O Centro Penitenciario de Teixeiro está localizado en Curtis, a uns 50 quilómetros da Coruña. Entrou en funcionamento en 1998, cunha superficie total edificada de 86.430 metros cadrados e 1.008 prazas de internos (36 delas, para illamentos). A prisión da Lama, na provincia de Pontevedra, a uns 40 quilómetros de Vigo, foi inaugurada en 1998 cunha superficie construída de 86.081 metros cadrados e con capacidade para 1.211 internos (36 prazas para illamentos).

https://hl855.mail.espacioseguro.com/esculca.gal/?_task=mail&_host=mail.esculca.gal&_host=mail.esculca.gal&_mbox=INBOX&_uid=27492&_part=6&_action=get&_extwin=1&_framed=1&_mimewarning=1&_embed=1

Eric Dobaño

Teixeiro e A Lama son os dous grandes centros penitenciarios do país nun sistema carcerario que completan as prisións de Bonxe e Monterroso, en Lugo, e a de Pereiro de Aguiar, en Ourense. Bonxe, Monterroso e Pereiro son centros máis pequenos, construídos nos anos oitenta.

Teixeiro e A Lama, dispositivos xemelgos dentro dunha nova concepción das cadeas a finais de século, son os dous centros onde hai máis problemas e onde as asociacións de defensa dos dereitos humanos veñen realizando a maioría de accións de denuncia.

Teixeiro é coñecido desde a súa fundación polas pésimas condicións de habitabilidade”, comeza advertindo un relatorio de Esculca, Observatorio galego dos dereitos humanos, de 2016, no que se dá conta dunha iniciativa de Francisco Jorquera (BNG) no Congreso dos Deputados en 2011 cuestionando ao Goberno socialista polas queixas recibidas, entre elas, “trato vexatorio aos internos” e “deficiente atención médica que reciben as persoas con doenzas crónicas”.

Esculca denunciaba naquela altura casos como o dun mozo compostelán, A.P. (29 anos) que apareceu morto en xaneiro de 2010 no módulo de ingresos a cuxos familiares se lles negou a posibilidade de recoñeceren o corpo mesmo despois de lle ter sido practicada a autopsia. O outro dunha interna que sinalou aos servizos médicos por lle ter administrado unha dose de metadona 7 veces superior á que tiña pautada. Ou o caso de S.S.M., un recluso con patoloxía psiquiátrica diagnosticada que pasou máis dun ano sen ser examinado polo especialista e quen, malia varios intentos de suicidio, non foi incluído no protocolo de prevención e mesmo acabou nun módulo de illamento, a chamada Ala Corta. Ou o caso da negativa da dirección do centro para que a Plataforma Galega de Afectadas pola Hepatite C puidese informar aos reclusos que padecían esa doenza da necesidade de solicitar novos tratamentos. Un episodio que acabou cunha denuncia contra o SERGAS. Polo camiño, en Teixeiro morreu J.V.P. sen recibir o tratamento para a Hepatite C.

En sucesivos relatorios, Esculca denunciou o caso de J.M.C.S., un preso co VHG e coas dúas pernas amputadas, por non estar a recibir “atención médica axeitada”, ademais de sufrir as numerosas barreiras arquitectónicas. A queixa elevouse á Defensora del Pueblo en setembro de 2016. Aínda non houbo resposta. No 2017 o observatorio alertou ao Defensor del Pueblo da situación de A.M.C.B., recluso con patoloxías mentais que permanecía no seu cubículo 23 horas cada día e non estaba recibindo atención especializada. En marzo de 2018, o recluso foi ingresado grave no Hospital de Santiago despois dun intento de suicidio. Un mes despois, foi trasladado ao cárcere de Mansilla de las Mulas (León). Unha nova queixa ao Defensor segue hoxe sen resposta.

