Presidir unha cámara lexislativa non é cousa de neglixentes nin de covardes. Batet nadou moitas veces na equidistancia -como cando após un comportamento inaceptábel de Vox preferiu reprender todos os deputados da mesma maneira- e agora cae de bruzos na ignominia parlamentar.

 

La presidenta del Congreso, Meritxell Batet.           A presidenta do Congreso, Meritxell Batet. EFE/Javier Lizón/Arquivo

Elisa Beni

Se todo lles parece tan confuso que resulta inintelixíbel, acóllanse ao consello que me deu unha vez un maxistrado dos que prestixiaban as togas: cando un argumento aparentemente sisudo e complexo en Dereito leve a solucións absurdas, o mellor que fai un bo xurista é repasar a liña argumental porque decerto está errada. O Dereito non é unha arte para procrear disparates senón para solucionar conflitos e, en última análise, para facer Xustiza, así que é sospeitoso que do seu uso recto non decorra nin unha cousa nin a outra. O Dereito tampouco é, como queren inculcarlles de forma pouco casual, tan interpretábel que deveña caprichoso, finalista, imprevisíbel, alleo á lectura lóxica das normas ou directamente arbitrario. Iso non é Dereito, esa é a perda de significado do Dereito, a súa morte, e con ela a da nosa forma política e a da sociedade democrática tal e como a concibimos.

Se o castigo por dar unha pontapé a un policía, de tal gravidade que se resolve cunha indemnización á vítima de 50€ e cun castigo de prisión tan baixo que non existe no Código Penal, polo que hai que o conmutar por 540€ de multa, leva de ricochete a perda dunha acta de deputado, que representa o máis sacro dunha democracia, e que afecta ao dereito fundamental de representación do deputado e dos seus votantes, é dicir, se o castigo acaba sendo o máis grave que pode acontecer a un deputado, que é deixar de selo, hai algo que non bate certo. Xa o dixen en ‘Nós, o pobo’. Aquí non hai proporcionalidade nin xustiza material nin respecto aos principios mínimos reitores do Dereito. Algo falla e non fai falta ser Papiniano para darse conta. Chega con resumir que nin a sentenza da Sala II di que o deputado deba deixar de selo, nin os letrados das Cortes ditaminan que ese sexa o resultado da execución da mesma, nin Marchena no seu estraño oficio de resposta ousa escribir que iso é o que hai que facer, nin o Regulamento do Congreso contempla a perda da condición de deputado senón por catro causas e ningunha concorre nesa sentenza. Que pasou entón?

A actuación da Xustiza neste caso é aberrante. Demora sete anos en xulgar un feito obxectivamente de escasa relevancia, por máis entusiasta que uno sexa da orde, e pretende que acarrete consecuencias que nunca puideron producirse de se ter pronunciado a tempo. Abandona na sentenza o principio de in dubio pro reo, como lembran dous dos membros do tribunal, e despois, fóra de plano, parece esixir unha forma de execución que el mesmo non pode aplicar sendo que lle compete non só xulgar, senón executar o xulgado.

Non é a única aínda que si a máis ultraxante

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, decidiu, sob a súa única responsabilidade, emprender unha acción de tanta gravidade como retirar a acta a un deputado electo: sen reunir a Mesa do Congreso e sometelo a votación, sen facer caso do informe dos letrados en Cortes que son os especialistas por oposición en dereito parlamentar e sen que ninguén lle esixise, nin puidese esixirlle, polo menos que saibamos, que así o fixese. Presidir unha cámara lexislativa non é cousa de neglixentes nin de covardes. Batet nadou moitas veces na equidistancia -como cando após un comportamento inaceptábel de Vox preferiu reprender todos os deputados da mesma maneira- e agora cae de bruzos na ignominia parlamentar. Non debe estar preocupada porque conta co inaudito respaldo do seu partido, do que falarei logo, e coa aprobación maliciosa de quen debe xulgar ser, talvez con motivo, o home máis poderoso de España.

Pór unha querela á presidenta do Congreso por isto é unha estupidez e unha mala estratexia, tamén se o fai Podemos. Non vai ser admitida a trámite porque non ten o máis mínimo sentido xurídico. Non parece moi intelixente dar a quen consideras o teu fustigador un elemento gratuíto para que te fustigue e iso é o que fai Podemos ou unha parte de Podemos ou, afinal, o propio deputado, agora que ninguén quere facerse cargo da autoría de tan parva decisión.

