Euskal Komunikabideak Hedatzeko Elkartea (EKHE) e GARA non figuran en ningunha das millares de páxinas que compuxeron o macrosumario 18/98 en que foi xulgada a empresa Orain, editora do Egin, nin tiveron posibilidade de defensa naquel xuízo. Existían xa sentenzas dos tribunais superiores de xustiza de Nafarroa e a CAV que, en relación a reclamacións ao Fogasa, aseguraban que «non cabe estimar a sucesión empresarial» cando os contratos de traballo «foron rescindidos por expediente de regulación de emprego autorizado pola Autoridade Laboral». Apesar de todo iso, o xuíz Baltasar Garzón ditou o 20 de xullo de 2000 «a existencia dunha sucesión de empresas entre os grupos Orain-Egin e EKHE-GARA», e a partir daí comezou a manobrar para conseguir que a Seguranza Social acabase endosándonos a débeda de Egin.

 

Egin-1998

 

En diante, o xuíz Garzón -ao que agora mesmo o Xulgado de Instrución número 50 de Madrid investiga por un posíbel delito de prevaricación cometido da man do afamado comisario xubilado José Manuel Villarejo- comezou a manobrar para que a Seguranza Social tentase afogar economicamente a GARA.

E conseguiuno. En xuño de 2003, a Tesouraría Xeral da Seguranza Social notificou á representación legal de Baigorri Argitaletxe SA (editora de GARA) e de KIE SA (empresa que imprime este xornal) a súa decisión de declaralas «responsabeis solidarias» das débedas que até agora reclamaba, respectivamente, a Orain SA (4.673.326,94 euros) e Hernani Inprimategia SA (441.824,15). A suma era na altura de 5.115.151 euros (máis de 851 millóns de pesetas). E o pagamento reclamábase en quince días.

«Sucesión ideolóxica»

Cando Baltasar Garzón toma unha decisión, non dubida en retorcer a legalidade até conseguir o seu obxectivo. Niso coincide con aquela exclamación de «seica pensaban que non íamos atrevernos» que lanzou José María Aznar, presidente do Goberno español, cando fecharon o Egin.

Os informes eran contrarios. Os técnicos lembraban que para a posta en marcha de GARA non se puideron utilizar ningún dos bens de produción de Egin que, por certo, estaban sob a administración xudicial do propio Garzón. O domicilio da empresa tamén era diferente á de Orain. O persoal non pasara integralmente dun xornal a outro, senón que GARA só contratara mais ou menos a metade dos empregados de Egin e, ademais, todos eles pasaran un tempo no desemprego. «A feixes», podíase ler, a xurisprudencia establece que «se as rescisións de contratos foron autorizadas pola autoridade laboral competente» non pode falarse de sucesión de empresa.

Ademais, os recursos financeiros e os medios materiais para facer posíbel a creación de GARA eran totalmente novos, e sen ligazón algunha con Egin.

Máis unha vez, a legalidade importou ben pouco a Garzón. Estableceu a existencia de «sucesión ideolóxica», alegando que quen impulsara o nacemento de EKHE e GARA após o encerramento de Orain e Egin pertencían ao mesmo «grupo ideolóxico» e cun pretendíase surlir a falta do outro.

Compre sinalar que o concepto de «sucesión ideolóxica» non ten ningún soporte xurídico, por canto non está contemplado na lexislación nin na xurisprudencia.

Embalando o berce

Unha vez que o xuíz Baltasar Garzón decidiu que había “sucesión ideolóxica», comezou a tratar de provocar que iso tivese consecuencias prácticas. Como informou GARA na súa edición do 26 de febreiro de 2002, organizou polo menos dúas reunións con representantes de órgaos que non están sob a súa xurisdición, como son Inspección de Traballo, Tesouraría Xeral da Seguranza Social e Fogasa, para tentar atribuír a EKHE a débeda de Orain. Un deses encontros mantívose o 5 de decembro de 2000, como consta nun escrito remitido ao xuíz pola xefa da Área de Xestión de Prestacións do Fogasa.

E, por fin, logrou o seu obxectivo. A Tesouraría Xeral da Seguranza Social, citando textualmente o auto de Garzón, acabou en 2003 endosando a EKHE e GARA a débeda de Orain e Egin. Nesa altura en 2001, a Sección Cuarta da Audiencia Nacional xa deixara claro que o encerramento do xornal fora feito através dunha armadilla xurídica. Nada importou. En base a un auto dun xuíz que non é competente en materia xudicial, GARA comezou a deber 5,1 millóns de euros.

Iñaki IRIONDO

GARA