A precariedade da cobertura sanitaria en Teixeiro quedou ao descuberto en 2016. O 7 de maio daquel ano foi atopado morto na súa cela J.A.D.S., preso de 45 anos. As primeiras hipóteses apuntan a unha posible sobredose aínda que o servizo médico e o forense afirman que non apreciaron signos de violencia nin picadas no corpo. “Os medios de comunicación informan da exigüidade do servizo médico da prisión: 8 facultativos para 1.300 reclusos en teoría”, di Esculca. “Na realidade só están operativos o médico titular, outro en prácticas e, no organigrama directivo, un subdirector médico e unha subdirectora de programas. Unha facultativa interina está de baixa neses momentos desde varios días antes”.

Iso pasa en Teixeiro.

https://hl855.mail.espacioseguro.com/esculca.gal/?_task=mail&_host=mail.esculca.gal&_host=mail.esculca.gal&_mbox=INBOX&_uid=27492&_part=7&_action=get&_extwin=1&_framed=1&_mimewarning=1&_embed=1

Na Lama a situación non é mellor

Nun relatorio de 2020, Esculca resume tres lustros de calamidades.

Nos primeiros anos deste século, o penal da Lama figuraba entre o tres establecementos prisionais do Reino de España que concentraban maior número de suicidios, xunto co de Zuera e o Psiquiátrico Penal de Alacant: 36% do total de todos os cárceres do Reino de España, a pesar de aloxar entre os tres só o 4% do total da poboación penitenciaria. En xuño de 2012, o elevado número de mortes ocorridas durante o ano anterior por suicidio ou outras causas (un mínimo de oito) e a introdución de métodos expeditivos para abordar problemas de convivencia -especialmente no módulo de illamento, onde se adoita empregar o encadeamento prolongado-, o abuso deste réxime punitivo, aplicado de xeito inxustificado e automático, así como a actitude agresiva dos funcionarios, están na orixe do aumento significativo das denuncias por malos tratos experimentados nos últimos anos, expresadas nalgunhas ocasións como último recurso na forma de folgas de fame prolongadas”.

AQUÍ TORTURAN

Ese relatorio de Esculca é unha descrición da cámara dos horrores.

M.F. (2005): “Despois de pasar polo arco detector, é abordado por seis funcionarios que lle din que o van someter a un rexistro corporal e indícanlle que se coloque mirando contra a parede coas pernas e os brazos estendidos. Nesta posición, un dos funcionarios agárrao polos testículos e cando o interno pregunta que acontece recibe unha forte labazada que o bota ao chan. Unha vez no chan, é pontapeado, písano na cabeza e, esposado, lévano á cela 20 onde o deixan atado de pés e mans na cama ata as 21:00 horas”.

S.C. (2006): “O 26 de abril de 2006, funcionarios da prisión informaron a S.C., de nacionalidade albanesa, de que ía ser trasladado a outra cela por motivos de seguridade. O preso discute esta decisión (…) provoca o seu inmediato traslado a unha cela de illamento provisional onde permanecerá ata o 2 de maio, momento no que é levado de novo ao seu módulo. Ao día seguinte, o 3 de maio, ao redor das 8:30 da mañá, seis axentes armados con porras entraron na cela e agrediron o interno, provocando feridas e sangrando polas orellas e pola boca. A continuación, lévano novamente á cela de illamento”.

V.L.M.D. (2011): “O 17 de xuño foi trasladado ao módulo de illamento como consecuencia da discusión que mantivera cun funcionario. Chegado ao módulo de illamento, cando estaba quitando os cordóns dos zapatos, é agredido fisicamente e despois obrigado a espirse. En roupa interior, é levado á cela 40, un cubículo especialmente deseñado para manter persoas amarradas a unha cama encastada no chan. É atado coas mans e cos pés cara abaixo e obrigado a permanecer nesta posición máis de 8 hora”.

R.A.B. (2012): “Golpeado e arrastrado polo chan por varios funcionarios (…) amarrado á cama polos pés e as mans e golpeado nas plantas dos pés e no estómago. Permanece nesa situación durante 15 horas. Máis tarde é ingresado nunha cela de illamento, sen que o médico o visite”.

M.T.F. (2013): “Familiares denuncian que leva varias semanas esposado á cama boca abaixo sen que sequera lle sexa permitido ir ao baño, circunstancia que os funcionarios aproveitan para rirse del, humillalo e botar cubos de auga fría sobre el. A versión do recluso é apoiada polo testemuño doutras persoas”.

En Teixeiro tamén hai constancia de torturas e mal trato con consecuencias fatais.

A.P.R. (2016): “Malleiras o 26 e o 27 de maio. Fractura de dúas costelas e unha rotura do bazo. Caso incluído no relatorio que Esculca enviou en 2016 ao Comité Europeo para a Prevención da Tortura e as Penas e Tratos Inhumanos ou Degradantes. En outubro de 2019 a Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolve os seis funcionarios denunciados. Os maxistrados consideran acreditado que tiveron lugar “polo menos dous incidentes violentos” entre funcionarios do centro penitenciario e o interno. Non obstante, decretan a absolución dos acusados porque, afirman, non se demostrou “máis alá dunha dúbida razoable” que as feridas fosen causadas pola agresión destes funcionarios”.

P.E.G. (2018): “Varios funcionarios da prisión presuntamente insultan, ameazan e golpean con brutalidade a P. Inmediatamente o condenado é confinado en illamento. Como é obrigatorio nos casos de illamento provisional, acode a examinalo o médico da prisión. Non obstante, a pesar de que presenta múltiples lesións que sangran profusamente, o médico rexeita prestar atención e emite o correspondente informe de lesións. Buscando unha resposta á súa situación, P. recorre á autolesión: golpea un vidro coa man dereita, producíndose cortes no pulso dereito e traga anacos de vidro. Consegue ser levado nunha furgoneta da Garda Civil ao Hospital. Alí aténdeo unha médica do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) que lle presta a asistencia médica necesaria e lle prescribe a realización de curas nos días sucesivos. Os médicos do centro penitenciario non realizan as curas. O 24 de novembro de 2018, P. volve ser violentamente agredido por funcionarios da prisión. En xaneiro de 2019, o xulgado de instrución núm. 2 de Betanzos abre dilixencias previas en base á denuncia presentada por P. En abril de 2019 P. é trasladado de prisión a pesar de estar aínda pendente de xuízo a súa denuncia contra funcionarios da prisión por agresión violenta. O día 15 de maio de 2019 contactou cun coñecido para informalo do seu regreso ao C.P. de Teixeiro, onde foi levado de novo para poder asistir ao xuízo. Ese mesmo día, P. morre por asfixia na súa cela”.

F.J.S.R. morreu o 9 de outubro de 2019 na Lama, onde fora trasladado deste Teixeiro. Un funcionario topou o corpo sen vida na cela que ocupaba nunha galería na que era o único preso. O día anterior abandonara unha greve de fame dunha semana de duración. Un ano antes, Esculca denunciou que este preso estaba sometido desde o seu ingreso no cárcere de Teixeiro, en 2016, “a un réxime de vida que de feito lle implica cumprir pena en situación de absoluto illamento, sen ningún tipo de contacto humano, sen comunicación con outros presos ou con funcionarios, e sen poder realizar ningún tipo de actividade”. En sucesivas respostas, o Defensor del Pueblo aludiu a que o preso estaba sometido ás normas do Ficheiro de Especial Seguimento FIES S1. O 5 de xaneiro de 2019, foi trasladado á Lama onde seguiu até a súa morte baixo o mesmo réxime.

Son 14 as persoas sinaladas en vermello e baixo as súas iniciais nesta información. Hai máis casos coma estes nas cámaras do horror que para moitos presos son as xemelgas Teixeiro e A Lama, eventuais illas de impunidade.

Se o respecto á vida está en suspenso segundo que circunstancias, que dicir do acontecer cotiá no respecto á saúde de presas e presos…

SEN ATENCIÓN MÉDICA

Unha médica con experiencia nun destes centros expresa na seguinte relación todas as carencias: falta persoal (especialmente, faltan médicos); as redes de información do servizo penitenciario e as do SERGAS non están conectadas; faltan medios, ao punto de que até hai un ano non había conexión a Internet no centro e agora mesmo só teñen 2 ordenadores para 6 médicos; o equipo de médicos avellentou, o máis novo ten 59 anos; estase a producir unha fuxida de médicos do sistema penitenciario onde están peor pagados; non se respectan as decisións médicas cando non coinciden coas esperadas pola dirección, ás veces mesmo se controla a prescrición de determinados medicamentos ou se coacciona os profesionais para romper a confidencialidade dos datos médicos dos pacientes; hai presos con doenzas crónicas e doenzas mentais que non deberían estar nun cárcere… pasaron un ano sen atención psiquiátrica e sen poder derivar pacientes. Nos cárceres galegos, constata Esculca, os tratamentos das persoas presas non se entregan cada día, senón cada dous, tres ou catro días. “Isto provoca, obviamente, que algunhas persoas tomen sobredoses e que se xere un mercado interno de medicamentos”.

En 2017, o Comité Europeo para a prevención da tortura (CPT) emitiu un informe no que lembraba que no cárcere de Teixeiro se tiñan rexistrado 824 sancións disciplinarias no período 2014-2016, unha cifra esaxerada para unha poboación interna de 1.228 reclusos. Naquela altura, o Comité chamaba a atención das autoridades españolas sobre a atención psiquiátrica no cárcere de Teixeiro, onde non se recibira a visita dun psiquiatra desde o ano 2011. Tampouco existía a figura do psicólogo clínico. Ao CPT, tamén lle chamaron a atención dous datos de Teixeiro: o elevado número de casos de toxicodependencia (147) e a porcentaxe de afectados pola hepatite C, ao redor de 25%.

Nos cárceres xemelgos da Lama e Teixeiro estanse a conculcar dereitos elementais das persoas presas. Unha parte da solución debería chegar pola transferencia da sanidade penitenciaria á Galiza. Pero esa transferencia está freada. Malia as demandas continuas, mesmo desde o Parlamento galego, a transferencia das competencias sanitarias en materia penal e os problemas de persoal seguen “en fase de negociación interministerial”, lamentan desde Esculca.

Na cuestión da violencia contra as presas e os presos a solución parece aínda máis improbábel. En realidade, a política do Estado avanza no sentido de reforzar as atribucións dos funcionarios. É o último xiro dunha política penitenciaria cada vez máis regresiva.

Desde finais de 2021 a proposta está sobre a mesa. Unidas Podemos e o PSOE avanzan nunha reforma da Lei mordaza na que introducir o recoñecemento dos funcionarios de prisións como “axentes de autoridade”.

https://hl855.mail.espacioseguro.com/esculca.gal/?_task=mail&_host=mail.esculca.gal&_host=mail.esculca.gal&_mbox=INBOX&_uid=27492&_part=4&_action=get&_extwin=1&_framed=1&_mimewarning=1&_embed=1

POLICIALIZACIÓN

A xestión civil dos centros penitenciarios, acordada na Lei Penal de 1979, sería revertida cara unha “policialización” do corpo de funcionarios, convertidos em axentes de orde pública. Para Esculca e outras vinte e cinco asociacións de dereitos humanos do Estado, introducir este cambio significaría que “as persoas privadas de liberdade poderán ser sancionadas por feitos leves tanto pola vía administrativa-penal, como tamén na vía penal, xerando un aumento dos casos en que se acuse e condene por atentado, resistencia ou desobediencia a axentes da autoridade”. E, correlativamente, suporá aumentar as dificultades para denunciar situacións de malos tratos en contexto de privación de liberdade.

Se desmantelamento acelerado da atención á saúde nos cárceres se lle suma un reforzo do papel represor dos funcionarios de prisións, a vida na Lama e en Teixeiro segue avanzando cara dentro do burato negro que son, desde o punto de vista dos dereitos humanos, estes grandes centros penitenciarios do país.

Tempos Novos