A Constitución española privilexia as confesións relixiosas en varias facetas: a) establecendo con elas relacións de cooperación, e b) nestas relacións de cooperación salienta a Igrexa católica por cima doutras confesións, como decorre do artigo 16. 3 CE, que expresa “os poderes públicos manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as outras confesións”. Antepón a Igrexa católica ao resto das confesións; tratamento específico e diferenciado que se intensifica nos tratados do Estado con esta confesión.
Ramón Soriano
As preguntas saltan á mente con rapidez: Por que as confesións relixiosas reciben este trato de favor da Constitución e non outros grupos e organizacións sociais? Por que a Igrexa católica é destacada pola Constitución nas relacións de cooperación do Estado? Ela, a Igrexa católica, a única confesión que ostenta este enorme privilexio.
É evidente a quebra do principio de igualdade na Constitución española. Primeiro, no tratamento dos grupos sociais, favorecendo os grupos relixiosos respecto doutros tipos de grupos sociais. Segundo, privilexiando unha determinada confesión relixiosa en contraste co resto das confesións do noso país. Portanto, a Constitución dá lugar a unha dupla discriminación: cos grupos sociais en xeral en primeiro lugar e coas confesións relixiosas non católicas en segundo lugar. Unha Constitución debe establecer normas e situacións de carácter xeral sen referirse a entidades e organizacións concretas, con nomes e apelidos, como é o caso da referencia do art. 16.3 da CE á Igrexa católica, unha confesión relixiosa determinada, sometida aos vaivéns da historia (en claro decrecemento de fregueses), que harmoniza mal co sentido universal e intemporal dunha Constitución. A Constitución refírese no seu articulado ás universidades, os partidos políticos, os sindicaros, as organizacións empresariais Que lles parecería se nela se fixese referencia expresa á Universidade Pablo de Olavide, a Vox, a UXT, ao COE etc.?
Mais, se mal fai a Constitución, peor aínda o Acordo do Estado coa Santa Sé sobre Asuntos económicos, aprobado en xaneiro de 1979, que no seu punto 4 se compromete a “consignar nos seus orzamentos xerais a adecuada dotación á Igrexa católica, con carácter global e único, que será actualizada anualmente”. Veñen despois unha serie de artigos en que se establecen exencións fiscais de todo tipo en toda clase de impostos e referidas a todo o ámbito da Igrexa católica: a Santa Sé, a Conferencia episcopal, as dioceses, as parroquias, as ordes e congregacións relixiosas, os institutos de vida consagrada e as súas provincias e casas. O Estado concede esta asignación orzamentaria á Igrexa católica exclusivamente, esquecendo o resto das confesións relixiosas, e infrinxindo consecuentemente o principio xurídico de igualdade relixiosa. A Igrexa católica é consentida nos acordos de cooperación ao recibir todos os anos unha asignación tributaria de trescentos millóns de euros aproximadamente resultante do imposto da renda das persoas físicas (IRPF). Respectaríase este principio de igualdade se o Estado dotase cunha asignación tributaria nunha medida proporcional ao seu arraigamento e número de fregueses ao resto das confesións e non unicamente á Igrexa católica.
O tratamento excepcional da Igrexa católica concrétase na casa 105 da declaración da renda do citado imposto. Se seleccionas esta casa, que pon Igrexa católica, o 0,7 da túa cota vai a directamente á Igrexa católica. Se en troca, seleccionas a outra casa contraposta, a 106, que pon Fins sociais, ese 0,7 da túa cota vai parar ás convocatorias de subvencións e axudas de tres ministerios (non de todos), a maioría das cales son concedidas a organizacións do contorno da Igrexa católica, que recibe axuda de ambas as casas en realidade, a 105 e a 106. Se non seleccionas ningunha das casas, o 0,7 da túa cota vai directamente á caixa común dos Orzamentos Xerais do Estado, onde se atende aos fins e necesidades sociais nos capítulos dos ministerios e outros organismos destinados aos gastos sociais.
Quero aludir a unha cuestión que silencia a Igrexa católica na súa propaganda, cometendo o pecado da omisión, porque a relación ao mesmo nivel de ambas as casas -da Igrexa católica e dos Fins sociais- esconde unha armadilla. Incitan a erro do contribuínte, porque parece que se trata de elixir os fins sociais en xeral ou os fins sociais da Igrexa católica. É totalmente falso. O 0,7 da nosa cota destinado á Igrexa católica non é dedicado por esta a fins sociais, senón a pagar os emolumentos dos sacerdotes, os bispos e o resto de relixiosos (máis do 70%) e a outros gastos e unicamente o 2% a fins sociais. Portanto, a persoa que sinala a casa 105 da Igrexa católica moi pouco está a contribuír a paliar as necesidades sociais.
Non vale dicir que a casa 105 non ofrece problemas, porque non se impón ao contribuínte seleccionala, e portanto fica respectada a aconfesionalidade estatal. Primeiro: o Estado mantén o compromiso de dotar economicamente a Igrexa católica no caso de que non elixise a casa 105 un número suficiente de persoas. Segundo: a cuestión é a presenza da casa da Igrexa católica, e non que ao contribuínte se proporcione a posibilidade de seleccionar a casa de Fins sociais ou ningunha de ambas as casas, a 105 e a 106. Esta presenza non dispensaría o Estado da acusación de confesionalidade, mesmo se ninguén seleccionase a casa da Igrexa católica na declaración da renda.
Creo que para evitar a dupla discriminación antes apuntada -a discriminación social e a discriminación confesional- debería ser suprimida a asignación tributaria á Igrexa católica e que esta, como o resto das confesións, como calquera organización non gobernamental solidaria, concorrese ás axudas e subvencións convocadas polos ministerios, as administracións, as institucións públicas e privadas. Porque o lugar apropiado da Igrexa católica e das outras confesións do noso país é a lei orgánica de asociacións, xa que é unha asociación privada de carácter relixioso, e non directamente os Orzamentos Xerais do Estado. Que a Igrexa católica continúe estando aí, mamando directamente da mama de papá Estado, ano após ano, é a máis clara mostra da vulneración da aconfesionalidade do Estado, que tan pomposamente proclama e esixe o art. 16.3 da nosa Constitución: “Ningunha confesión terá carácter estatal”. Evidentemente unha falacia.
A Igrexa católica daría un grande paso á frente no marco do Estado de Dereito e do respecto aos principios constitucionais de igualdade e de aconfesionalidade do Estado, se seguise o exemplo doutras confesións relixiosas, que non desexan partillar coa Igrexa católica a torta dos Orzamentos Xerais do Estado, senón que prefiren manterse cos estipendios dos seus fregueses. Toda unha lección de aconfesionalidade para os nosos políticos e poderes públicos (especialmente para o lexislador) Todo un exemplo para os católicos.
A casa 105 da declaración da renda é inconstitucional e clara expresión da vulneración de dous principios xurídicos constitucionais: o principio de igualdade relixiosa e o principio de aconfesionalidade do Estado.