Proliferaron críticas inxustificadas, sob sospeitas de manipulación e mentiras, indiciariamente atribuídas á diplomacia española contra o Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria da ONU (GTDA), por causa de este cinco expertos independentes teren pedido a posta en liberdade, ao finalizar maio do 2019, de tres dirixentes cataláns independentistas encarcerados en Madrid (Jordi Cuixart i Navarro, Jordi Sànchez i Picanyol e Oriol Junqueras i Vies). (1) O responsábel desas supostas alegacións inverosímeis non sería outro que o catalán antiindependentista Josep Borrell, ao mando do Ministerio de Relacións Exteriores de España, agora á espera de asumir a Alta Autoridade da política exterior da Unión Europea (UE).
Contodo, o GTDA parece non se amedrontar. Acaba de notificar unha decisión similar en favor da liberdade doutros catro cataláns independentistas detidos (Joaquim Forn i Chiariello, Josep Rull i Andreu, Raül Romeva i Rueda e Dolors Bassa i Coll), que agardan paralelamente condena, xunto cos tres precedentes. (2) Este segundo anuncio produciuse casualmente na semana pasada, nas vésperas de o presidente venezolano, Nicolás Maduro, liberar por decreto a xuíza Lourdes Afiuni Moura, cuxa liberdade reclamaba o GTDA desde hai dez anos.
Documentos transcendidos, hipoteticamente orixinados no actual poder político español, acusan o GTDA (ou Ben Emmerson, o avogado británico do sete prisioneiros que presentou os seus casos na ONU) de distribuír indebidamente á prensa polo menos a primeira das dúas decisións aludidas, orixinalmente comunicada pola ONU vía fax o 27 de maio de 2019 á Misión Permanente de España en Xenebra, decisión cursada de igual maneira dous días máis tarde, ou sexa o 29 de maio de 2019, ao xa citado Ben Emmerson, segundo os tempos que respectan os avisos desta natureza nas Nacións Unidas dos dereitos humanos: primeiro envíao ao Estado concernido, 48 horas despois á ‘fonte’ que elevou a denuncia. Na súa edición electrónica matutina do 29 de maio último, o xornal El País de Madrid admitiu explicitamente que o “escrito (…) foi transferido a España o pasado 27 de maio”. (3)
Os usos e costumes xornalísticos na sede europea da ONU en Xenebra poñen de manifesto que, unha vez notificadas esas dúas partes, todo é público, e o documento pode ser consultado na páxina web do Alto Comisionado. Polo momento, dous medios españois deron inicialmente a noticia, xustamente ese 29 de maio de 2019, pola mañá cedo. (4) Onde está a filtración dun texto quizá repartido ás agachadas polo propio Goberno talvez o 27 ou o 28 de maio de 2019, un ou dous días antes de que o recibise Ben Emmerson? Non se trataría dunha falsa violación dun pretendido segredo posto malévolamente en circulación por hipotéticas mans oficiais, conxeturalmente vinculadas ao goberno de Pedro Sánchez, co perverso obxectivo de atribuir ulteriormente a responsabilidade dunha confidencia irregular á ONU, ou á defensa dos prisioneiros, para desa feita desprestixiar a ONU e o independentismo catalán?
Saíu ao encontro de tan inquietante manobra o presidente do GTDA, José Antonio Guevara. Confirmou que pediu unha investigación á alta comisionada da ONU, Michelle Bachelet, en cuxa sede de Xenebra teñen oficinas os ‘procedementos especiais’ de Nacións Unidas (Relatores e Grupos de Traballo sobre Dereitos Humanos) para comprobar as datas e destinatarios das comunicacións. Compre esclarecer que alí traballan exclusivamente os asistentes de especialistas, que son funcionarios de ONU, cobran soldo e están sometidos a observar regras de confidencialidade e reserva. No entanto, e polas dúbidas, debe acrescerse que os propios expertos carecen de despachos na ONU, non son asalariados, viven pola súa conta nos países de orixe ou de residencia, a quen as Nacións Unidas só paga as dietas para as comparecencias e visitas oficiais. Estes especialistas son elixidos segundo as súas competencias polo Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, composto por 47 dos 193 Estados membros, designados polo voto secreto da Asemblea Xeral de Nacións Unidas en Nova York, que rotan, renovando anualmente un terzo dos seus integrantes. Sinalemos que España na actualidade forma parte del.
