A COMISIÓN EUROPEA ven de requirir ao Estado español explicacións xurídicas a respecto da adxudicación de concesións (e/ou as súas prórrogas) para uso privativo do dominio público marítimo terrestre sen facer un procedemento selectivo aberto e transparente. Considera o órgano de cogoberno da UE que a posibilidade de ampliar a duración desta caste de concesión até 75 anos (como prevé a Lei de 2013 que modificou a Lei de Costas de 1988, abeirando deste xeito que o Goberno do Estado ampliara a concesión de ENCE até 2073) vulnera a Directiva de Servizos da Unión Europea de 2006, vixente dende a fin de 2009.

Una vista de Ence

Xoán Antón Pérz-Lema

Esta Directiva abriu tamén outro procedemento de infracción contra o Estado español por ter prorrogado até 2048 a concesión da autoestrada AP-9 (Ferrol-Tui) sen ningunha caste de procedemento de selección aberto e transparente, alicerzándoo na mesma caste de razonamentos. Mais é a primeira vez que esta Directiva quérese aplicar ás concesións administrativas que permiten un uso privativo do dominio público e non só ás concesións de servizos públicos, como até de agora.

Nun e noutro caso se a Comisión Europea e o Estado español non acadan un consenso e continúan a súa diverxencia xurídica a respecto do alcance da Directiva resolverá o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que adoita acoller na meirande parte dos casos os argumentos das institucións da UE fronte aos expostos polos Estados Membros.

Unha eventual sentenza do TXUE contraria ao Estado español sería definitiva e podería alicerzar unha revisión das prórrogas posteriores ao 29 de decembro de 2009 que incumprisen a Directiva europea de servizos de 2006, abríndose un escenario ben máis dubidoso do que se amosaba hai só dez días, cando o Supremo estimou os recursos de casación de ENCE.

En calquera caso, a apertura deste procedemento de infracción grave constitúe unha emenda á totalidade á enxurrada de manifestacións verbais do presidente Rueda, candidato do PP á alcaldía pontevedresa Domínguez, de ENCE e determinados voceiros sindicais e mesmo dalgúns dirixentes do PSdeG que chamaban á rendición incondicional do alcalde Lores (BNG) e do goberno local de Pontevedra, de Greenpeace e da Asociación para a Defensa da Ría. A UE, canda a chamada “Audiencia Nacional” xustifica a actuación procesual destes recurrentes e máis as súas finalidades políticas, sociais e ambientais, sendo a sentenza do Supremo (insólitamente descoñecida despois de dez días de se publicitar o fallo) o verdadeiramente rechamante, o que sae da boa orde das cousas.

El Correo Gallego