O procurador superior da Galiza, Fernando Suanzes Pérez, acaba de asinar un decreto polo que remite ao Tribunal Supremo a denuncia interposta ao Ministerio de Defensa español polo Colectivo de Presas e Presos Políticos da Ditadura en Ferrol.

No día 10 de febreiro un dos membros do Colectivo que presentou a denuncia, Manuel Monge, declarou a Nós Diario: “É todo un despropósito que 46 anos despois siga a haber rúas con nomes de franquistas, non só en Ferrol, tamén en toda Galiza”. Sinalaba o activista pola memoria en referencia á negativa do Ministerio dirixido por Margarita Robles a retirar simboloxía franquista das rúas galegas.
Agora, despois de interposta a denuncia, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), estabelece que “os feitos supostamente delitivos veñen atribuídos a autoridades do Ministerio de Defensa que non teñen a consideración de aforadas perante a xurisdición do TSXG”.
O colectivo de presas e presos, nunha nota de prensa, salientou que esta situación “volta a gañar actualidade” e lembran que a cidade de Ferrol aspira ao recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) e que para que iso poida acontecer, a cidade non pode “persistir en honrar coa denominación das súas rúas quen traizoou a vontade do pobo e a legalidade”.
Entre algunhas das rúas ferrolás que aínda hoxe manteñen nomes de franquistas, encóntranse a Almirante Fernández Martín, a Marqués de Alborán ou a Almirante Vierna.