Ser ministra do Goberno de España e acusar directamente o Tribunal Supremo dun delito nunha rede social é non saber o que significa ser ministro, non saber onde están as liñas e querer dar bazas absurdas e tensionar un Goberno que, no fin de contas, é o que defendes que queren facer os que corrompen o Dereito contra ti: acabar co Goberno do que formas parte. Un ministro non é un activista. O que eu podo dicir, coñecendo que liñas non podo pisar, non o pode dicir Ione Belarra. Olla que o dixen veces e non aprenden. Son como Jano, queren ser ministros e líderes de opinión e facer oposición á vez. Entrar e saír. Veremos que isto non acabe con outra anulación por sobrevoo de calumnia.

Unha institución non pode ser utilizada espuriamente para defender un grupo de poder ou os amigos. O de Lesmes e a súa corte co CGPX non ten nome. Reunir a Comisión Permanente -e que atribución ten para isto a Permanente?- para “tomar coñecemento” dun chío!, aínda que sexa dunha ministra, e saír en defensa da independencia duns xuíces que non lle pediron ningún amparo que significa? Que a declaración non é xurídica senón política. O amparo concédeo o pleno a un xuíz que previamente o solicitou. Afirman indignados no seu comunicado que son xa varias as veces, no seu inacabábel e extenuante mandato, en que tiveron de saír en defensa da independencia xudicial, mais esquecen dicir que sempre o fan para defenderen os mesmos, é dicir, Marchena e os seus, en tanto que o resto ten que lamber as penas sós. Esquecen dicir que Belarra os horroriza e Concepción os fai vibrar. Tan descarado é que os vocais Costa, Mozo e Sepúlveda votaron directamente en contra.

Un deputado é un servo da gleba na nosa pobre democracia. Ao final é un número, unha chave de voto. Coa falta de respecto que lles demostra o propio Congreso case nos serviría con que o líder de cada grupo tivese o número de votos que acumula. A solución da suspensión do deputado Rodríguez por un período de mes e medio -pondo de lado toda a polémica xurídica, que eu creo que non tería que acarretar nin sequera isto- sería menos gravosa para un dereito tan básico e fundamental como o de representación e tamén para a autonomía parlamentar e o respecto ás súas propias normas como primeiro poder do Estado, mais temo que deixase o grupo de Goberno cun número menos durante ese período. Aí é onde encadro o laxismo do PSOE con este claro atropelo, a non querer problemas e a non ter que buscar un voto máis durante ese tempo. Están enganados. Renunciar á irrenunciábel supremacía do Primeiro Poder e asumir que este poida ser manexado e alterado desta forma acabará virando contra eles. Lembren o que se fixo sen razón a Atutxa -e así o dixo Europa- e o que se fixo aos cataláns e lembren o que admiten que se faga agora. Despois non choren.

Pensen a partir de agora no que supón conceder un suplicatorio e pensen en arbitrar legalmente as substitucións temporais de deputados, como recollen outros ordenamentos ou vaian dando as chaves da Carreira de San Jerónimo aos que poñen querelas e aos señores do Supremo a que ningún pobo elixiu. Así imos aforrando as eleccións tamén que, no fin de contas, se trata de votar ben ou se non, de que outros arranxen o que o pobo estraga.

A desesperanza esgota. Estamos en mans de viláns e de covardes. O dos viláns, que teñen os seus intereses e traballan para a súa gloria e a dos seus, non me sorprende. É o dos covardes o que me indigna. Todo isto que lles escribo hoxe e que lles escribo outros fins de semana sábeno decenas, centenares, eu diría que millares de persoas que calan. Calan aínda que saben que están sendo vulnerados principios básicos. Calan e saben que os orzamentos xurídicos que se aplicaron están errados. Calan aínda na certeza de que se todo o que din as leis pode ser interpretado nun sentido e no contrario, se non cabe esperar unha solución correcta, se non pode predicirse un resultado, entón o Dereito non significa xa nada, o Dereito morreu e están a dedicar a súa vida a un cadáver do que só pode emanar corrupción e descomposición.

Eu déixoo ao seu arbitrio. Quen vilán e quen covarde. Non nos sorprendamos se coincidimos. A verdade aínda existe, mesmo no Dereito.

elDiario.es