Os avogados consultados por El Salto consideran que a interpretación laxa da desobediencia por parte do ministro do Interior non será suficiente para que os xuíces poidan sancionar razoadamente as propostas de multa. Mais, en calquera caso, o traballo de amedrontar e controlar a poboación xa está feito.

 

 

Fachas en el barrio Salamanca - 17

 

Pagar ou alegar. Esta probabelmente será o dilema con que toparán máis dun millón de persoas cando reciban, se é que reciben, as notificacións de inicio de procedemento sancionador por infrinxiren as normas dispostas durante o estado de alarma. Talvez foron as présas, talvez a confusa burocracia, mais o Ministerio do Interior non levou ao Congreso dos Deputados unha proposta de reforma exprés para adecuar a actual Lei Mordaza ao estado de alarma ou unha proposta de lei orgánica que desenvolva o corpo sancionador adecuado a esta situación de excepcionalidade regulada minimamente en 1981.

O resultado é que, como non hai algo concreto ao que agarrarse xudicialmente, o debate paira nos gabinetes de avogados, nos tribunais contencioso-administrativos e mesmo no corpo da Avogacía do Estado. A chave é a palabra desobediencia, quen se desobedece e se a Lei Mordaza é o cadro legal que debe regular todas as supostas infraccións.

A desobediencia require dunha orde individual e expresa realizada pola autoridade ou os seus axentes e unha negativa tamén expresa do individuo ante esa orde, tal e como expón a propia Lei Mordaza e a xurisprudencia. Mais moitas das denuncias realizadas durante os últimos 65 días non recollen unha desobediencia a un axente, senón ao estado de alarma. Ante esta discrepancia, a Avogada Xeral do Estado, Consuelo Castro, razoou nun escrito de once páxinas no pasado 4 de abril que a Lei de Emerxencias de Protección Civil e a Lei Xeral de Saúde Pública eran talvez máis apropiadas que a Lei de Seguranza Cidadá (coñecida como Lei Mordaza) para iniciar os procesos administrativos sancionadores.

Dez días despois, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, aduciu nun escrito que remitiu aos corpos de seguranza que a publicación das normas no BOE e a ampla cobertura delas por parte dos medios de comunicación eran suficientes para ser consideradas como autoridade competente á que desobedecer. E expresouno cun paréntese: “Cando se produza a mera desobediencia a un mandado directo da autoridade (non só dos seus axentes), concorrerán os elementos definitorios da infracción administrativa do artigo 36.6 da Lei de Seguranza Cidadá”. Nos parágrafos seguintes desenvolveu a idea, que expresou da seguinte maneira: “A mera inobservancia pola cidadanía das medidas adoptadas polo Goberno debe ser calificada como incumprimento de tales ordes, non precisada de requirimento previo dos axentes”.

Marlaska non tivo en conta que os políticos e as administracións deron ordes contraditorias á poboación en diversas ocasións, debido á complexidade de interpretación das normas publicadas, do anuncio das mesmas e das diversas aplicacións, como a fase 0,5 do País Vasco, aínda que oficialmente está na fase 1.

 

“Se o obxectivo era que non saísemos de casa durante o estado de alarma, iso cumpriuse. Outra cousa é que o millón de denuncias prosperen, porque non teñen encadramento xurídico”

 

 

AMEDRONTAR E CONTROLAR
Os avogados consultados por El Salto consideran que a interpretación laxa da desobediencia por parte de Marlaska non será suficiente para os xuíces poderen sancionar razoadamente as propostas de multa. Mais, en calquera caso, o traballo de amedrontar e controlar á poboación xa está feito.

“Se o obxectivo era que non se saíse de casa durante o estado de alarma, iso cumpriuse. Outra cousa é que o millón de denuncias prosperen, porque non teñen encadramento xurídico”, afirma o avogado de Rede Xurídica, Daniel Amelang. “A vía adecuada era unha reforma exprés da Lei Mordaza ou unha lei orgánica, que sancione como conduta ilícita en si mesma quebrar o confinamento durante un estado de alarma, e así non tes que realizar a ficción da desobediencia”, engade.

Alén de controlar e amedrontar a poboación, talvez existe tamén o propósito de arrecadar fondos. A multa mínima do artigo 36.6 ascende a 601 euros. O pagamento en 15 días desde a notificación reduce o que hai que pagar a 300,5 euros. Unha rebaixa do 50% que leva aparellada a renuncia ao dereito de alegar pola vía administrativa.

Existe unha segunda vía: acollerse ao pagamento rápido e recorrer ante o Tribunal Contencioso-administrativo, mais esta vía obriga a presentarse a xulgamento e a contratación dun avogado, o que significa custos procesuais caso perder (entre 50 e 150 euros, é o que habitualmente fixan os maxistrados).