A pouco de coñecerse a primeira noticia, concretamente na sexta-feira 31 de maio de 2019- o embaixador español na sede da ONU en Xenebra, Cristóbal González-Aller, buscou os xornalistas acreditados no Palacio das Nacións para os pór ao tanto de que España solicitaría ‘a inhibición’ de dous do cinco expertos do GTDA, o mexicano José Antonio Guevara e o sudcoreano Seong-Phil Hong. Abundou con que ‘imos pedir a revisión de oficio desa opinión’, como se denominan púdicamente as sentenzas destas instancias na ONU destinadas a seren acatadas polos Estados, e denunciou: ‘Ás 24 horas xa se produciron filtracións á prensa, e o primeiro medio que se fixo eco foi un xornal dixital catalán’. Vasto programa de intrigas! (5)
O embaixador impinxiu a estes dous integrantes do GTDA unha sorte de contaminación, ou ‘conflito de intereses’, co avogado Ben Emmerson, letrado dos perseguidos cataláns independentistas nas súas denuncias ante a ONU, por teren asinado con anterioridade, en conxunto ou por separado con Guevara e/ou Hong, pronunciamientos públicos en favor de casos ou situacións sob xurisdición das Nacións Unidas, no Exipto e Guantánamo. Todo isto tería acontecido durante o período en que Emmerson exerceu de relator da ONU polo respecto dos dereitos humanos na loita antiterrorista, entre 2011 e 2017, quer dicir, antes de ocuparse como avogado nas Nacións Unidas dos cataláns independentistas presos, a partir do 1 de febreiro de 2018. Período aquel en queo que na altura era relator Emmerson coincidiría en actuacións mancomunadas cos dous membros do GTDA, ambos os eleitos en 2014.
O delegado gobernamental Cristóbal González-Aller non facilitou á prensa en Xenebra ningunha proba documental dos asuntos aludidos verbalmente na súa sorpresiva visita, relacionados con Exipto e Guantánamo. Tampouco identificou o ‘xornal dixital catalán’ que tería destapado a noticia que tanto o incomodara, supostamente ás ’24 horas’ de o Reino de España a recibir; quer dicir o 28 de maio de 2019, un día antes de a ONU o facer chegar ao email de Ben Emmerson en Londres, dato que o pon por tanto ao abrigo de ter vazado con antecedencia a ‘opinión’ onusiana da discordia. Resulta curioso que os superiores do embaixador descoñecesen que Emmerson era o avogado dos cataláns independentistas privados de liberdade desde o 1 de febreiro de 2018, após proclamar en conferencia de prensa en Londres que recorría ao GTDA da ONU para liberar os seus clientes. España tamén sabía que alí operaban Guevara e Hong desde o 2014, por ser público e notorio. Se pretendían que estes dous últimos non se pronunciasen sobre o recurso, tiña que pedir velozmente a recusación inmediata, non esperar á decisión final e incomodarse porque lles foi negativa.
O diplomático non podía moito menos descoñecer que só os autores poden emendar ou retirar un relatorio feito por mandato da ONU, e que ningún goberno ten capacidade para o anular. Ao Estado implicado só lle cabe rexeitalo. Se por ventura Madrid está tentada de expulsar especialistas, sabe que até hoxe xamais ocorreu, tanto na Comisión dos Dereitos Humanos da ONU, como no sucesor e actual Consello dos Dereitos Humanos da ONU. En ván o tentou en 2013 a na altura presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, que sofreu un rotundo fracaso. Aspirou a tombar a relatora pola independencia de xuíces e avogados da ONU, a brasileira Gabriela Knaul, que alertara sobre algúns puntos sensíbeis dun proxecto de lei que se discutía no Congreso Nacional en Buenos Aires, a respecto dunha reforma xudicial que ao parecer apuntaba a restrinxir medidas cautelares contra o Estado, e comprometía a independencia dos estamentos xudiciais. (6)
De feito, a pretensión do delegado español é, aliás, ridícula. Por definición, os dereitos humanos, que constitúen a ideoloxía da ONU, son universais, indivisibeis e interdependentes e están interconectados. Son civís, políticos, económicos, sociais e culturais. O beneficio de uns non pode limitar o beneficio dos outros. Nese contexto, a miúdo, os case cincuenta relatores ou integrantes de Grupos de Traballo sobre Dereitos Humanos de que dispoñen as Nacións Unidas, emiten comunicados ou pronuncíanse entre varios cando atenden un problema que así o esixe. Expor á luz do día sen identificar con precisión de que se trata, quen interviu e en que data, en ausencia dun fundamento válido para cuestionar, non é aceptábel.
