Todo foi moi inxusto porque o home non fixera nada, nin tampouco a súa esposa, María (de 55 anos e recentemente operada ese día), nin o seu fillo Miguel (de 31). Un grave erro xudicial con consecuencias que aínda perduran. O Ministerio de Xustiza ofreceulles pouco máis de 1.100 euros de indemnización, que nin sequera cobraron aínda, para que arranxen a porta, rebentada polos axentes naquela madrugada.

 

 

Eran as cinco da madrugada do 15 de marzo de 2017 no bairro marxinal da rúa de Bailén, en Puente Genil (Córdoba), municipio de 30.000 habitantes. Non ten boa fama o bairro. A familia Barcos acordou soliviantada ao ouvir barullo na rúa e, segundos despois, golpes violentos na porta blindada, un primeiro andar do número 33. Os axentes acabaron deitando a porta abaixo. As dobradizas quedaron desencaixadas e a porta, cambaleando. Iso ocorreu hai dous anos e a porta continúa rota. Miguel endereitouna e encaixouna como puido. “Non temos diñeiro para arranxala e sempre tenque ficar alguén na casa, non fecha ben”, conta o pai.

Con María, a nai, tampouco foron compasivos os axentes. “Cada día que vexo a porta lémbrame aquela noite”, describe. “Atiráronme ao chan, estaba recentemente operada dunha hernia umbilical, e rompéronme a malla que levaba no abdome da operación. Ao caer reabríume a ferida, tiven unha hemorraxia interna e de novo pasei polo quirófano”, quéixase María. “Eu fun a primeira en levantarme da cama ao ouvir o barullo, asomeime e vin unha chea de gardas en fila, uns atrás doutros, coas caras tapadas, e os dous autobuses en que chegaron… Nunca imaxinei que viñan á miña casa”, concede María.

Todo aconteceu rápido e contundente. “Ao ouvirmos os golpes na porta, berreilesl que parasen quietos, que me deixasen abrirlles, que non fixéramos nada e que colaborábamos no que fose con eles, mais nin caso…”, afirma Miguel, o fillo. A súa ollada deixa ver aínda indignación. María sufriu un ataque de ansiedade no chan e os axentes permitíronlle ir ao baño a tomar unha pílula.

“Non fixemos nada, deixade en paz a miña muller e o meu fillo”, elevaba a voz o pai co xeonllo dun axente sobre o pescozo. “Déronme unha pancada na cabeza e mandáronme calar”. O fillo intervén: “E eu ao ver que batían nel, díxenlles que deixasen o meu pai, que estaba doente e que lle desen un comprimido para o corazón; mais dicíanme que calase e golpeábanme; dous axentes déronme pontapés nas costelas; o que falaba levaba, tratáronnos como animais”.

Así estiveron case unha hora, cos gardas entrando a fartar no resto da casa e levantando camas, colchóns e todo o que encontraban á súa frente. Até  chegar a letrada da Administración de Xustiza do xulgado que ordenara a inspeccón, o número 1 de Puente Genil, nesta e noutras cinco vivendas da zona. E pediulles desculpas. “Díxonos que se enganaran de domicilio, que desculpásemos o erro… Todo era incribel, despois de atirar a porta abaixo e mallar en nós, dinnos que o senten! E xa está.. Aquí non pasou nada… Á miña nai tiveron que operala outra vez!”, indígnase Miguel.

O único ingreso da familia son os 607 euros de pensión por doenza que percibe Miguel pai. Através dun avogado de oficio, a familia demandou e pediu unha indemnización ao Ministerio de Xustiza, mais non especificou a  cantidade. Informou, iso si, que arranxar a porta custaba 1.228,15 euros. E ademais da desfeita da porta, tamén fixo constar os danos físicos e psíquicos que lles ocasionou o grave erro do xulgado á hora de identificar as casas que realmente debían ser rexistradas.

O ímpeto policial atribúeo Miguel a unha suposta vinganza. Resultou que só uns días antes do 15 de marzo, dous policías tiveron que soltar e liberar un detido que estaba en busca e captura no mesmo bairro despos de lanzarse sobre eles algúns familiares. “Nós nada temos que ver con esa familia, nin co que fan ou deixan de facer; nós xamais tivemos un antecedente de nada; queremos marchar deste bairro, mais non temos diñeiro”, indica o pai. O fillo apostila: “Aquel día, cando os policías marchaban, un veciño ouviu un deles dicir que a cousa non ía ficar así…”.

A familia Barcos denunciou o erro nos xulgados de Puente Genil, mais tocoulle o caso ao mesmo xulgado que se enganara e arquivouno. O Consello do Poder Xudiciario, no entanto, analizou a demanda e entende que, aínda que a súa misión non é cuestionar as decisións xudiciais, é obvio que a Administración de Xustiza cometeu un grave erro con esta familia. A indemnización determínaa o Ministerio de Xustiza. Recentemente ingresoulles 1.080 euros pola porta, mais retirou o diñeiro de inmediato da conta porque contiña un pequeno erro nun algarismo. E a porta ainda está rota.

Choco, o can, tardaría moitas horas en aparecer aquel día. Miguel, o fillo, pediu axuda aos amigos através de Facebook ao romper do día para que o axudasen a encontrar o animal, que o chamaban a voces e non daba sinais de vida. “Sempre que chega alguén a casa ladra e ladra, mais cando viu os cascos dos gardas ficou mudo…”, sinala Miguel. Atopárono nas rúas do pobo, deambulando. “Cando o collín, aínda tremía”, emociónase Miguel.

José Antonio Hernández

El País