Outros dous axentes do corpo armado estaban acusados de teren sido subornados e polos delitos de colaboración coa prostitución e por omisión do deber de perseguir delitos xa que frecuentaban o clube, mais non para investigar senón para ser convidados a copas e comidas, alén de ser agasallados no Nadal con botellas de viño polo dono do bordel, segundo conta o diario galego El Progreso.
A Procuradoría cita xurisprudencia do Tribunal Supremo para sinalar que estes agasallos eran “actos de cortesía que non comprometen a imparcialidade”, dado que tiñan pouco valor para constituíren un delito de suborno impropio.
Unha menor no prostíbulo
Outra das pezas referidas ao Liverpool investiga a prostitución de menores, despois de ter sido identificada no bordel unha moza de 17 anos. A moza recoñecería que ela mesmo falsificara a data de nacemento do pasaporte que mostrara ao dono do prostíbulo. A Policía, ao detectala, limitouse a comprobar se estaba no Reino de España de maneira regular, polo que a Procuradoría exonera o dono do bordel porque “non se pode esixir ao imputado unha dilixencia e celo maior que aos propios funcionarios de Policía”.
Neste aspecto, a Fiscalía tamén defende a inocencia dun dos gardas civís investigados, que chamou o dono do bordel para o avisar de que sería chamado a declarar polo caso da menor de idade. Despois do aviso, Eladio O Mediorella apresouse a ir ao cuartel para declarar de forma voluntaria. Contodo, a Procuradoría cre que non houbo fuga de información nin delito de revelación de segredos senón unha “mera infracción administrativa” de “moi escasa entidade”.
Prostitución voluntaria
Por último, a Fiscalía non ve delito na acutación do dono do bordel e exonérao da acusación de proxenetismo. Segundo declararon as mozas do prostíbulo, o dono “tiña mal carácter” e “era esixente co traballo”; “suxeríalles; nunca impuña” os clientes cos que deitarse, achegándose a eles con “unha baeta ou un cinceiro, ou se era careca tocaba a cabeza” e pedíalles “que non usasen preservativo xa que se gañaba máis”.
No entanto, para a Procuradoría eses testemuños “esclarecen calquera dúbida” de que puidese haber delito porque, embora teña claro que o dono tiraba beneficio da prostitución, esta non era imposta de maneira coactiva, ben mediante engano ou abusando dunha situación de necesidade ou superioridade, e “as mulleres que exercían a prostitución no local o fixesen coaccionadas”.