O maxistrado do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, ditou un auto en que acorda que “non ha lugar a prohibir o acto ‘Ospa Eguna’ ou ‘Día do adeus’ previsto para mañá en Altsasu (Nafarroa)”. O ‘Ospa Eguna’ é unha festa da esquerda abertzale contra a presenza da Garda Civil en Euskadi e Nafarroa.

Ademais, Moreno acorda enviar oficios ao Departamento de Interior do Goberno de Nafarroa, así como das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado, para proceder ao pertinente control e seguimento do acto convocado “adoptando as medidas necesarias para evitar que no curso do mesmo se realicen actos que puideren ser constitutivos de delitos de enaltecemento ou xustificación de delitos terroristas ou de quen participar na súa execución, ou de descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou os seus familiares, competencia da Audiencia Nacional ou, no seu caso, doutros feitos delituosos, e no caso de se produciren, proceder á identificación dos seus autores, con instrución das correspondentes dilixencias, póndoo en coñecemento deste Xulgado”.

O xuíz argumenta que non existe constancia algunha que permita afirmar, coa esixencia que en Dereito se require para poder restrinxir os dereitos fundamentais dos cidadáns, recoñecidos constitucionalmente, que se produciu ou vaia producirse delito algún, no acto denominado ‘Ospa Eguna’ ou ‘Día do adeus’.

E engade que deberá ser a Autoridade Gobernativa competente, neste caso a Consellería de Interior do Goberno Navarro, quen decida sobre se a convocatoria denunciada se axusta á normativa para a súa celebración.

As asociacións da Garda Civil consideran que o ‘Ospa Eguna’ é unha ‘humillación, un asedio e o fomento do odio’ contra os membros do Instituto Armado e as súas familias. Compre lembrar que o ‘Ospa Eguna’ é un dos actos en que participaron algúns dos mozos de Altsasu que foron condenados a penas de entre 2 e 13 anos de cárcere por agresión a un tenente e un sarxento da Garda Civil e as parellas destes o 15 de outubro de 2016, durante as festas da localidade.

Diario16