O sistema mantén en prisión o ‘home sen identidade’ apesar de recoñecer as súas “anomalías sensoriais e psíquicas” e a “deterioración” que lle provoca o cárcere. O médico informou da súa imposibilidade de entender e comunicarse, advertindo das consecuencias para el “se non é tutelado adecuadamente”. Ao non ter recursos e serlle asignado sempre un avogado de oficio diferente, cada unha das súas causas ten de ser revisada individualmente, lamenta unha das defensas.

 

La increíble historia del hombre sin identidad que desde 1991 sólo existe para el sistema penitenciario

Por causa da súa xordeira prelocutiva non sabe falar, non pode ouvir, non coñece a linguaxe de signos, nin sabe ler ou escribir, mais o sistema xudicial e penitenciario continúa a pedir contas a José María, unha persoa sen filiación coñecida até agora e cuxa particular historia fixo pública eldiario.es Andalucía hai aproximadamente un ano.

E cando unha luz en forma de relatorio médico forense recolle oficialmente as súas “anomalías importantes tanto sensoriais como psíquicas”, a súa “deterioración cognitiva apreciábel nos últimos anos” (a maioría, en prisión) ou os seus “moi importantes problemas de comunicación”, son as propias reviravoltas dese sistema, ás veces inexplicabeis, as que non o deixan escapar del para poder recibir unha atención conforme á súa discapacidade e á súa indiscutíbel situación de exclusión social, aumentada ao estar inmerso desde 1991 no “buraco negro” das persoas xordas en prisión. José María está ainda no cárcere, segundo puido saber o xornal eldiario.es, apesar de un recente auto ter suspendido unha das penas de prisión que lle foi imposta e apesar de o sistema ter recoñecido o perigo que corre “se non é tutelado adecuadamente”.

A cuestión é que a Audiencia de Sevilla estimou este mes de abril un recurso de apelación interposto por Lorena Lozano, a súa avogada de oficio nunha das causas que José María ten abertas, todas elas por delitos contra a propiedade. O tribunal acordou a suspensión da execución da pena privativa de liberdade a que foi condenado por un xulgado tomando como referencia un relatorio médico forense, emitido meses antes, en que se deixa clara constancia das súas limitacións físicas e cognitivas e onde se adverte de que o contexto penitenciario non é o máis adecuado para unha persoa das súas características.

O relatorio da exploración psicopatolóxica á que o someteu o médico forense do Servizo de Psiquiatría do Instituto de Medicamento Legal de Sevilla puxo de manifesto unha “limitación sensorial severa consistente en xordomudez que impede calquera tipo de entrevista”. E engadía que se trata de “un suxeito ante o que non é posíbel realizar unha entrevista estruturada e que impresiona por unha limitación importante nas súas capacidades sensoriais que causa moi importantes problemas de comunicación”. Como conclusión, “anomalías importantes tanto sensoriais como psíquicas, impresionando de deterioración cognitiva avanzado en suxeito con moi escasa formación”. Deterioración cognitiva é un concepto que se utiliza en termos xudiciais para determinar se alguén é ou non consciente dos seus actos e das consecuencias dos mesmos.

Entre as súas conclusións, o médico forense sinalaba que José María “require de control da súa propia vida por entidade adecuada para manter a súa situación actual, sen que sexa posíbel coñecer as consecuencias tanto no consumo de substancias como da súa propia existencia se non é tutelado adecuadamente”. A referencia no relatorio à “súa situación actual” obedece a que, no momento en que se redactou, estaba amparado por Cáritas, onde recibía tratamento, así como terapia conductual e sesións de aprendizaxe de linguaxe de signos. Posteriormente, entrou en prisión xusto á saída do xuízo por outro procedemento aberto.

Alén diso, o relatorio aludía a “consumo de substancias” debido a unha documentación previa que constaba no historial médico de José María relativa ao consumo de haxix e cocaína, que lle producira un “déficit intelectivo lixeiro”, aínda que o médico forense concluíu após a exploración que non se observan datos obxectivos indicativos de situación de intoxicación aguda nin signos nin síntomas de abstinencia a drogas”.

“Deficiencias psíquicas e físicas”, di a Audiencia
Pois ben, apesar daquel relatorio, o Xulgado do Penal número 11 de Sevilla ditara en novembro de 2018 un auto polo cal entendía que non había lugar á suspensión extraordinaria da pena de prisión imposta, de acordo coa Fiscalía, e decidiu a súa entrada en prisión. Foi a Audiencia Provincial a que lle concedeu o beneficio da suspensión da pena “especialmente tendo en conta a deterioración cognitiva sufrida nos últimos anos a consecuencia da adicción e o menor risco de reiteración delituosa por estar nun centro adecuado para o tratamento das deficiencias psíquicas e físicas que sofre”. Mais, ao ter outras causas pendentes e outras sentenzas por cumprir, José María continúa no cárcere.

