O Goberno prepárase para atender a orde do Constitucional que o obriga a indemnizar todas as persoas encarceradas preventivamente que foron despois absolvidas polos tribunais.

 

Cerca de treinta presos escapan de una cárcel en Brasil y causan caos en las vías

 

O Ministerio de Xustiza ainda non calculou o diñeiro que terá que pagar para cumprir a sentenza ditada en xuño polo Constitucional, que o obriga a indemnizar as persoas presas preventivas cuxos procesos terminaron en absolución ou arquivamento libre. Fontes do Ministerio de Xustiza aseguran que : “Terá unha repercusión importante nas nosas contas”. Os últimos datos da secretaría xeral de Institucións Penitenciarias (a data 1 de xaneiro de 2019) certificaban que a 1 de xaneiro de 2009 había no Reino de España 9.309 persoas en réxime de prisión preventiva, unha medida que ditan os xuíces cando ven risco de destrución de probas ou de fuga dos acusados.

Será o Ministerio de Xustiza quen deberá pagar as indemnizacións que fixa a mudanza de lexislación após a sentenza do Constitucional do pasado xuño que pon fin a unha anomalía histórica: ninguén pagaba no Reino de España polos anos que pasaban en prisión preventiva persoas inocentes. Até esa modificación normativa só existía compensación nos casos en que ficaba demostrada a inexistencia de delito. Dito noutras palabras, en supostos como un proceso por asasinato en que a suposta vítima aparecese con vida.

Se, pola contra, a existencia do delito ficaba probada no proceso xudicial a lei exoneraba o Goberno da responsabilidade de compensar os sospeitosos encarcerados en réxime preventivo que finalmente fosen absoltos. Todo iso mudou en xuño de 2019.

A sentenza ditada polo Constitucional abre un novo escenario cuxas consecuencias -en diñeiro- aínda non foron valoradas polo Goberno. Calquera preso preventivo cuxo proceso finalice en sentenza absolutoria ou arquivamento libre poderá pedir o pagamento dunha indemnización mais, por agora, o Goberno decidiu resistirse a pagar esas compensacións de maneira automática.

O criterio adoptado pola Avogacía do Estado recomenda o estudo das reclamacións “caso por caso” e obrigará os reclamantes a acreditaren que os meses ou anos de prisión xeraron “un prexuízo obxectivo”.

O procedemento de reclamacións que abre o Constitucional ten o seguinte camiño: os prexudicados poderán reclamar directamente ao Ministerio, que deberá responder cunha resolución administrativa fixando se se acepta a compensación e cal é o montante a pagar. Caso haber desacordo, os afectados poderán recorrer pola vía contenciosa nun novo proceso xudicial onde os avogados do Estado defenderán o Goberno cos criterios das indicacións que recibiron do ministerio de Xustiza.

Sen previsións exactas sobre as partidas que o Goberno deberá asumir a partir de agora, sobre o día a día dos xuíces paira outra consecuencia: “Van ter máis coidado cada vez que ditaren unha prisión preventiva”, aseguran fontes xurídicas

A equipa do Ministerio defende que as novas regras non supoñen un cuestionamento dos encarceramentos preventivos: “Non se trata de erros xudiciais senón de decisións taxadas en base a criterios como o risco de fuga ou a posibilidade de reiteración delituosa que están perfectamente reguladas”, explican. Á espera das reclamacións que se fagan, os portavoces de Xustiza conlúen: “Estamos ao que chegue”.

9.000 persoas en prisión preventivas
Segundo os datos da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a 1 de xaneiro de 2019 había no Reino de España máis de 9.000 persoas nesta situación. A media de estadía en prisión das persoas neste réxime é de 399 días.

Segundo fontes do Consello Xeral do Poder Xudiciario, “os xuíces españois son moi restritivos á hora de acordar prisión preventiva”. A medida só pode ser imposta caso concorreren algúns dos seguintes supostos: risco de fuga, risco de destrución de probas ou risco de reiteración delituosa. A regulación da prisión preventiva foi obxecto de sucesivas reformas que fixeron que a súa adopción ficase suxeita a criterios moi taxados: excluíuse a ‘alarma social’ como un dos motivos que permitían a súa adopción e estableceuse a obrigatoriedade de o xuíz ter que apoiarse nunha petición de parte para a adoptar, sen posibilidade de facelo ex officio.

O Reino de España é un dos estados europeos con menor taxa de poboación recluída en situación de prisión preventiva. Segundo o último relatorio, publicado en 2016, do Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, a percentaxe de presos preventivos sobre o total da poboación recluída en España é do 12,9%.

En estados do noso contorno, as percentaxes de presos preventivos con respecto ao global da poboación reclusa ultrapasan con moito os datos de España: Bélxica (37%), Dinamarca (35,3%), Francia (29,3%), Italia (35,1%), os Países Baixos (45,8%), Noruega (27,9%), Portugal (17,3%), Suecia (26,6%) e Suíza (20,7%).

eldiario.es