Recentemente o Parlamento Europeo deu a coñecer un relatorio sobre políticas penitenciarias -coñecido como relatorio Bergeron- onde se dá un puxón de orellas aos estados membros que practican o afastamento das persoas presas, ou outras medidas que lesionan os seus dereitos e os dos seus familiares, como é o caso do Reino de España.

En realidade, o relatorio incide nas teses da lexislación internacional a respecto diso, como as recomendacións coñecidas como Regras Mandela, de Nacións Unidas, que definen claramente unha listaxe de boas prácticas penitenciarias que non se cumpren nin de lonxe no Estado español.

Tamén distintas resolucións da corte de DDHH de Estrasburgo, como as relativas ao cumprimento de penas en distintos países, ou sobre a ilegalidade da chamada Doutrina Parot; sen esquecer as repetidas condenas ao Reino de España por non aceptar investigar denuncias de torturas, que de confirmarense deixarían sen efecto numerosas resolucións xudiciais contra presas e presos vascos, que como resultado deberían ser postos en liberdade. Pois como xa dicía na súa época Francisco de Vitoria, un dos creadores do dereito internacional: “Nunca un xuíz pode aceptar a confesión dun reo obtida sob tormentos”.

Tamén a propia lexislación penal española, contradí a política penitenciaria do goberno presidido por Mariano Rajoy. Polo menos na súa letra, posto que evidentemente non na súa interpretación e posta en práctica, especialmente no relativo aos presos de motivación política en Euskal Herria e a outros como colectivos migrantes, minorías…

Así mesmo, a sociedade vasca expresouse neste sentido con clareza meridiana. Por unha banda, a través dunha moi ampla maioría parlamentar, onde só o PP mantén o apoio á dispersión das persoas presas; e por outra, segundo todas as enquisas que se realizaron a respecto diso, que redundan a case unanimidade parlamentar.

Aliás, e de maneira destacada, a través de masivas mobilizacións, como as que cada ano percorren Bilbao, xuntando decenas de millares de voces pedindo que sexan respectados os dereitos humanos das presas e presos vascos: as diadas vascas se atendemos ao seu carácter masivo e continuado.

Así como as menos numerosas, mais moi significativas, concentracións semanais que, durante anos, visualizaron e visualizan nas rúas a ferida profunda que causa á sociedade vasca a vulneración continuada e sistemática dos dereitos humanos das presas e presos vascos.

Nestes días, no cadro do relatorio de Paz e Convivencia do Goberno Vasco, foi a filla de Ernest Lluch, quen veu a recoñecer como vítimas (sen equiparalas con ningunha outra) os familiares e achegados de presos mortos na estrada ao iren visitar aos seus familiares.

Afastados de maneira totalmente irregular, dificultando desta forma o seu dereito a manter vínculos familiares que favorezan a súa reinserción, que non o esquezamos, é obxectivo constitucional da privación de liberdade.

Mesmo a xustiza francesa, de dura tradición xacobina, deu algúns pasos no sentido de mellorar a situación dos presos vascos, grazas sen dúbida ao impulso unánime da sociedade civil e a práctica totalidade das forzas políticas de Iparralde.

Medidas cada vez máis urxentes desde razóns puramente humanitarias. Medidas indispensabeis tamén para avanzar cara á paz e a reconciliación no País Vasco.

Non podemos esquecer tampouco nesta lista de argumentos, a decisión por parte do colectivo que agrupa a grande maioría das presas e presos de motivación política de aceptaren vías individuais na concesión de beneficios penitenciarios. Un dereito incuestionábel que debe serlles aplicado como ao resto de reclusos, se non se quere incorrer en discriminación política cara a un colectivo determinado.

Con todo, de maneira totalmente inexplicábel do punto de vista dunha mínima ética humanitaria, o Goberno do PP continúa negándose a modificar a súa política penitenciaria cumprindo os DDHH.

Nesa liña, máis inexplicábel resulta aínda, que os concelleiros do PP vitoriano denuncien a pequena subvención, concedida en concurso público polo Servizo de Convivencia e Diversidade do Consistorio á Asociación de Familiares, para levaren a cabo palestras onde expliquen a súa situación.

En actuacións como a carpa que se colocou na Praza da Provincia de Gasteiz estes días, e que a próxima semana estará en Laudio, explícase en pormenor, a quen queira achegarse, a situación nos cárceres, e está a contar co apoio de numerosas personalidades da cultura vitoriana. Actuacións moi necesarias para pór o foco mediático e político nun problema que debe ser abordado cando antes.

Toda unha mostra de solidariedade que contrasta co espírito vengativo dun Goberno, que non só na Catalunya, vulnera os dereitos humanos fundamentais.

Fonte: Derecho Penitenciario