdade para as presas de segundo grao con bo comportamento e para aquelas que teñen máis da metade da pena cumprida, así como para as nais, as idosas e as máis vulnerábeis por estado de saúde. No entanto, estas demandas provocaron que tres das presas fosen levadas a isolamento, e dúas delas tranferidas a Brians nunha condución non autorizada, unha información divulgada polas redes sociais e confirmada polo OSPDH.

Protestos

Este protesto non é, contodo, o único que se produciu nas prisións catalás. Os internos de Brians tamén protagonizaron disturbios para demandar poder conectar novamente co exterior, tal como explica Xavi Martínez, delegado sindical de funcionarios de prisións da UGT, que é o sindicato maioritario no sector. “En Brians 1, un feito puntual cun interno foi aproveitado por 30 máis para reclamaren a recuperación dos contactos co exterior. E outros 30 fixeron reclamacións conxuntas no patio. Posteriormente, soubemos que 60 internos preparaban accións reivindicativas máis violentas, mais conseguimos que finalmente non se producisen.”. Para evitalo, Martínez explica que os funcionarios “acudiron todos xuntos” ao módulo: “Tivemos de deixar outros espazos do cárcere sen seguranza”.

De momento, Xustiza iniciou un plano piloto no cárcere de Quatre Camins para que os internos podan comunicarse coas súas familias por vídeo-conferencia. Estas chamadas se poñen en marcha através dun programa gratuito que permitirá comunicar coas persoas reclusas desde teléfonos, tablets e computadores dos familiares. O Departamento tamén fixo un pedido de 230 teléfonos móbeis que serán repartidos entre todos os equipamentos prisionais para que podan comunicarse por vídeo-chamadas mediante o Whatsapp.

Con diferenza ao que di Iñaki Rivera, este sindicalista atribúe as demandas dos presos á falta de acceso ás drogas polo confinamento. “A falta de droga é un factor importantísimo que afecta a convivencia. O tráfico de estupefacientes que se move nas prisións parou, non hai comunicación nin saídas ao exterior, e iso fai que haxa incidentes constantemente”.

MARIA RUBIO 

Público