 

Está previsto que moitas persoas se acollan ao pagamento rápido, o que supón unha rebaixa do 50% na multa (de 601 a 300,5 euros), mais implica renunciar ao dereito de alegar administrativamente

 

PAGAR ANTES QUE RECORRER
Tanto o avogado Daniel Amelang, do bufete madrileno Red Jurídica, como Óscar Sánchez, do bilbaíno Hiru Abokatuak, coinciden en que moitas persoas se acollerán ao pagamento rápido, renunciarán ao dereito de alegar administrativamente e non optarán por recorrer xudicialmente.

Nesa altura será o momento de os rábulas encheren o peto. Circulan en internet propostas de alegacións que fixeron algúns escritorios de avogacía. Algunhas delas, as máis trapaceiras, ofrecen gratuitamente unha alegación xeneralista ben razoada, mais sen explicaren que a súa presentación suporá perder a oportunidade do pagamento rápido. Outros ofrecen tarifas base de entre 75 e 100 euros para unha alegación máis personalizada.

De momento, as notificacións de abertura de expediente non chegan -o prazo para iso é dun ano-. Os tribunais contencioso-administrativos esperan reabrir as súas portas o 4 de xuño, coa dúbida, por exemplo en Bizkaia, de que a Lei Mordaza poida ser aplicada como suxire Marlaska. “A cuestión do asunto estará, certamente, na acta policial: se nela o axente razoa ou non que o sancionado recibiu unha orde clara de non quebrar as normas do estado de alarma e o apercibido se negou a respectalas”, introduce no debate o letrado Óscar Sánchez.

No exemplo de inicio de procedemento formal de Marlaska que achegou no seu escrito remitido aos corpos policiais, no anexo I, este matiz non aparece

Sobre a posibilidade de alterar a acta de denuncia a posteriori, o avogado de Bilbo indica que “se pode matizar, mais non reescribir”. “E esas matizacións non poden alterar o sentido orixinal do boletín de denuncia”, engade Amelang.

 

Varios sindicatos policiais mostraron o seu malestar e consideran que poucas denuncias chegarán a ser tramitadas

Entretanto, varios sindicatos policiais mostraron o seu malestar ante esta situación e consideran que o seu traballo foi en van. “Temos a sensación de que o noso traballo foi en van, xa que cremos que se vai dar seguimento a poucas denuncias por non dicir ningunha e iso crea unha sensación de falta de autoridade na poboación”, sinalou esta semana Carlos Bahón, porta-voz da Asociación de Policía Municipal Unificada.

Na pasada segunda feira foi ulrapasado o millón de propostas de sancións. A cifra elevábase onte (19-05) a 1.013.747, convertendo o Estado español nun dos máis sancionadores do seu contorno. As policías locais foron as que máis denunciaron, con 369.597 inicios de expedientes, seguidos da Garda Civil (290.672), a Policía Nacional (268.567), os Mossos d’Esquadra (69.168) e a Ertzainza (12.214).

DURMIR NA RÚA NON É DELITO
Así mesmo, até onte había 8.418 persoas detidas, que pasan a disposición xudicial inmediatamente. Unha delas é un home que vive nas rúas de Bilbao. Óscar Sánchez ocupouse do seu caso e o auto ditado polo maxistrado Francisco Javier Tucho do xulgado de Instrución nº9 foi satisfatorio.

O seu cliente foi detido por axentes da Ertzaintza por incumprir en catro ocasiones o Real Decreto do Estado de Alarma ao estar na vía pública sen as excepcións contempladas pola norma. Respecto diso, o xuíz considera que “non consta no atestado que previamente se requiriu ao investigado de forma clara e expresa que non podía estar na rúa”, polo que “non se pode condenar un cidadán polo simples feito de desatender o mandato abstracto ínsisto nunha norma imperativa, segundo a sentenza do Tribunal Supremo 14.10.2019 [a sentenza do Procés]”. Alén diso, o maxistrado incide que “a mera repetición da vulneración da norma xeral non incorre en delito de desobediencia”. E realiza unha comparación: “Isto suporía que cometer tres infraccións por conducir con exceso de velocidade suporían un delito de desobediencia por reiterar esta conduta”, e non é así.

Por último, o xuíz lembra á Ertzaintza que o investigado “mal vai cumprir o confinamento domiciliario cando non ten onde residir, tendo sudi expulsado dun albergue municipal, polo que estamos máis ante un problema de índole social que ante un ilícito penal”.

Das interpretacións particulares de cada caso dependerán de aquí en diante a posteriori aplicación das leis no máis dun millón de procesos sancionadores denunciados, consideran os avogados consultados, dado que esta é unha situación excepcional que carece de xurisprudencia concreta.

21 MAY 2020 06: