V

Una veintena de raperos lanzan una canción con rimas de raperos encausados                              Os rapeiros Valtonyc e Pablo Hásel

 

Estaba eu o noutro día nun bar xunto á Audiencia Nacional, cando entraron un fiscal e un ministro cuxas identidades non desvelarei. Debruzáronse na barra, pediron dúas cervexas e puxéronse a falar relaxadamente. Arrimei a orella, e isto é o que escoitei:

-MINISTRO: Hoxe pagas ti as cervexas.

-PROCURADOR: E iso?

– MINISTRO: A aposta, lembra. O do Valtonyc ese, o rapeiro. Que che dixen eu? Que o metiamos no cárcere e non pasaba nada.

– PROCURADOR: Ben, nada, o que se di nada… Montaron unha campaña na súa defensa.

– MINISTRO: Nada, os catro de sempre. Os que están en todas e se opoñen a calquera cousa, os sospeitosos habituais, os independentistas por suposto, uns cantos músicos, un vídeo solidario e si, moito tuiteiro indignadísimo. E para de contar.

– PROCURADOR: É verdade que á maioría da xente non lle importa un rapaz rapeiro que canta asneiras, e moitos mesmo aplauden que vaia á cadea. Mais aínda que sexan poucos os que o apoian, fan moito ruído.

– MINISTRO: Déixao en ruidiño. Olla por exemplo todos eses políticos e famosetes que se pronuncian. A maioría deféndeo con pinzas: engaden os berros de rigor (“non estou de acordo coa condena, aínda que as súas letras parécenme deleznabeis”) ou recorren a comparacións que na práctica supoñen aceptar o cadro de discusión: “se fose franquista non lle pasaría!”, “e entretanto, Jiménez Losantos dicindo besteiras na radio!”, que é como dicir que o malo non é cortar a liberdade, senón que o corte non sexa o mesmo para todos. Ou esoutra carallada de “Urdangarín en Suíza e Valtonyc en prisión”, como se o encarceramento do rapeiro fose máis aceptábel despois de engaiolar tamén o duque.

– PROCURADOR: Vaia, que outra vez volveron comprar a peixe.

– MINISTRO: Podre. Un peixe após outro. Esta xente é así, non aprende. Pasoulles co terrorismo, que foi unha brecha sen fondo. Pásalles coa liberdade de expresión ou os límites do humor, que os collemos sempre co paso trocado. E vai a volver pasarlles coas fake news: tanto alboroto coas mentiras de toda a vida, que acaban vendo razoábel controlar a información. Sempre que sexa para defender ‘a verdade’, claro.

– PROCURADOR: Ben, levan anos así. Comprando peixe podre, deixándose meter goles. Non é estraño: unha sociedade de ofendidos, de escándalo fácil, que quere resolver calquera conflito pola vía penal, e que non ten memoria das súas propias loitas históricas polas liberdades. Aínda que eu pensaba que a entrada en prisión marcaría un límite polo que xa non pasarían.

– MINISTRO: Nada. O cárcere xa non impresiona tanto. Non ves que levan anos pedindo cárcere para todo o que non lles gusta? A cada escándalo esixen unha reforma do código penal. Acabaron banalizando a prisión. Olla os nove cataláns eses: máis de seis meses atrás das reixas, e aquí non pasou nada. Menos drama. En canto o rapeiro entre na cela esquécense del, e até o seguinte caso.

– PROCURADOR: Vin algún manifesto por aí circulando, e uns cantos artigos de prensa. Que se liberdade de expresión isto, que se liberdade de expresión o outro…

– MINISTRO: Mais non entenden como funciona. A liberdade de expresión é como o xogo da corda, ese de dous equipos puxando cada un por un extremo. Se eles puxan forte, conseguen alongala polo seu lado. Se afrouxan, somos nós os que lles recortamos metros. Así foi sempre con todos os dereitos e liberdades, que non son fixos nin absolutos, están en permanente disputa e negociación, día a día.  Mais especialmente coa liberdade de expresión: nós tiramos sempre, nós nunca afrouxamos; e se eles non suxeitan forte, arrastrámolos para acá. A liberdade de expresión nunca é ilimitada (como ningunha liberdade, vaia), e en cada país e época ten uns límites, que se fixan segundo a forza con que tire cada lado.

– PROCURADOR: Anda que se a Transición se tivese feito con estes frouxos puxando da corda…

– MINISTRO: Aí está. Cada sociedade ten a liberdade de expresión que merece. Qier dicir, a que é capaz de defender. En España as liberdades democráticas serían moito menos amplas se non houbese xente puxando da corda xa desde o tardofranquismo, e que queimaban as mans antes que soltar a soga nos anos duros da Transición. Olla ti os anos oitenta: as asneiras que se podían cantar, escribir, chancear ou debuxar, e non pasaba nada. Había bar aberto. E era porque puxaban forte os cabróns. Mais despois comezaron a afrouxar, e hoxe chega con lles darmos un puxón de cando en vez para seguirmos cortando. Que, pedimos outra roda?

– PROCURADOR: Non, teño unha vista con dous tuiteiros. Ou humoristas, non sei.

– MINISTRO: Veña, a continuar puxando da corda.

(por se algún procurador le isto, esclarezo que é un exercicio de FICCIÓN. Co curta que nos está ficando a corda, eu non me fío!)

Isaac Rosa