O caso é que, anteriormente, no acto do xulgamento, segundo lembra a letrada Lorena Lozano, chegouse a unha conformidade para que lle  fose  suspendida a pena de prisión e José María continuase sendo tratado por Cáritas. Apesar do falado entre as partes, “xusto á saída do xulgamento foi levado a prisión por outro procedemento”, lembra indignada a avogada, que o acompañou a comisaría para interesarse pola súa situación. A avogada sinala que foi a Policía a que lle contou en pormenor a historia de José María. “Por causa de non ter identidade, paga o pato por toda a súa familia”, dixeron os axentes á avogada, que comprobou as diferentes filiacións, “todas falsas”, que constaban na súa documentación policial e xudicial.

Lorena Lozano puxo de manifesto no mesmo acto do xulgamento que “as actuacións tiñan defectos de nulidade”, ao que se propuxo a prestación de conformidade por parte do procesado con petición posterior da suspensión da pena “coa práctica certeza da súa concesión á vista da situación do procesado”. Apesar diso, di en referencia ao ditado polo xulgado en primeira instancia, “nada” do que se alegou na altura foi tido en conta, “coa consecuente vulneración do seu dereito á tutela xudicial efectiva”, arrastrando José María “a unha situación de indefensión ao non ter en conta as súas importantísimas limitacións cognitivas e comunicativas”.

A avogada apelou contra “todas as irregularidades do procedemento” através dun recurso, agora estimado. Segundo os seus argumentos, tanto a exploración do médico forense como as súas declaracións perante a Policía e no propio acto da vista, foron realizadas “sen a presenza dun tradutor de linguaxe de signos, aínda advertindo esta circunstancia por esta parte e sendo corroborado polo propio xulgador no acto da vista, o meu patrocinado é absolutamente incapaz de comunicarse nin de entender o que se lle pregunta”. “Así ocorreu noutros procedementos, polo menos nos que eu puiden comprobar”

“Todos os procedementos que se levaron contra esta persoa teñen defectos de nulidade pola súa situación e está a cumprir prisión con procedementos nulos porque, segundo consta nos expedientes, suponse que deu a súa conformidade a unha serie de feitos sen entender nada de nada, porque non había intérprete, nin en sede policial nin sede xudicial. Todos os letrados que lle levaron os casos deberían recorrer un por un. No meu procedemento non había causa de nulidade porque a comunicación en sede xudicial foi levada a cabo grazas á intervención da tradutora”, explica a avogada. “Polo meu procedemento non entra en prisión mais, que pasa con todos os demais casos cando realmente as súas indubitábeis características son as que fixo constar o médico forense no seu relatorio?”, pregúntase, avogando pola súa participación nun procedemento de incapacitación através dun letrado específico e, paralelamente, levar o seu caso ao completo ao Tribunal Constitucional por unha “flagrante vulneración de dereitos fundamentais”.

Dá a súa conformidade sen intérprete
Apesar de todo o que dicía o relatorio médico forense, no xulgado foille tomada declaración “como se tal cousa, sen a intervención dun tradutor que puidese explicarlle de que é acusado, en que consiste a imputación e en que consiste o acto que se estaba levando a cabo, sequera a propia conformidade que se di expresou no acto do xulgamento”, denunciou a avogada no seu recurso.

A letrada fixo mención no seu escrito, estimado pola Audiencia, ao traballo de Cáritas: “Tal é a súa situación de exclusión que o meu mandante nin sequera ten filiación coñecida, sendo a entidade Cáritas a que, despois de coñecer a súa extrema situación, interveu tentando resolver este e outros moitos problemas que acompañan este home desde o principio da súa vida. Sen apoio familiar algún e sen medios de supervivencia, o meu cliente superou os obstáculos que a vida lle foi pondo cometendo, non o negamos, algúns erros que o levaron á situación en que está agora, mais tamén algúns acertos que o puxeron en mans dunha institución que lle deu abrigo e axuda para afrontar as súas dificultades”.

Concluía a avogada que “o feito de permanecer en prisión supón unha grave lesión tanto no nivel persoal como no social, tendo en conta a súa incapacidade de comunicarse por ningunha vía, o que agravará aínda máis a súa exclusión social, impedindo a súa reinserción nunha sociedade que o ignora cando por fin confía en alguén que está disposto a axudalo”, en alusión a Cáritas. “É evidente que o cumprimento da pena de prisión no presente caso daría cabo do proceso de reinserción social”, denunciou a avogada ante a Audiencia, logrando a suspensión da condena aínda que non a saída de prisión de José María, que continúa preso do sistema xudicial e prisional.

A última luz que se abriu a José María chegou en forma de Documento Nacional de Identidade, co que agora poderá regularizar a súa situación persoal e administrativa. O Defensor del Pueblo Andaluz, que mediou nos últimos meses para resolver esta cuestión, confirmou que o pasado 5 de xullo se lle fixo chegar o seu DNI. Os anteriores intentos por darlle identidade por parte de Cáritas víronse constantemente interrompidos polas súas continuas entradas e saídas de prisión. Mais a loita por conseguir identidade merecerá outro capítulo desta particular historia.

Javier Ramajo

eldiario.es