No inicio do mes de xullo un grupo de especialistas internacionais que observaron o xulgamento do 1-O lamentaban no seu relatorio a recusa do Tribunal Supremo e do estado español de ouvir as recomendacións do Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias da ONU. O propio Grupo emitiu xa dous relatorios reclamando a liberdade dos presos independentistas.

 

judici proces dia final sentencia

 

No Reino de España estes relatorios non agradaron. Ante esta situación, o presidente do Grupo de Traballo da ONU sobre Detencións Arbitrarias, Antonio Guevara, criticou a inacción do Goberno e do poder xudiciario ante os feitos “problemáticos” que se denuncian nos relatorios.

“Non se se será unha resposta atípica, porque normalmente estamos afeitos a que aos gobernos non lles agrade o que dicimos. Vimos respostas desproporcionadas en países que teñen serios problemas de dereitos humanos”, explica Guevara nunha entrevista ao medio de comunicación Tres Puntos, con sede en Xenebra.

Ora ben, as que si lle parecen “desproporcionadas” son “as acusacións que están a facer”. “Atacan o mensaxeiro e non abordar directamente a situación problemática que se identifica nos dous relatorios”, constata. “Estes ataques si son pouco comúns polo contexto dos países no mundo diplomático”. Mais subliña que “non é algo inusual a maneira en que contestaron”.

Doutra banda, Guevara negou filtracións aos medios de comunicación cataláns. “Como Grupo de Traballo negamos a existencia de filtracións. Non nos proporciona ningún beneficio dar a coñecer á prensa un día antes o documento”, e subliña que “non houbo ningunha filtración nin interese”.

Sobre a acusación do Goberno e a posibilidade de algúns dos membros de traballo teren ou manteren unha relación de amizade co avogado dos membros do goberno exiliado, Ben Emmerson, Guevara negouno. “Temos regras moi claras que nos obrigan a actuar con independencia e obxectividade”, e resalta: “Se non o facemos teriámos que escusarnos”. Alén diso, quixo salientar que non teñen ningunha relación de amizade: “Os meus colegas e eu non somos amigos de Emmerson”.

El Nacional