A guerra polo relato foi se intensificando desde os inicios da pandemia. Pasados os primeiros días de incerteza e medo, a fábrica de boatos púxose en marcha. Trolls orquestrados organizan as súas vilanías nas redes sociais xerando tendencias de opinión que finalmente acaban sendo reproducidas nos medios mainstream, tanto en noticiarios como en programas sensacionalistas. Hoxe, a política faise no Twitter, coñecemos a vida dos e as dirixentes através de Instagram e organizamos manifestacións dixitais polo Facebook. Utilizamos as redes sociais e a tecnoloxía como se fosen medios lexítimos de expresión, esquecendo, e obviando que son pura ideoloxía, unha reviravolta á extracción de valor, acumulación por desposesión e vixilancia masiva.

 

Google Mountain View

 

Por trás destas tecnoloxías están as corporacións máis poderosas do mundo, que operan en conivencia con gobernos e servizos de intelixencia. Nos últimos anos sucedéronse os escándalos. Lembremos algúns dos que evidenciaron a vixilancia e falta de privacidade á que estamos expostas as persoas.

ESCÁNDALO VAI, ESCÁNDALO VÉN
Entre 2013 e 2015 foron publicados na prensa grazas ás filtracións de Edward Snowden milllares de documentos sobre programas de vixilancia secreta, que demostraban como a NSA interceptaba e vixiaba as comunicacións de millóns de persoas no mundo, en colaboración con axencias de intelixencia de varios países.

No inicio de 2014, en Ucraína, cidadáns, xornalistas e persoas situadas nos arredores das manifestacións que se produciron en Kíev, recibiron unha mensaxe nos teléfonos co seguinte contido: “Estimado cliente: foi rexistrado como participante nun altercado masivo”. A mensaxe non tiña asinatura, e as operadoras negaron ter coñecemento dela.

En xuño de 2019 a Axencia Española de Protección de Datos sancionou a liga de fútbol Profesional con 250.000 euros por espiar através da súa aplicación móbil os usuarios, conectando o micro e a xeolocalización sen autorización para localizar así os bares que emitían os partidos sen licenza.

Un dos escándalos máis recentes que mudou a nosa percepción das redes sociais aconteceu en marzo de 2018, cando un ex-empregado de Cambridge Analytica, Chrystopher Wylie, revelou que esta consultoría recompilara datos duns 87 millóns de usuarios de Facebook sen o seu consentimento. O seu obxectivo era crear campañas publicitarias e políticas dirixidas a perfís concretos.

Brittany Kaiser, ex directora de desenvolvemento de negocios de Cambridge Analytica, facilitou ao parlamento británico os correos en que se revelou que a consultoría traballara na campaña a favor do Brexit (Leave.EU). Nas súas declaracións ante o parlamento británico, Kaiser cualificou algunhas das operacións da consultoría como técnicas de comunicacións de grao militar. Esta categoría fai referencia a técnicas de operacións psicolóxicas e de guerra da información usadas por exércitos e empresas privadas de defensa en zonas de conflito para influír no comportamento de poboacións. A consultoría foi tamén relacionada coa campaña de Trump e a virada dos Estados Unidos para posicións populistas de dereitas.

AGUDIZACIÓN DA VIXILANCIA POLA PANDEMIA
As aplicacións de seguimento de contaxios para evitar a expansión do virus presentáronse como unha das solucións tecnolóxicas á pandemia. “É unha xustificación dos estados para pór a economía por diante da vida, porque temos isto que nos vai a axudar. É ‘tecnomaxia’, a solución tecnolóxica que vai coidarnos”, comenta Adrián Almazán, investigador sobre tecnoloxía e as novas ruralidades dunha perspectiva eco-social e membro de Ecoloxistas en Acción.

Por outra parte, os ziguezagues das administracións públicas en relación coas garantías de privacidade dos datos que recollen esas aplicacións, levantou as sospeitas de activistas que traballan pola privacidade, xuristas, organizacións e cidadanía en xeral. A Comisión Europea lanzou unha aplicación telefónica que, vía bluetooth, permite localizar no contorno da persoa outros usuarios que están ou estiveron infectados con coronavirus.

