Un relatorio do Centre Delàs d’Estudis per la Pau salienta que a Alianza Atlántica dará pasos para “responder ou se antecipar a ameazas ou accións de actores estatais ou non estatais en calquera rexión do mundo”.

.

 

Soldados de la OTAN
Soldados da OTAN nunha imaxe de arquivo.. EFE

 

Sempre haberá un bo motivo para lanzar míseis, tamén sobran razóns  para os comprar. Os socios da OTAN que se reunirán os días 29 e 30 deste mes en Madrid alargarán o catálogo de ameazas que pairan sobre Occidente e que servirán, portanto, para xustificar novas guerras e intervencións militares. Se hai motivos, hai resposta.

Un detallado relatorio elaborado polo Centre Delàs d’ Estudis per la Pau ás portas da cimeira atlántica sinala os novos pasos que, previsibelmente, serán dados na capital española. Segundo mostra o estudo, nese encontro será aprobado un novo “Concepto Estratéxico” que, previsibelmente, “porá o acento tónico en reforzar a disuasión e a defensa, o que equivale a aumentar todas as capacidades militares, quer sexan nucleares, convencionais ou cibernéticas”.

O plano atlantista “incluirá unha referencia expresa á relación coa China, considerada un desafío ‘sistémico’. Tamén proporá que a OTAN non responda unicamente a ataques armados, senón que poida intervir militarmente frente a calquera ameaza á súa seguranza”.

A investigadora Tica Font explica que o “Concepto Estratéxico” da Alianza Atlántica “marca unhas directrices políticas xerais, a partir dunha análise da situación xeo-política do momento que debe servir para guiar os investimentos en desenvolver e adquirir capacidades militares e levar a cabo transformacións nos próximos dez anos na propia organización, así como nos países membros”.

Desta feita, a reflexión que levaren a cabo os membros da OTAN para definir o novo Concepto Estratéxico “deberá partir dunha análise, en termos xeo-políticos e militares, do acontecido nos últimos anos”, o que, segundo Font, incluirá necesariamente “a guerra da Siria, a saída do Afganistán, a invasión/anexión da Crimea por parte da Rusia, a guerra na Ucraína, as diverxencias políticas entre os Estados Unidos e Europa sobre o papel da OTAN, o Brexit e o aparecemento de novas tecnoloxías disruptivas, nomeadamente a Intelixencia Artificial”.

 

La OTAN eleva el tono frente a China al situarla entre los grandes desafíos de seguridad global | Internacional | EL PAÍS

.

 

Ameazas

O documento vixente foi aprobado na cimeira da OTAN celebrada en Lisboa en 2010 e ten como título “Compromiso activo, defensa moderna”. Entre as ameazas identificadas na altura figuraban “a adquisición de modernas capacidades militares por outros países, incluindo a proliferación de miseis balísticos”, a proliferación de armas nucleares e outras armas de destrución masiva, o terrorismo, a inestabilidade ou os conflitos alén das fronteiras da Alianza.

Segundo subliña o investigador Eduardo Melero Alonso nun dos relatorios que forman parte do estudo do Centre Delàs, “apesar de que as novas ameazas teñen un diferente grao de relevancia para a seguranza dos países que integran a OTAN, o Concepto Estratéxico deixa aberta así a posibilidade de facer frente a calquera nova ameaza através de intervencións militares”, de maneira que fica claro que “calquera ameaza pode dar lugar a unha resposta de carácter militar”.

Por súa vez, Font sinala na súa análise que o novo Concepto Estratéxico que asumirán os membros da Alianza en Madrid “porá o acento tónico en reforzar a disuación e a defensa, o que equivale a aumentar todas as capacidades militares, sexan nucleares, convencionais ou cibernéticas”.

De feito, esta investigadora do Centre Delàs estima que a OTAN “contemplará a ameaza nuclear, unha ameaza que debe ser verosímil e, portanto, que o seu emprego sexa posíbel”. Así mesmo, previsibelmente, será incorporado “o dominio do espazo exterior e, portanto, o desenvolvemento de armas” situadas nese ámbito, o que vai requerer o “desenvolvemento de novas capacidades que non existían en 2010”.

Noutro apartado do relatorio, Melero subliña que o “Concepto Estratéxico”, ao mesmo tempo que mantén “un concepto amplo de seguranza”, pretende tamén “lexitimar operacións militares que vulnerarían a Carta das Nacións Unidas”.

A iso súmase “a ausencia dun verdadeiro debate democrático sobre o Concepto Estratéxico da OTAN”, o cal “pon de manifesto a baixa calidade da nosa democracia en relación coa política de defensa”.

Debate ausente

O asunto non acaba aí. Segundo valora este investigador, “neste caso, así mesmo, o debate parlamentar era obrigatorio, xa que o Concepto Estratéxico, ainda que sexa un documento político, modifica na práctica o contido do Tratado do Atlántico Norte”.

Melero sinala que “segundo o artigo 94 da Constitución Española, a celebración ou modificación dun tratado ou convenio internacional de carácter militar esixe a autorización previa das Cortes Xerais. “Portanto, deberia terse aberto formalmente un procedemento de revisión do Tratado do Atlántico Norte”, acrecenta.

Así as cousas, a integración na OTAN, unha organización que “pretende intervir militarmente en calquera lugar do mundo, para se defender frente a calquera ameaza, non só vulnera o dereito internacional cando for preciso”. “Tamén requer saltar as regras básicas da nosa democracia parlamentar, acrecenta o investigador do Centre Delàs.

Público