Peor aínda cando, poucos días máis tarde, na reunión anual de relatores e presidentes de grupos de traballo cos Estados, na sexta-feira 21 de xuño de 2019, transcendeu que España fixo saber, a portas fechadas para a prensa na Sala XXVI do Palacio das Nacións en Xenebra, que debería fixarse un prazo a definir para que un avogado que fose relator ou membro dun grupo de traballo da ONU, puidese voltar nun futuro a traballar plenamente como letrado en relación con estamentos dos dereitos humanos de Nacións Unidas. O fantasma de Ben Emmerson debeu axitarse na audiencia. No canto de ser unha distinción ocupar tales cargos gratuitamente sen cobrar salario, búscase penalizar os avogados que os aceptan con prazos de desemprego forzoso cando conclúan os seus 6 anos de mandato, quen entre tanto deben gañar a vida grazas á súa profesión como calquera outro, profesión que evidentemente polo xeral non abandonan totalmente para colaborar coa ONU, tendo en conta que deberon resignar asumir contratos con particulares de face á organización supranacional, condición para aceptar o nomeamento pro bono á que esta os convocara.
Á saída desa reunión, voces concordantes indicaron que España introduciu outras dúas queixas nos intercambios, cos títulos de ‘procedementos especiais, para reformar en sentido retardatorio e coercitivo o código de conduta que rexe o traballo dos especialistas. Por unha banda, propuxo que debería prohibírselles, en cuestións de países con procedementos de dereitos humanos, que puidesen asesorar ou participar en xuízos para asistir as defensas de persoas en eventual detención arbitraria. Aparentemente isto debeuse en España a que por erro ou de forma inconsulta, membros do GTDA apareceron sen o saber na lista de 150 testemuñas proposta polas defensas dos dirixentes cataláns independentistas que están a ser xulgados en Madrid. E por outra banda, España lanzaría a rodar a idea de que cando os relatores ou grupos de traballo visitan países, obviamente co acordo do goberno de acollida, alén de poder contactar coas vítimas e/ou con calquera outra persoa que desexasen, deberían aceptar entrevistarse con quen lles propoñan as autoridades locais, unha inequívoca insinuación co propósito de coartar ou limitar a súa independencia de criterio.