 

Os ziguezagues das administracións públicas en relación coas garantías de privacidade dos datos que recollen esas aplicacións, levantou as sospeitas de activistas que traballan pola privacidade, xuristas, organizacións e cidadanía en xeral

 

A cientista galega Carmela Troncoso lideraba un proxecto xunto cun grupo de investigadores para desenvolver unha aplicación móvel de código aberto, contodo, a Unión Europea deu unha virada e optou por unha aplicación que saía da colaboración dos dous xigantes da internet, Google e Apple e que, através dos sistemas operativos instalados nos teléfonos de todo o mundo, poderían alcanzar 3.000 millóns de persoas. Segundo Almazán “non é por acaso que Google e Apple se lanzaron a facelo porque o que queren garantir é estar en todos os dispositivos, nos cales, alén desa aplicación, hai outras moitas que operan en paralelo solicitando datos”.

Esta mudanza ocorreu cando os estados decidían se o rastreo era útil e como. Nese momento, Google mostrou a súa predominancia no mercado publicando os movementos poboacionais de 131 países desagregadas por tipo de lugar en que se movía a poboación. Google demostrou rapidamente que sabía se estivéramos nun parque, nunha tenda, en casa ou na oficina. No caso do Reino de España, os datos ademais estaban desagregados por comunidades autónomas. Simona Levi, de X-net, unha plataforma que traballa no campo dos dereitos dixitais e a democracia en rede, comenta: “A Google primeiro fai un tour de force mostrando todo o seu poderío e logo a seguir ponse ao servizo dos gobernos dicíndolles que se queren facer aplicacións de rastreo eles axudan, e ponse ao servizo das hipóteses máis centralizadoras”.

O debate que se abre é complexo. Estamos ante unha pandemia que só pode ser enfrentada de maneira colectiva. A opción das apps de rastreo por un lado permiten facer un seguimento de todas as persoas coas que estivemos en contacto, contodo, que una das opcións que se valore sexa aquela desenvolvida polas dúas corporacións máis poderosas do mercado, e case do mundo, con sede nos Estados Unidos e con denuncias moi graves de uso e abuso de datos e colaboración con servizos secretos estadounidenses é, como mínimo, preocupante.

Laia Serra, avogada penalista especializada en tecnoloxías da información, liberdade de expresión, protesto e discriminación, opina que temos de facer autocrítica cando puxamos por ese fío: “Houbo un grande cuestionamiento das apps propostas polos gobernos, cando hai moi pouca cultura da privacidade e non hai un cuestionamiento dos datos que ‘damos’ ás empresas de maneira habitual”, comenta.

Enric Luján pertence ao colectivo Críptica, unha asociación sen ánimo de lucro centrada na defensa da privacidade e a seguranza. El, neste contexto, non ve tan claro que teñamos que pór a privacidade en primeiro lugar. “Como sociedade estamos ante unha situación moi adversa e non temos unha resposta sinxela. Podemos desligar o móvel e non instalar as aplicacións para garantir a privacidade, contodo, queremos estar á marxe do beneficio público que supón isto agora? Para min, neste caso, as aplicacións están xustificadas”.

Serra, sinala tamén que ela cre que houbo tanto debate sobre as aplicacións porque temos un problema de confianza nos gobernos que “demostraron un talante autoritario durante a xestión da crise e que desde o ano 2015 están inmersos nunha deriva lexislativa autoritaria”. O feito de a cidadanía non saber como funciona, tamén aumentou as sospeitas. “Mesmo así, no debate de tecnoloxía-seguranza, temos de contemplar que moitas veces o problema non son as ferramentas en si, senón o uso que se fai delas”, apunta a avogada.

