Sete do oito centros de internamento de persoas estranxeiras no Reino Unido son xeridos por empresas privadas. A opacidade rodea os contratos, mais segundo Corporate Watch a súa taxa de beneficio sobre a contía das licitacións pode aproximarse do 20%.

 

Campode detención de Campsfield, en OxfordCampo de detención de Campsfield, en Oxford

 

Os centros de detención de inmigrantes en espera de expulsión -os CIE españois- teñen unha regulación europea moi laxa, fixada na Directiva de Retorno (2007). Esta regulación nin sequera afecta o Reino Unido, país que se rexe polas súas propias normas nese ámbito. Unha diferenza básica é que os CIE británicos non teñen un límite máximo de internamento; outra, que sete dos oito Centros de Expulsión de Inmigrantes (Immgration Removal Centers, IRC) son xeridos no Reino Unido por empresas privadas. Un relatorio da ONG Corporate Watch publicado no mes de xullo denuncia as grandes marxes de beneficios, de até o 40%, co que funcionan as catro contratas que se reparten as licitacións do Home Office, o ministerio de Interior británico. Entre elas, unha empresa norteamericana coñecida por contribuír á campaña presidencial de Donald Trump.

 

64 detidos do centro de Dungavel cumpriron xornadas de até 30 horas semanais durante tres anos cobrando salarios dunha libra a hora

 

O relatorio adverte que as cifras son aproximadas, dado que as empresas non están obrigadas a publicar con detalle a súa estrutura de custos nin a especificar a que contrato corresponde cada céntimo de diñeiro que reciben do Estado británico para xeriren os IRC ou os outros contratos de que son concesionarias. Segundo Corporate Watch, da información dispersa que foron debullando as empresas através das súas contas de resultados, de preguntas parlamentares ou de denuncias cidadás, decorre que a marxe de beneficios máis típica podería aproximarse do 20%.

No Reino Unido, a discusión sobre as concesións de servizos públicos a empresas privadas atinxiu o rango de debate nacional após a falencia en xaneiro da multiconcesionaria Carillion. Neste cadro, o dereito das empresas á confidencialidade puido máis que as preguntas dos grupos pro dereitos humanos e mesmo que a lupa parlamentar: despois de tanto a BBC como The Guardian teren publicado en setembro algunhas cifras de beneficios da concesionaria G4S, que xere dous centros no aeroporto londrino de Gatwick, as respostas parlamentares da empresa foron totalmente vagas.

A prensa difundira que os beneficios obtidos pola empresa nos centros de Brook House e Tinsley House en 2016 alcanzaron respectivamente taxas do 20,7% e do 41.5%. Peter Neden, responsábel de G4S que atendeu o Parlamento británico, só afirmou que a información achegada pola BBC e The Guardian era ‘incompleta’ e que os beneficios non ultrapasaban o 20% en ningún caso.

Aínda por riba, son as propias empresas as encarregadas de realizar a súa propia auditoría unha vez ao ano, algo que provocou tamén a reacción do ICO (Information Commisioners Office, un organismo público de control que rende contas perante o Parlamento e que se ocupa de temas relacionados coa protección de datos). Este organismo de feito interveu para que o Home Office entregase a Corporate Watch as fichas coas autoavaliacións das concesionarias.

DOANTES DE TRUMP CON INTERNOS QUE TRABALLAN POR UNHA LIBRA A HORA

Segundo Corporate Watch os datos achegados por unha das concesionarias en 2017 permiten facer unha reconstrución máis aproximada da rendibilidade do seu investimento. Trátase do centro de detención de Dungavel (con capacidade para 249 persoas internas), perto de Glasgow (Escocia), xestionado polo xigante do sector carcerario privado norteamericano Geo Group, un dos doantes da campaña que levou Donald Trump á presidencia dos EUA en 2016.

Segundo datos da propia Geo, en 2017 recibiu do Goberno británico 5,2 millóns de libras en concepto de ‘servizos de custodia e xestión de infraccións’. Segundo Corporate Watch, a xestión de Dungavel é a única fonte de ingresos difundida por Geo group en 2017. Fronte a isto, os gastos reportados pola compañía altinxiron os 4,3 millóns de libras, dos cales 3,6 millóns serían gastos derivados da actividade propia do centro e 0,7 de ‘gastos administrativos’. Segundo a ONG, Geo non distingue claramente entre ambos os conceptos e é difícil precisar que contía deses gastos administrativos ten unha relación directa coa xestión do centro. Sen eses gastos administrativos, o beneficio representaría un 30% da contía total do contrato.

Precisamente o aforro de custos é unha das estratexias que o relatorio cita como motivo da alta rendibilidade dos centros de internamento. En 2014, Corporate Watch xa difundira que as concesionarias aforran en conxunto un tres millóns de libras facendo que sexan os propias persoas internas as que cociñen, limpen e manteñan as súas prisións.

En xaneiro deste ano, a prensa británica difundía que 64 persoas detidas do centro de Dungavel cumpriron xornadas de até 30 horas semanais durante tres anos cobrando salarios dunha libra a hora por tarefas de limpeza, barbearía e servizo de cociña, entre outras. Se a dirección do centro pagase o salario mínimo por esas tarefas (situado en 7,05 libras a hora), gastaría outras 727.000 libras, segundo a denuncia legal que deu pé ás noticias. O ministerio de Interior británico, do que dependen estes contratos, defendeuse alegando que todas estas tarefas forman parte dun programa voluntario de traballo.

Corporate Watch non puido divulgar datos das outras dúas compañías concesionarias, dado que nin estas nin o Home Office deron datos nin sequera tan aproximados como os disponibeis para as outras dúas contratas. Trátase de Mitie, que xere os dous centros asociados ao aeroporto de Heathrow (Harmondsworth e Colnbrook), e o centro de Campsfield House en Oxfordshire; e Serco, que xere o centro de Yarl’s Wood. Corporate Watch apunta que ‘ambas as compañías ven a detención como unha das súas operacións máis lucrativas, e continúan presentándose a novos contratos’.

Os centros de detención de inmigrantes no Reino Unido reclúen a entre 2.500 e 3.500 persoas, segundo o período en que se faga o reconto. A rotación é alta: no cuarto trimestre de 2017, o 78% do total de internos que saíron destes centros estivera menos de dous meses. No entanto, unha minoría significativa de persoas internas, á volta do 3% do total, permanece entre 6 e 12 meses, e un 1% máis dun ano.

Fonte: El Salto Diario