Os feitos resultan ás veces tan demolidores, tan ferintes, que non é necesario sequera os enfeitar con filigrana retórica. E os feitos, neste caso son dúas sentenzas xudiciais: dous anos e dous meses para Chema Naia,acusado de atentado contra a autoridade nunha manifestación acontecida en 2017, cando tiña 19 anos; seis meses e un día para Xesús Anxo López Pintos, sindicalista histórico de honestidade probada, acusado de agredir un policía durante unha manifestación en 2012.

 

 

                                Chema Naia no chan. Compostela 2017.

 

Cal foi o seu delito? Aquí é a nosa palabra contra a súa. A nosa palabra: a miña, a de vostede, a de todos os que compartimos intereses porque somos de abaixo, a da clase obreira galega. A palabra dos traballadores de Navantia e a de todos os traballadores e traballadoras, a palabra da mocidade comprometida cun futuro máis digno para Galicia. En definitiva, a palabra do pobo galego, que está proscrita e que sempre é “suposta” porque entra en contradición coa verdade de pedra ditada polo poder en forma de sentenza xudicial.

A súa palabra: a das elites que gobernan Galicia para intereses alleos e enchen os petos grazas ao rendible negocio de arruinar a nosa terra, a dos que mallan no pobo coa porra ou coa súa sinatura, que ten poder para
deixar a familias sen casa, sen luz, sen auga, sen traballo…

A nosa palabra, sempre “suposta” a non ser que queiramos sufrir as consecuencias: López Pintos e Chema Naia estaban a participar en protestas pacíficas ata o momento da carga policial. Existen fotografías de Pintos sendo detido, coa cara ferida e ensanguentada. Existen vídeos e fotografías de Chema Naia tirado no chan, inconsciente. Existen indicios de que as acusacións lanzadas contra eles responden á intención consciente de encubrir as agresións gratuítas e arbitrarias perpetradas por axentes das forzas de seguridade do Estado contra a cidadanía. Indicios que, por suposto, foron desbotados pola xustiza, que segue a levar toga do mesmo xeito que a levaban hai dous milenios Tiberio, Calígula e Nerón, por curiosa coincidencia e capricho do río dialéctico da Historia.

 

Trabajadores del sector naval y la policía se enfrentan en un acto del PP  en Ferrol            Xesús Pintos – Ferrol 2012

 

A súa palabra, a das elites, a dos garantes da perpetuidade do sistema, coñecémola xa de sobra porque adoita ter forma de sentenza xudicial. Deixemos de novo que falen os feitos: revisemos as facturas, fagamos números a finais de mes e saberemos que a crise está á volta da esquina. Non é alarmismo, é unha realidade. Sabémolo nós e tamén o saben os que mandan, que están máis afeitos a contar os cartos. Por iso tiran da correa, para que non nos reviremos. O problema é que a nosa clase está máis indefensa que nunca: a nosa trincheira sindical e política está desfeita polos constantes embates contra os nosos dereitos que se teñen perpetrado nos últimos anos.

Hai escasos días, no marco dunha operación internacional contra os delitos de odio levada a cabo pola Europol, foi detido un cidadán do Estado español por louvar nas redes sociais «o legado revolucionario de Stalin». Resulta curioso, con independencia da opinión que a cada quen lle mereza Stalin, que non se tome ningunha medida contra os centos de persoas que, cada día, xustifican o golpe de Estado de 1936. Resulta rechamante, canto menos, que a Europol non deteña persoas como María Jamardo, periodista que afirmou en directo que «nin os que bombardearon Gernika eran malos nin os bombardeados eran tan bos». Resulta evidente, en definitiva, que á xustiza europea, á falsa xustiza da burguesía, o único odio que lle preocupa de verdade, o que lle quita o sono, é o odio contra os opresores da humanidade, por empregar a expresión de Robespierre. O demais son escusas.

Está nos vellos libros de Marx e de Engels: a medida que o capitalismo agónico apodrece en vida, a súa natureza tórnase cada vez máis brutal e represiva.

Ben o soubo plasmar Castelao naquela estampa na que unha muller carga ao lombo cun cadaleito que ten escrita a palabra «LEX»: Canto pesa e como fede!

A Nova Peneira