O movemento Marcha Patriótica denuncia que, en dez meses, foron asasinados 116 líderes sociais e treze ex-combatentes das FARC. O último episódio: a matanza de quince campesinas de Tumaco que se opuñan á entrada da policía antinarcóticos nas súas terras. A lista de incidentes, acompañados a maioría das veces de total impunidade, alóngase e alóngase, demostrando que a paz, en Colombia, está lonxe ainda de ser unha realidade.
Testemuñas presenciais da carnificina de quince campesinos que loitaban contra a irrupción da policía antinarcóticos nas súas terras.
Dez meses despois da asinatura do acordo de paz entre as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o goberno de Juan Manuel Santos, a forza pública colombiana cometeu, durante os últimos quince días, un masacre de quince campesinas en Tumaco, no departamento de Nariño, e o asasinato de dous líderes comunitarios no departamento do Cauca. Organizacións sociais, rurais e urbanas, denuncian a insuficiente -nula, nalgúns aspectos e rexións- implementación dos diferentes puntos dos acordos de La Habana e o aumento da vulneración de dereitos humanos nas comunidades. O movemento político e social Marcha Patriótica denuncia que, nestes mesmos dez meses, foron asasinados como minimo 116 líderes sociais e trece ex combatentes das FARC. “O balanzo é precario (…), a implementación chega a un 18%”, subliña o cuarto relatorio do Observatorio de Seguimento da Implementación do Acordo de Paz (OIAP).
Moitos concellos da Colombia rural aporreados durante décadas pola guerra desmontaron nos últimos meses as súas trincheiras. Exceptuando algúns casos de tiroteos entre o exército e disidentes das FARC, o Exército de Liberación Nacional (ELN) -que acaba de entrar nun cesar-fogo bilateral até xaneiro- ou outros redutos de grupos armados, os fusis ficaron en silencio en toda Colombia. E, no entanto, aumenta cada semana o número de líderes sociais comunitarios e persoas que defenden os dereitos humanos asasinadas. O último caso que acendeu as alarmas das garantías democráticas do país é o do masacre que, segundo a Valedoría do Pobo e diversas organizacións sociais, cometeu a policía antinarcóticos en Tumaco (Nariño) contra aproximadamente quince campesinas -algunhas do pobo indíxena Awà- que loitaban contra a erradicación dos cultivos de uso ilícito.
Erradicación en lugar de substitución
Os dous puntos do acordo máis significativos para as organizacións rurais son o segundo, sobre unha Reforma Rural Integral -que á partida non contempla mecanismo de redistribución da terra-, e o cuarto, sobre a Solución ao Problema das Drogas Ilícitas. Neste último punto, o goberno colombiano e as FARC, hoxe convertidas no partido político Forza Alternativa Revolucionaria do Común, comprométense a implementar un programa de substitución de cultivos de uso ilícito nas comunidades que foron levadas a sementar coca, marihuana e grosella destinadas ao narcotráfico. O acordo adverte que aquelas comunidades que non acollan a substitución poderán ser suxeitas a accións de erradicación por parte da forza pública, mais concellos de todo o país como Tumaco, antes de teren opción a ningún programa gobernamental, foron vítimas directamente de erradicacións forzadas das súas plantacións de coca.
É neste contexto que comunidades campesinas e indíxenas desta localidade da costa pacífica están desde hai meses organizadas para evitaren a erradicación sen alternativas dos cultivos que supoñen o seu principal e humilde medio de subsistencia familiar. E é neste contexto que, a pasada quinta-feira 5 de outubro, en medio a unha protesta cocalera que recorreu á estratexia dos cordóns humanos para que a policía non puidese entrar no seu territorio a arrancar as plantas que lles dan de comer, morreron por impacto de bala quince campesinos e uns 40 máis resultaron feridos, segundo as organizacións locais. O Ministerio de Defensa, que de contado afirmou que quen abrira fogo foran sectores disidentes das FARC, aseguran que son oito as vítimas mortais.
“Os campesinos fixeron un cordón para defenderen os seus intereses e bens e a forza pública simulou un combate. Hai quince mortos e 40 feridos, é un masacre, unha violación do proceso de paz”, asegurou pouco despois dos feitos aliás Romaña ou Henry Castellanos, da dirección das FARC. Como agravante, a misión humanitaria de verificación formada por membros da ONU, a OEA e diversos xornalistas entre outras organizacións, foi recibida a balazos pola policía cando chegou no domingo seguinte moi perto do lugar dos feitos. A Coordinadora de Cocaleros (COCCAM) de Nariño, nun comunicado conxunto coa Marcha Patriótica e outras organizacións, aseguran que houbo “alteración e contaminación da escena do masacre da vereda do Tandil, Tumaco, que afecta a imparcialidade da investigación desenvolvida pola Fiscalía Xeral da Nación”.
O ESMAD asasina
Pouco despois de anunciar o fin das negociacións dos acordos de paz en La Habana, o goberno colombiano fixo público un xeneroso aumento da contratación de novos corpos para o Escuadrón Móbil Antidisturbios (ESMAD) -a Brimo colombiana. A análise que se facía na altura entre sectores de base era que o proceso de paz viría acompañado dunha abertura económica neoliberal e a súa correspondente entrada de multinacionais extractivistas, de maneira que sería necesaria a mobilización popular nos territorios. Da perspectiva do estado, portanto, facíase necesario un corpo policial preparado para reprimir esta mobilización. Actualmente, por máis voces que esixan a súa extinción, e ainda que se trata dunha forza esencialmente urbana, o ESMAD é o corpo represivo enviado ás xornadas de reivindicación de organizacións rurais como as Zonas de Reserva Campesina (ZRC) ou o Consello Rexional Indíxena do Cauca (CRIC). É difícil contabilizar os casos de violencia desproporcionada a escala nacional por causa da súa impunidade e invisibilización, mais diversas comisións de dereitos humanos denuncian que durante o último ano a forza pública asasinou trece persoas, doce delas en mobilizacións sociais.
A última vítima desta violencia foi María Efigenia Vásquez, comunicadora indíxena do pobo Kokonuko, comunidade que está en proceso de Liberación da Terra Nai dunha finca privada que reivindica como territorio ancestral. A xoven comunicadora foi asasinada por unha bala do ESMAD disparada entre o gas lacrimoxéneo no pasado domingo 8 de outubro nunha xornada de loita que deixou feridos tres indíxenas máis. Nun comunicado, a Organización Nacional Indíxena de Colombia (ONIC) asegura que “este accionar do ESMAD, sob a comandancia do Nobel da Paz [en referencia ao presidente Santos], corresponde á continuidade da guerra contra os pobos ancestrais, indios, negros e campesinos, para continuar co saque dos territorios”.
O mesmo fin de semana, forzas paramilitares asasinaban un líder indíxena no departamento do Chocó. Dúas semanas antes, en Corinto (Cauca) o exército asasinaba o coordinador da guarda campesina local. No mes de maio, no mesmo concello, outra vez o ESMAD asasinaba un mozo indíxena e fería de gravidade un xornalista de Bogotá. E a lista de incidentes, acompañados a maioría das veces de total impunidade, alóngase e alóngase, demostrando que a paz, en Colombia, está lonxe ainda de ser unha realidade.
Berta Camprubí, Leticia (Colòmbia)
Fonte: La Directa