A defensa considera “desproporcionada” a petición, que sería a terceira, e considera que, de aceptarse finalmente, podería incorrerse en “abuso procesal”.

 

 

Hai tres anos a Garda Civil detiña 9 militantes independentistas, membros de Causa Galiza, aos que acusaba de delitos como enaltecemento do terrorismo ou integración en banda armada. Tres anos despois, o proceso continúa na fase de instrucción, nun “limbo xurídico” como denuncian as persoas encausadas; que aínda prode prorrogarse máis. A Fiscalía vén de solicitar unha nova prórroga, sería a terceira, nas investigación.

Fontes da defensa confirmaron a Sermos Galiza esa petición da Fisalía e indicaron que esa solicitude está agora mesmo na fase de posición de partes, sendo o xuíz quen finalmente decida. “A experiencia dinos que neste tipo de causas o xuíz accede a todo o que pide o fiscal”, sinalan.

Unha nova prórroga alargaría aínda máis esta fase, previa ao xuizo oral. Non hai motivos que xustifquen ese novo prorrogamento, entende a defensa, que mesmo, de se aceptar a petición da Fiscalía, non desbota recorrer a otras instancias polo que considera que pode ser un “abuso procesual” contra estes 9 independentistas.

A finais de 2017 a Audiencia Nacional desbotou os recursos para que se segregasen as causas da Operación Jaro I (9 persoas imputadas de Causa Galiza) e Operación Jaro II (3 imputadas de Ceivar) e que se tratasen penalmente por separado. A petición dos avogados das persoas encausadas non prosperou, optando a AN por manter fusionadas ambas nun único proceso.

“Vaise a un ‘macrosumario’ contra o independentismo organizado” denunciaban naquela altura a Sermos Galiza desde as persoas encausadas. “As acusacións son nalgúns casos de até 17 anos de prisión, non é una brincadeira”, indicaban. Situaban este escenario nun “clima xeral” no que desde o Estado español están a desenvolver unha “ofensiva” contra o independentismo, nomeadamente en Catalunya.

Sermos Galiza