€Así o reflicte o Informe Crítico sobre a Memoria de Actividades da Igrexa católica do ano 2020 presentado por Europa Laica, que critica esa repartición de «millóns de diñeiro público sen control nin transparencia» á Igrexa católica cuxo «compromiso só é xustificar o IRPF». Deses 12.000 millóns de euros de financiamento público en 2020, 298,1 millóns viñan do IRPF.

 

 

 

Europa Laica vén denunciando de sempre esta opacidade que permite o abandono de funcións por parte do Goberno estatal. Está radicalmente en contra da existencia da Asignación Tributaria, da mesma maneira que está en contra de todas outras cantidades que saian do erario público, que se retiran dos Orzamentos Xerais do Estado para pagar gastos propios dunha corporación privada como é a igrexa católica.

«O que recibe a Igrexa deixa de ingresarse nos Orzamentos Xerais do Estado. Non é verdade que o mantemento da Igrexa dependa exclusivamente das achegas dos seus fieis, porque o pagamos todos»

Alén do que recibe pola casa do IRPF da Igrexa católica, a organización asegura que o 50 por cento da casa de fins sociais tamén vai destinado á institución, polo que «recibe 500 millóns anuais das dúas casas».

O relatorio tamén indica que a Igrexa católica recibe anualmente do Estado outras achegas directas: polo ensino concertado e profesorado de relixión; pola obra social e asistencial; pola actividade hospitalar; polo mantemento do patrimonio artístico e inmobiliario; pola subvención a eventos relixiosos diversos; polo destinado a funcionarios capeláns ou a entidades específicas como a Obra Pía dos Santos Lugares, así como o beneficio de exencións e beneficios fiscais-administrativos.

«Hai falta de control, esta Memoria non é nin adecuada nin fiábel. A análise destas cifras lévanos a dicir que do que a Igrexa católica recibe por IRPF nada é para o labor asistencial, que é a súa propaganda fundamental», criticou o presidente de Europa Laica, Juanjo Picou, durante a presentación do documento.

Todo iso, segundo Europa Laica, proporciona á Igrexa católica un financiamento anual de cerca de 12.000 millóns de euros que proveñen das arcas públicas.

Europa Laica defende que a Asignación Tributaria da Declaración da Renda sexa eliminada. E defende, entretanto iso non acontecer, non marcar ningunha das dúas casas do IRPF, nin a de IC nin tampouco a de Fins Sociais xa que tamén através dela son desviadas elevadas cantidades para a IC e as súas organizacións afíns

En apenas 6 anos (de 2015 a 2020) os baptizados reducíronse en 131.032, as comuñóns en 78.144 e as vodas católicas en 39.131 (o INE fala de 9.444 vodas católicas en 2020, tal e como se recolle en Relixión dixital) Neste sentido a secularización avanza depresa.

Esta redución da participación en rituais católicos así como a diminución das persoas que se consideran católicas, fan aínda máis necesario que o Goberno reformule a conveniencia de manter un privilexio á IC como é o da Asignación Tributaria: redúcese o número de católicos mais aumenta o diñeiro público que recibe a IC.

A percentaxe de católicos caiu do 77,3% en 2006 ao 55,2% en 2021, en tanto a percentaxe de non relixiosos (ateos, agnósticos, indiferentes) aumentou do 19,4% en 2006 ao 37,3% en 2021.

Ao mesmo tempo que a sociedade se seculariza e o alumnado abandona paulatinamente a materia de Relixión, a cidadanía española ten que pagar máis profesores de Relixión (9.182 máis) cuxo salario é pago polo Estado (sexa a
administración central ou autonómica) e máis profesorado en centros católicos, polo que a IC recibe inxentes cantidades de diñeiro en forma de Concerto educativo, alén da Asignación Tributaria.

Europa Laica denuncia esta situación de privilexio da IC que permite e ampara o Estado, polo que:

Esixe a denuncia dos Acordos do Estado Español coa Santa Sé, dos que deriva esta Asignación Tributaria e o resto dos cuantiosos privilexios que goza a IC, tanto polas subvencións directas que recibe desde as distintas administracións públicas, estatal, autonómica e local, como polas exencións e bonificacións fiscais que lle permiten non pagar practicamente ningún imposto, excepto o IVE.

Esixe a retirada do IRPF da Asignación Tributaria a IC e a Outros fins de interese social, para que os impostos que pagan os/as contribuíntes pasen a formar parte dos PGE e poidan ser empregados en pagar os servizos públicos, sanidade, educación, coidados, etc. que necesita a sociedade.

Esixe que o Estado faga cumprir o compromiso que adquiriu a IC en 1979 de chegar ao autofinanciamento, deixando de subsidiar con diñeiro público e con exencións fiscais as actividades desta corporación privada.

Informe de Europa Laica

Kaos en la Red