Cando falamos de apps de rastreabilidade é necesario diferenciar entre “os datos de posición e os datos de localización”. Para os primeiros, as empresas de telefonía teñen de entregar ás autoridades, datos anonimizados. Para os segundos, ten de ser requerido o consentimento informado do usuario. Permítese excepcionar este réxime legal en caso de necesidade democrática por razóns de seguranza nacional ou de saúde pública conforme se recoñece na Directiva sobre privacidade 2002/58/EC de 12 de xullo e o do Regulamento de tratamento de datos 2016/679 de 27 de abril. No entanto “resulta moi difícil anonimizar os patróns de movemento e deben ser realizados tests de resistencia e seguranza na anonimización dos datos” afirma a avogada. O abrazo de corporacións e gobernos para implementaren aplicacións de rastreo pode ser unha bomba para o capitalismo de vixilancia.

CORPORATOCRACIA, UNHA NOVA ERA DE CONTROL
Somos conscientes das implicacións que ten o feito de existiren corporacións transnacionais que mediante a análise de big data sexan capaces de predicir e influír nas nosas pautas de consumo e elección de voto? Son capaces as nosas democracias de exercer un papel de contrapoder e preservar os nosos dereitos e liberdades? Neste contexto, podemos comezar a falar de corporatocracia?
O crecemento das corporacións tecnolóxicas dos últimos anos é alarmante. En 2019, as chamadas GAFAM (Google, Apple, Facebook, Amazon e Microsoft) sitúanse segundo o seu valor de mercado dentro dos 6 primeiros postos da lista Forbes Global 2000. Desde 2014 dobraron os seus valores, chegando a cifras entre os 512 e o 961 mil millóns de dólares.

Na dinámica extractivista do capitalismo pasamos por distintas fases de acumulación do capital, chegando a esta etapa en que a mercantilización chegou ao máis privado de cada persoa, aos procesos cognitivos que determinan as nosas decisións. Almazán fala de ‘procesos de dixitalización total’, que supoñen que a extracción de valor se alargue a case todos os aspectos da vida. “Supón poderen expropiar ou mediatizar o ámbito da expresión, dos afectos, da comunicación. Moitas cousas que de maneira tan directa antes non o estaban”.

 

Somos conscientes das implicacións que ten o feito de existiren corporacións transnacionais que mediante a análise de big data sexan capaces de predicir e influír nas nosas pautas de consumo e elección de voto?

 

Luján, de Críptica, falando das apps de rastreo comenta que “o risco é que o día de mañá teñamos montada unha arquitectura da vixilancia de ámbito mundial máis incisiva aínda. É moi probábel que acabemos estando nesa situación”. O desconfinamento non será inmediato. Non vai haber un día que todo volte ser como antes, senón que a volta á normalidade será paulatina. “As medidas implantadas non van desaparecer nin nunha semana nin en dous meses e como sociedade non temos experiencia de xestionar este tipo de situacións”, enfatiza.

Parece preocupante que, apesar do coñecemento das prácticas e intereses das multinacionais da tecnoloxía, sigamos dando por feito a presenza e o uso dos seus produtos na nosa vida cotiá, tamén nesta situación de pandemia.

UNHA BATALLA GAÑA
X-net considera que existen dúas aproximacións ao uso de aplicacións móveis e á covid-19. Dun lado as que están baseadas nun sistema centralizado e son propiedade dunha autoridade estatal. Neste caso, os contactos e a xeolocalización dos individuos están en mans desa autoridade central, que exerce un control rigoroso sobre a populación. Son casos como o da China, Corea e en que están pensando países como Francia ou Alemaña.

Doutro lado están as solucións baseadas nun sistema descentralizado e sob control dos e as usuarias. Os datos están nos teléfonos, e só activando autorizacións pode ser activada a alerta de contaxio. Simona Levi comenta que esta segunda opción pode ser perigosa por estar sometida a ‘trolls’ que xeren un estado de alarma ficticio. “Se deixas estas apps en mans de persoas ou organizacións que queren crear confusión e distorcer o debate público, poderían crear un estado de alerta total” por exemplo, creando falsos positivos. Poderiamos ter os bots que contaminan as redes sociais, distorcendo as apps de rastreo, por exemplo

 

Inicialmente, Google e Amazon adheriron ao primeiro sistema. Contodo, as cousas mudaron “grazas ao esforzo da sociedade civil internacional e a reacción de todos” comenta Levi. Onte mesmo Tim Cook, director executivo de Apple anunciou que a aplicación estaba lista.

