Tres alacantinos foron chamados a declarar perante a xuíza de Instrución número 3 dos xulgados de Elda acusados dun delito de odio por entoaren cánticos contra os Borbóns, os corpos policiais e o Estado. A denuncia foi interposta pola policía española polos feitos acontecidos durante unha manifestación dunhas 25 persoas en Petrer, convocada pola Asemblea Popular Elda-Petrer, para mostrar o apoio ao raper Pablo Hasel.

 

manifestación barcelona tetuan 6 de marzo pablo hasél protestas / Sergi Alcàzar

              Manifestación contra o encarceramento de Pablo Hasél. Foto: Sergi Alcázar

 

En concreto, os mozos gritaron expresións como “os Borbóns son uns ladróns”, “a Policía tortura e asasina”, e tamén contra a organización política do estado: “Estado terrorista, Estado fascista”. Estas consignas foron recollidas polos axentes presentes no protesto, xa que consideraban que se trataba dun delito de odio.

A policía española solicitou o documento de identificación aos organizadores e membros do colectivo e posteriormente interpuxo a denuncia. Agora, os xovens enfróntanse até a catro anos de cárcere.

No pasado mes de febreiro xa declararon dous destes antifacistas e agora foi chamado un terceiro para declarar o próximo 4 de maio, segundo avanzou ElDiario.es. A Asemblea Popular Elda-Petrer xa convocou unha concentración de protesto ante as portas do tribunal. “Aí han nos encontrar outra vez, reafirmándonos e de cabeza erguida”, advirte este colectivo.

Obxectivo: “silenciar”
O avogado dos mozos, Arturo Acón, denunciou que se enfrontan a até catro anos de prisión e lamentou a acusación dun delito tan grave como o de odio por este “tipo de accións non violentas” que, no eu parecer, se encadran no dereito á liberdade de expresión.

Nesta liña, através das redes sociais, o profesor de Dereito Constitucional e ex letrado do Tribunal Constitucional, Joaquín Urias, e o avogado e profesor de dereito procesual penal, Gonzalo Boye, tamén mostraron o seu desacordo con este proceso xudicial.

“O delito de odio é a maior ameaza contra a liberdade de expresión. E é usado sobretodo para silenciar os disidentes contra o poder. Levo anos dicíndoo e está converténdose en realidade: prohibido gritar “Borbóns ladróns” ou “policía asasina” nas manifestacións”, sinala Joquim Urias.

Alba Domingo

El Nacional