No día de hoxe (09/11/21) foron feitos públicos o Relatorio presentado polo Comité para a Prevención da Tortura e outros Tratos ou Penas Inhumanas ou Degradantes do Consello de Europa (CPT) e a resposta do Goberno do Estado

 

 

Un furgón da Garda Civil entrando no cárcere de Segovia este 4 de novembro de 2021. /PABLO MARTIN (EFE)

 

 

No día de hoxe (09/11/21) foi feito público o Relatorio presentado polo Comité para a prevención da tortura e outros tratos ou penas inhumanas ou degradantes do Consello de Europa (doravante CPT). Tamén foi publicada a resposta do Goberno do Estado. Este relatorio pode cualificarse como “demolidor” no que respecta ás condicións de diversas formas de privación de liberdade en España e corresponde á visita efectuada entre o 14 e 28 de setembro de 2020. A privación de liberdade a que se alude no Relatorio constitúe un amplo espectro: a vida en Centros prisionais por suposto, mais tamén en Centros para menores, para mulleres, Unidades psiquiátricas penitenciarias, comisarías de diferentes policías e tamén situacións de detención, desde o momento en que unha persoa non pode marchar pola súa vontade porque fica detida a disposición dun axente da autoridade do Estado. Pois ben, ningunha desas situacións sálvase de ser duramente cuestionada polo organismo oficial europeo no que toca á violación de dereitos das persoas privadas de liberdade. Chama a atención como se verá, mesmo a linguaxe empregada no Relatorio en diversas ocasións.

Lamentábel desinterese do Goberno español. Os centros prisionais

Chega con citar algúns exemplos, coa advertencia de que por cuestións de espazo os mesmos son unha pequena mostra do que o mesmo contén. O CPT cualifica de “decepcionante” e “lamentábel” ter que reiterar recomendacións non atendidas nos últimos anos (en alusión ao anterior relatorio do mesmo organismo internacional) en materia, por exemplo, de creación dun Rexistro de casos de malos tratos e torturas. Así mesmo, indica, nos cárceres de homes adultos visitadas, a delegación do CPT recibiu un grande número de denuncias consistentes e verosímeis de malos tratos físicos recentes por parte de funcionarios de prisión, que consistiron principalmente en labazadas na cabeza e o corpo, puñadas, pontapés e pancadas con porras. En varios casos, os supostos malos tratos foron apoiados por lesións documentadas pola delegación ou anotadas no historial médico da persoa. A delegación tamén recibiu varias denuncias verosimeis de persoas a que forn sometidas a repetidas pancadas de porra na planta dos pés; un método de tortura coñecido como falaka (bastinado). O Relatorio detalla moito máis os casos concretos nos parágrafos que vai enumerando.

Actuacións en comisarías da Policía

Despois de solicitar, por enésima vez, a derrogación do réxime de incomunicación, o CPT volve pedir que os avogados poidan entrevistarse en privado coas persoas detidas, que estas teñan real acceso a médicos en condicións de privacidade sen policías presentes na realización de recoñecementos após seren privados de liberdade (tal e como ordenan as normas internacionais), que os interrogatorios sexan gravedos e se conserven eses rexistros, que poidan ter acceso a luz natural e un patio e, en fin, que as garantías plasmadas nas normas xurídicas non fiquen no campo do deber ser, senón que se cumpra a legalidade.

Privación de liberdade para mulleres

O Relatorio reclama que a privación de liberdade de mulleres debe atender as súas necesidades específicas. As regras de Bangkok das Nacións Unidas, aprobadas xa hai anos, abrían un horizonte claro nesta materia invisibilizada, que o CPT demanda que sexa contemplada nun universo deseñado cunha ollada masculina e inaceptábel.

Os centros psiquiátricos penitenciarios

O Relatorio tamén aborda o delicado tema da saúde mental nos cárceres e, en especial, nas Unidades prisonais psiquiátricas demandando ao Goberno que deixen de estar concibidas con criterios reximentais e o sexan por outros de carácter estritamente sanitario.

Reivindicacións da extrema dereita e reforma de Grande-Marlaska

Se a todo isto se acrecenta o anuncio do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, de equiparar os funcionarios de prisións cos axentes da policía, rompendo o consenso estábel de consideralos funcionarios “civís”, asentado desde a Lei Penal de 1979, co risco dunha “policialización” do sistema prisional, entón a situación dos dereitos humanos en España cobra unha especial gravidade e oriéntase cara a un norte perigoso. E perigoso non só porque esta reforma anunciada polo ministro coincida exactamente coas peticións no mesmo sentido que veñen sendo formuladas desde a dereita e desde a extrema dereita (PP e Vox veñen reclamando isto desde hai anos), que tamén; senón porque afectará de maneira moi grave aos dereitos fundamentais das persoas presas en España e porque encamiñan o sistema prisional no seu conxunto cara a unha rota de carácter puramente reximental e punitivista que se afasta cada vez máis da retórica rehabilitadora plasmada no art. 25.2 da Constitución Española.

Que pedagoxía para os dereitos humanos en España?

O Relatorio do CPT publicado hoxe, indica con clareza cal ha de ser o rumo na pedagoxía dos dereitos humanos do sistema penal español: ese non é outro que o da obrigación dobre que sinala ao Goberno do Estado: 1) investigar sen demora e con rigor as denuncias por malos tratos que formulen as persoas privadas de liberdade, terminando cos arquivamentos sistemáticos das mesmas; 2) transmitir aos funcionarios policiais e de prisións a mensaxe inequívoca da inadmisibilidade da violencia institucional. A pedagoxía a seguir nesta materia é clara e, felizmente, ainda hai organismos internacionais independentes que despois de recibir as noticias, alertas e denuncias das organizacións sociais de dereitos humanos, demostraron que a verdadeira observación da privación de liberdade transforma a natureza da mesma e fai que saiam á tona estas situacións. A pregunta é se o Estado español (que foi xa condenado en máis de dez ocasiones polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, por non investigar as denuncias por torturas) vai levar a serio as recomendacións do Relatorio do CPT en lugar de tentar contentar os sectores máis reaccionarios nesta materia.

Público