A división de investigación criminal da Policía militar non abrirá unha investigación interna sobre a morte da veterana xornalista que recibiu un impacto dun disparo na cara cando cubría unha operación do Exército israelita no pasado 11 de maio no campo de refuxiados de Jenin.

 

La Policía militar israelí no investigará la muerte de la periodista Shireen Abu Akleh | Mundua | Naiz                  Millares de persoas reuníronse para portar o féretro de Shireen Abu Akleh. (Hazem Bader | AFP)

 

A Policía militar do Exército israelita non pensa abrir unha investigación criminal sobre a morte da xornalista palestina de Al Yazira Shireen Abu Akleh, que foi asasinada na semana pasada durante unha batida en Jenin, ao norte da Cisxordania ocupada.

Apesar de recoñecer o Exército no seu exame preliminar que Akleh puido morrer por fogo israelita, a división de investigación criminal da Policía militar non abrirá unha investigación interna, segundo publica nesta quinta-feira o xornal hebreo Haaretz.

Consultado pola axéncia Efe, o Exército israelita non confirmou esa información, que xa provocou numerosas reaccións, incluída a da Autoridade Palestina (ANP), que condenou a decisión «nos seus termos máis enérxicos».

O Ministerio de Exteriores da ANP reclamou nun comunicado que Israel indique «cal é o fundamento xurídico para tal decisión, ignorando decenas de testemuños, probas e o resultado da autopsia».

A veterana xornalista morreu polo impacto dun disparo na cara cando cubría unha operación do Exército israelita no pasado 11 de maio no campo de refuxiados de Yenín, apesar de ir perfectamente identificada como prensa e protexida con colete e casco.

Tanto testemuñas dos feitos -a maioría compañeiros xornalistas-, como o canal Al-Jazeera ou a ANP culparon inmediatamente os soldados israelitas do disparo que a matou, entanto o goberno israelita se responsabilizaba  «palestinos armados» que terían aberto fogo contra as forzas de seguranza israelitas.

No seu informe preliminar, presentado no mesmo día do funeral de Akleh dous días despois da morte, o Exército sionista admitiu que había «dúas posibilidades» sobre a fonte da bala letal: palestinos armados «que dispararon centos de balas desde varios lugares»; ou un soldado israelita que devolvía os disparos a un miliciano palestino que estaba perto de Akleh.

«O pistoleiro palestino disparou múltiplos refachos contra o soldado israelita, e existe a posibilidade de que Abu Akleh, que estaba perto do pistoleiro palestino, atrás del, fose alcanzada polos disparos do soldado dirixidos ao palestinos. A distancia entre o vehículo do Exército (desde o que disparou o soldado) e a señora Abu Akleh era duns 200 metros»; admitiu o informe militar.

Contodo, o Exército sinalou que sen o exame da bala é imposíbel determinar quen a matou, polo que ofreceu unha investigación conxunta á ANP, que recusou colaborar coas autoridades israelitas ao non confiar na súa imparcialidade mais se comprometeu a acometer unha investigación «transparente» e mesmo a levar o caso ante a Corte Penal Internacional.

«A decisión do exército da ocupación non sorprende, inscríbese no marco das prácticas habituais do estamento militar israelita de enterrar os seus crimes de execución no terreo sen ningunha investigación ou atribuílos a persoas sen identificar, co fin de protexer os seus criminosos», afirmou o ministerio de Exteriores palestino.

A morte da coñecida xornalista da Al-Jazeera provocou unha onda de condenas de numerosos gobernos e organismos defensores de dereitos humanos e de liberdade de prensa, que esixen unha investigación independente.

As forzas de seguranza israelitas mallaron nos portadores do féretro cos restos mortais da xornalista palestina logo de estes retiraren o cadaleito do Hospital Saint Joseph, no Xerusalén ocupado, para facer o percurso final pola cidade.

Naiz