No seu primeiro relatorio detallado sobre os dereitos humanos en Myanmar desde o golpe de Estado de 2021, a ONU afirma que o exército amosa un flagrante desprezo á vida humana mediante sistemáticas violacións dos dereitos humanos, moitas das cales constituirían crimes de guerra e crimes contra a humanidade.

 

Fotos: El golpe de Estado en Myanmar, en imágenes | Internacional | EL PAÍS

 

O relatorio lembra que cando menos 1.600 persoas foron asasinadas polas forzas de seguranza e máis de 12.500 detidas. Amais, 440.000 están deslocadas e 14 millóns precisan axuda humanitaria urxente, axuda que en moitas ocasións é bloqueada polos militares.

O golpe de Estado do Tatmadaw provocou un enorme rexeitamento no país e unha ampla condena internacional. Desde entón a comunidade internacional ven amosando a súa preocupación pola crecente violencia ao longo do país e pola represión que o exército dirixido por Min Aung Hlaing está a exercer contra a poboación.

O pasado mes de xuño a Asemblea Xeral da ONU condenou o golpe militar e a violencia do exército, esixiu a restauración da transición democrática, a liberación de todas as persoas detidas e solicitou un embargo de armas nunha resolución que amosaba a ampla oposición mundial á xunta militar e o seu total aillamento na esfera internacional.

Pola súa banda o Consello de Seguridade ven amosando unha parálise total e as declaracións de condena da violencia e os chamamentos para a liberación das persoas detidas, incluída Aung San Suu Kyi e o Presidente Win Myint, quen enfrontan case unha ducia de cargos que poden rematar con penas de prisión de máis de 100 anos, revélanse insuficientes para resolver a situación.

A Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), á que Myanmar se uniu en 1997, procurou tomar a iniciativa mais con escaso éxito, e ven manifestando unha impotencia permanente que desata fortes críticas en Myanmar. É unha organización que presenta diferencias importantes entre os seus membros, e os principios fundamentais de non interferencia nos asuntos internos dos estados membros e o necesario consenso para acadar acordos limita a súa capacidade para abordar este tipo de crises.

O cumio da ASEAN celebrado en Iakarta (Indonesia) en abril, coa asistencia do xeneral Min Aung Hlaing, o que xenerou fortes críticas pola lexitimidade que se lle outorgaba á xunta militar, rematou cun acordo sobre “Cinco Puntos de Consenso” para a resolución da crise.

O acordo foi recibido con fortes críticas por parte do Goberno de Unidade Nacional, composto por políticos electos destituídos polos militares e por representantes dos grupos étnicos, e por organizacións de dereitos humanos, alegando que as conclusións non reflicten a situación e aspiracións reais da cidadanía de Myanmar, o plan non presenta un cronograma e a declaración non menciona a posta en liberdade dos milleiros de persoas detidas.

Mentres a xunta militar amosou axiña a súa nula intención de implementar o acordo e continuou co seu plan de restaurar a estabilidade mediante a represión, a ASEAN non adoptou ningunha decisión relevante que tivera impacto na xunta militar de cara a avanzar na aplicación dos 5 puntos e seguiu lexitimando os golpistas incluíndo representantes da xunta militar en conversas da organización cos EEUU e a UE.

Malia que en outubro a ASEAN tomou a decisión de prohibir a participación da xunta militar nos seus cumios, nunha acción pouco habitual e que supuxo un importante revés para a xunta, debido aos insuficientes avances na aplicación do plan de 5 puntos, o bloque permanece dividido.

A historia demostra que a diplomacia, as condenas e declaracións de intencións non axudan á resolución da crise de Myanmar, e as sancións económicas aplicadas con anterioridade nunca tiveron efecto para dobregar un exército acostumado a convivir con elas. A comunidade internacional precisa aplicar medidas máis duras e concretas, como o embargo de armas, maiores sancións económicas e a rendicións de contas polos terríbeis crimes cometidos polo Tatmadaw.

O pasado 27 de marzo, durante un discurso con motivo do Día das Forzas Armadas, o líder militar Min Aung Hlaing prometeu “aniquilar” os opositores ao golpe. Myanmar deslízase cara o caos e o Tatmadaw, responsábel do xenocidio contra o pobo rohingya e crimes de guerra noutras partes do país, actúa con total impunidade grazas á pasividade da comunidade internacional, en quen a poboación do país do sueste asiático xa non ten a máis mínima confianza.

A Nova Peneira