A balanza sempre me pareceu o símbolo perfecto do interese de Estado. Para onde se inclinará? En casos con vinculación política, sempre para o lado do poder. Sempre!

 

 

Dous incidentes case simultáneos en Amurrio, en Araba, hai dous anos. Unha familia coñecida recibiu un disparo de arma de fogo no seu caserío. Esta familia, que estaba no cuarto onde fixo impacto a bala, tiña unha bandeirola en favor dos presos. A Ertzaintza tardou catro días en realizar unha inspección, en que, por fin, confiscou un arsenal de armas de guerra. O atestado foi interposto ante o xulgado de Amurrio, imputando ao autor, un coñecido ex-policía español, un delito de danos. Ben conectado con estamentos poderosos, non se adopta ningunha medida contra el.

Unhas semanas antes un paseante atopara en Durana un bidón abandonado con substancias inflamabeis e foguetes que se poden achar no mercado, e deu aviso á Ertzaintza. Esta non vacila por un minuto: son feitos de terrorismo. As probas realizadas sobre un material á intemperie durante anos non ofrecen dúbidas: pertence a un mozo de Amurrio, Galder Barbado, outro de Gasteiz, Aitor Zelaia. Son detidos con nocturnidade, conducidos á Audiencia Nacional e ingresados en Soto del Real.

Dous casos, un de gravidade (pensen un disparo con outra motivación ou outro desenlace) sen reacción policial-xudicial. Outro sen repercusións prácticas, mais con consecuencias draconianas para dous mozos. «Dereito de autor» en estado puro: non depende do que se fixo, senón de quen o fixo.

O atestado da Ertzaintza falaba «do zulo de Durana», que contiña «elementos para a elaboración de artefactos explosivos», «armas típicas da kale borroka» cun «método de conservación de materiais, bidón de plástico hermético que foi historicamente usado polos comandos de ETA». Galder e Aitor, conformaban «un talde próximo ao MLNV». O principio de realidade da Ertzaintza é que «a organización terrorista ETA e as organizacións que estiveron vinculadas ou próximas ao terrorismo etarra continuaron coa intimidación e asedio a certos sectores da sociedade». E ilustra: «Como feitos máis graves poderían ser enumerados nomeadamente o acontecido na localidade navarra de Alsasua onde o clima hostil cara aos axentes da Garda Civil é palpábel», clima que a Ertzaintza atribúe a ETA. Unha organización que levaba sen actuar unha década e que se desprendeu xa do seu armamento.

.

 

 

 

Esa narrativa sería groseramente falaz se fose a título da omnipresente «batalla do relato». Todo vale por vazar unha mensaxe maniquea do acontecido neste país, sen ningunha base de certeza. Mais non é unha licenza artística, unha dramatización para vender máis exemplares. Non estamos ante un produto editorial ou áudio-visual máis de ficción. É un atestado policial sobre o que se sutenta unha cualificación imposíbel e obscenas solicitudes de condena (oito anos de prisión para cada mozo). É un relatorio policial que destrúe dúas vidas e as da súa contorna máis próxima. É un expediente que dinamita a máis básica convivencia nas comunidades de Galder e Aitor. E é que, após esa esixencia de «esclarecemento» de feitos de violencia que esgrimen asociacións, partidos e responsabeis gobernamentais, non hai unha aspiración de verdade, menos aínda de xustiza. Non é unha reivindicación baseada na «dignidade das vítimas», inexistentes neste caso. É a coarctada perfecta para traer máis violencia a este pobo; para levar a prisión máis xente, castigar vascos outra vez e dar alimento a unha axenda autoritaria. Demostrar que poderes mandan. Unha axenda cuxas conexións, infelizmente, acaban tamén na Ertzaintza.

Interpelei en sesión parlamentar á conselleira de Seguranza sobre estes feitos, sobre a interpretación que facía do termo «terrorismo» e por qué llo adxudicaba a un caso e por que non ao outro. Respondeume que eu levantaba un «debate falso». Claro, é moito máis sinxelo: «A Ertzaintza en ambos os casos realizou o seu traballo e os xuíces referendárono». Que fácil. É o sistema, (estúpido). É o que hai, isto funciona así. Simone de Beauvoir dixo «non hai abusos ou excesos, simplesmente un sistema que abranxe todo».

E claro, se iso interpreta hoxe en día a Ertzaintza, que non pensará a Audiencia Nacional? A xustiza española é o último bastión desde o cal adoptar decisións insustentabeis. A Audiencia Nacional, cada vez coa intervención máis entusiasta do Tribunal Supremo, constitúen a punta de lanza dunha caza ás bruxas; da interpretación excepcional como norma; do dereito penal non do cidadán, senón do inimigo; diso que agora chamamos o «lawfare», quer dicir, o emprego da lei como arma de guerra para impor decisións cun verniz xurídico, mais que só se entenden desde a súa dimensión política. «Os xuíces», aos que apelaba a ex conselleira de Seguranza, son o último reduto visíbel e evidente do Estado profundo, das cloacas do poder que só entende de vinganza e castigo ao disidente, reliquias dun fascismo moi presente.

Participa tamén a Ertzaintza do Estado profundo? Ten os seus propios cadros para esa represión autoritaria? Están amparados pola súa dirección? Ese é o meu temor. No estado actual das cousas, tentando asentar un escenario de paz e convivencia, enfrontámonos novamente a unha montaxe policial e xudicial, en que Ertzaintza e Audiencia Nacional entrelazan os seus terminais.

A espada e a balanza, así se representa a xustiza. A balanza sempre me pareceu o símbolo perfecto do interese de Estado. Cara a onde se inclinará? En casos con vinculación política, sempre cara ao lado do poder. Sempre! Galder e Aitor demostrarán que son vítimas dunha montaxe, farán valer a súa inocencia e gañarán o xuízo… E, como aconteceu en tantos outros casos, perderán a sentenza, porque o poder o decidiu así! A espada non precisa máis explicacións. Non permanezamos polo menos nós cos ollos vendados, como se aquí non pasase nada.

Besarkada bero bat eta indar guztia, Galder eta Aitor.

Julen Arzuaga

Parlamentar de EH Bildu