 

“Google e Apple, que inicialmente optaran pola opción centralizada, póñense agora ao servizo de opcións descentralizadas e de software aberto. Tamén se puxeron a traballar co consorcio suízo que son os hiperdefensores do sistema descentralizado e están auditando o seu código. En realidade isto é unha vitoria brutal” sentenza Levi.

Segundo Serra, “a cesión de datos ten unha serie de principios chave, un deles é que sexa clara a finalidade que xustifica a colecta de datos e o outro é o de proporcionalidade dos datos (en cantidade e calidade) a respecto desa finalidade. Desde o inicio (10 de marzo), entidades como a Electronic Frontier Foundation alertaron desas apps”. Vimos dun pasado en que estes principios non se aplicaban e a dúbida é se se intensificará caso as aplicacións de rastreo acabaren sendo implementadas.

É importante tomar conciencia de que o uso de tecnoloxía tamén é unha forma de consumo, e que utilizar as aplicacións e produtos das grandes corporacións significa darlles poder através dos nosos datos. Talvez sexa o momento de repensar que relación queremos ter coa tecnoloxía e empoderarnos de todos os beneficios que nos pode brindar.

Existen alternativas ás GAFAM, multitude de ferramentas foron desenvolvidas por persoas que traballan para facer posíbel outra internet, co obxectivo que toda a humanidade se benefície delas. A transición é posíbel para todas, sobretodo se nos axudarmos mutuamente.

Propómosvos facer unha proba polo menos inquietante, descarregar todos os datos que Google ten sobre nós. A cantidade de información que Google armacena sobre nós en forma de fotos, audios, localizacións ou contactos entre outras, é esmagadora. E iso sen contar os metadatos.

Se queremos explorar alternativas sinxelas podemos comezar pola porta através da cal accedemos á internet, o navegador e o buscador. Mozilla Firefox é un navegador que non ten nada que envexar aos outros, e como buscador podemos utilizar Duck Duck Go, ou Startpage.

Se valoramos a nosa privacidade nas comunicacións mediante o correo electrónico, podemos abrirnos unha conta en Tutanota, ou en Riseup se algunha compañeira con conta nos convida.

Para as usuarias de Android, un bo comezo pode ser descarregar o catálogo de aplicacións de software libre F-Droid e substituir aos poucos aquelas aplicacións que usamos no día a día. Así, podemos comezar a usar os mapas de Maps.me ou Osmand, e comunicarnos a través de Signal ou Telegram.

Outra alternativa menos popular mais moi interesante é Briar, que facilita o anonimato mediante a descentralización das canles de comunicación, o traballo en rede e a encriptación. Unha boa ferramenta para vídeo-chamadas grupais é Jitsi Meet, e para áudio-chamadas podemos usar Mumble.

Para traballar nun documento compartillado podemos crear un pad, realizar cuestionarios con framaforms e organizar o noso calendario através de framagenda. Por último, se aínda usamos un sistema operativo privativo, talvez sexa o momento de lanzarnos a probar un libre, como GNU/Linux e as súas múltiples distribucións.

Por suposto existen moitas máis alternativas que as anteriores e ferramentas para case todo aquilo que queiramos realizar. A curiosidade e a vontade pode axudarnos na transición a unha forma de relacionarnos coa tecnoloxía que sexa máis horizontal e orgánica, asumindo que é unha aprendizaxe continua, e que o ideal é facelo grupalmente.

Apoiemos a horizontalidade, a cooperación e a defensa das usuarias e comunidades que nos brinda o software libre fronte aos abusos de poder do software privativo.

Comecemos a tecer as nosas redes afectivas e de coidados en esferas dixitais inclusivas, seguras, e que protexan os nosos dereitos e privacidade. Esta aposta pasa por ter en conta o foxo dixital, formarnos mutuamente e pedir axuda a colectivos que traballan na defensa do software libre e da privacidade.

Apostemos pola soberanía tecnolóxica, porque o tecnolóxico tamén é político.

El Salto