Semellante pretensión remítenos a evocar outra ‘guerra suxa’ precedente, emprendida por España contra o relator contra a tortura da ONU, Theo van Boven en 2003-2004, insidiosamente forzado a deixar o seu lugar a consecuencia dunha visita ao País Vasco que irritou o goberno español, cando o experto holandés investigaba sobre as torturas aos vascos sinalados de pertenceren a ETA, cometidas por axentes das forzas de seguranza do Estado. Sutilmente, a historia dá a impresión de repetirse. Hai abundante bibliografía de consulta que se enumera de maneira abreviada ao pé. O seu lembrete aconsella mencionar un relatorio do goberno rexional vasco, elaborado por un instituto vasco de criminoloxía, que en 2016 censou 4.009 casos de torturas entre 1960 e 2003, no cadro da loita contra ETA, sen esquecer múltiplos fallos do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos e do Comité de Dereitos Humanos da ONU, que condenaron España por encubrir a tortura, (7) tendo sido algúns dos perpetradores indultados e mesmo condecorados. (8) Para todos os efectos desa herdanza de violacións aos Dereitos Humanos conectadas co pasado ditatorial (1936/1975), vale a pena subliñar que a xustiza transicional de España deixa moito que desexar. É remisa a abrogar a lei de amnistía que lavou as atrocidades do franquismo, e a investigar xudicialmente as desaparicións naqueles ‘anos de chumbo’, apesar das reiteradas exhortacións das Nacións Unidas. (9)
Corolario desta ‘guerra suxa’ peculiar é o proxecto de resolución que comezaron a facer circular o Paquistán e os Emiratos Árabes en torno ao Consello dos Dereitos Humanos da ONU, para limitar a acción destes ‘procedementos especiais’. Nos seus aspectos resolutivos, a redacción pretende crear un dobre mecanismo permanente de control suplementar sobre eles, mediante debates reiterativos fixos, incorporados á axenda futura do Consello dos Dereitos Humanos da ONU, repartidos nas tres sesións en que se dividen as súas dez semanas de traballo anual en marzo, xuño e setembro. Unha disposición trataría sobre a discusión da ‘implementación’ do código de conduta para os relatores e grupos de traballo que impuxeran os países violadores, reaccionarios e conservadores cando se creou o Consello en 2006. Outra posibilidade complementar esixiría aos expertos formularen propostas de ‘implementación’ dos seus mandatos, convidándoos a ‘racionalizar a súa eficacia’, á marxe dos relatorios anuais escritos e orais existentes desde sempre, con diálogos interactivos en sala, en que interveñen Estados e oenegués. Entre os Estados susceptibeis de votaren a favor, ou se absteren de votar en contra desta resolución, habería varios da Unión Europea. Resta por saber se España vai sumarse á onda de restricións destas relatorías, sen dúbida o mellor invento na ONU dos dereitos humanos. (10)
Juan Gasparini, xornalista acreditado na sede europea da ONU en Xenebra
(1) ‘Opinión’ do GTDA redactada en castelán, enviada o 27/5/2019 ao goberno de España, que representa o Estado na ONU, incluíndo páxina de cobertura en castelán da transmisión por fax, cursada nesa data á Misión de España ante os organismos internacionais en Xenebra, copia no arquivo do autor.
(2) ‘Opinión’ do GTDA redactada en castelán, enviada o 4/7/2019 a Ben Emmerson, avogado ante a ONU dos dirixentes independentistas cataláns encarcerados, con páxina de cobertura en inglés da transmisión por correo electrónico, copia no arquivo do autor. El Nacional, España, 4/7/2019.
(3) El País, Madrid, 29 de maio de 2019.
(4) El País, Madrid, 29 de maio de 2019, antes citado, e ElDiario.es, Catalunya, 29/5/2019.
(5) EFE, Xenebra, 31/5/2019.
(6) 30/5/2013
(7) Denuncias do relator contra a tortura da ONU en 2003-2004, Theo van Boven, de prácticas de tortura por axentes do Estado en España baixo a actual democracia:
a) Relatorio do Relator da ONU contra a Tortura, Theo van Boven, 6/2/2004 e rexeitamento de España dese relatorio, El País, 7/3/2004
b) http://papelesdesociedad.info/img/pdf/informes_de_naciones_unidas_sobre_la_tortura_en_espana.pdf
c) El País, 27/6/2016
d) Corte Europea de Dereitos Humanos, Portu Juanenea e Sarasola Yarzabal c. España, nº 1653/13, 13/2/2018.
e) Comité de Dereitos Humanos da ONU, Achabal Puerts c. España, nº 1945/2010, 18/6/2013 e Lupiañez Mintegi c. España, nº 2657/2015, 13/5/2019.
(8) Público.com, 2/8/2018, ElInsurgente.org, 12/9/2018, El Temps, 1/11/2018, LaMarea.com, 4/12/2013.
(9) ElDiario.es, 30/9/2013 e 23/7/2015 e InfoCatólica, 3/2/2014.
10) Fotocopia do proxecto de resolución do Paquistán eos Emiratos Árabes, versión en inglés, copia no arquivo do autor.
Juan Gasparini