Non só hai solucións correctas e equivocadas aos problemas, tamén hai problemas correctos e erróneos. O papel dos intelectuais orgánicos das clases dominantes a ese respecto é indubidable, xa que son eles quen pensan e dan significado aos intereses da súa clase. No caso da academia norteamericana a relación é tan estreita como evidente. Sempre as universidades norteamericanas teñen un teórico para que fundamente o que está a pasar na historia, que é algo moi importante. Para o caso que aquí nos interesa, o de Samuel Huntington, trátase dun profesor de Harvard, membro do Consello de Seguridade da Casa Branca entre 1977 e 1978. Nunha xenerosa mostra de que é o que debemos pensar, Huntington, ofrécenos O choque de civilizacións, cuxo suxestivo subtítulo é a reconfiguración da orde mundial. Nunhas cantas páxinas recupera o que Fukuyama finalizara: a Historia e o conflito. Pero, agora, na versión de Huntigton, que é a das clases dominantes e converteuse na visión predominante, os conflitos non son económicos senón civilizatorios. 

Huntington é moi determinante “o problema subxacente para Occidente non é o fundamentalismo islámico. É o islam”. A partir de setembro de 2001, o imperialismo bélico mediático, asentou, xunto á globalización económica, a globalización militar, inaugurando unha guerra globalizadora: a da liberdade contra o terrorismo. Entramos, deste xeito, na etapa superior da globalización: a globalización bélica. Estados Unidos está en guerra contra o mundo: porque en calquera lugar do mundo pode aniñar o terrorismo.

O islam, tal como o entende Huntingnton, e tal como foi pensado desde a administración Bush, non é o Outro de occidente, senón unha das súas creacións máis demoníacas: seica a forza máis destrutora que creou a burguesía contra si mesma. O imperio non só destrúe o planeta coas súas industrias, tamén cos monstros que xera a súa estratexia económico-militar. É a cara extrema da destructividad do capitalismo que agora procreou a un dos seus monstros máis letais. No manifesto, Marx dicía que a burguesía, por medio do sometemento das forzas da natureza, fixera xurdir tan potentes medios de produción e de cambio que agora se asemellaba ao mago que xa non é capaz de dominar as potencias infernais que desencadeou o seu esconxuro. Nada é suficiente para a burguesía, nunca se ve satisfeita. Non sabe como deterse, non coñece límites, é capaz de destruír o planeta con tal de non minguar os seus ganancias.

Do mesmo xeito que o doutor Frankenstein creou ao seu monstro, o imperialismo fixo o seu. Mary Shelly permítelle ao seu monstro expresarse, como o permite o filme Domingo Negro (1977). Alí, Dahlia di “Eu non son unha terrorista… Cando era nena bombardearon a miña aldea. Mataron nenos, aniquilaron escolas. Mataron aos meus dous irmáns. A un o torturáron. Levaron e levan o petróleo do meu país… Non son unha terrorista. Vostedes fixéronme”.

Huntington afirma que a nova orde mundial, estivo precedida por dúas guerras de transición: a guerra soviético-afgá (1979-1989), e a guerra do Golfo (1991). A guerra afgá -di Huntington- comezou como un esforzo da Unión Sovética por soster un réxime satélite, e converteuse nunha guerra da guerra fría cando os Estados Unidos organizaron, financiaron e equiparon aos insurxentes afgáns. A guerra afgá converteuse nunha guerra de civilizacións -afirma Huntigton- porque os musulmáns vírona como tal e uníronse contra a URSS. A guerra do Golfo converteuse nunha guerra de civilizacións porque Occidente interveu militarmente nun conflito musulmán, e os musulmáns viron dita intervención como unha guerra contra eles, como un exemplo do imperialismo occidental. Huntington avanza no seu argumentario e alega que entre 1980 e 1995, Estados Unidos “levou a cabo dezasete operacións militares en Oriente Próximo e Oriente Medio, todas elas dirixidas contra musulmáns. Non se produciu ningunha outra pauta comparable de operacións militares contra o pobo de calquera outra civilización”. Cal é o problema, senón o capitalismo, a razón instrumental da burguesía, e o imperialismo.

A racionalidade burguesa pretendeu instrumentalizar para os seus fins insaciables ao Islam. É dicir, a un descoñecido, desde que Hegel (1831) o situase fóra da historia. Así foi ata que en setembro de 2001 irrompeu en Occidente. Esta irrupción do Islam na historia humana é o que Hegel chamaba un acontecemento histórico universal. A historia de occidente ocorreu dentro da modernidade capitalista, algo do que careceu o Islam. O islamismo non ten un proxecto superador do capitalismo, como non o ten, destrúeo, o único que pode facer é destruir todo o que capitalismo fixo.

Huntington e con el as administracións estadounidenses, cohesionan a todo occidente nunha guerra santa, despraza o conflito: occidente contra o islam. Ao facelo elimina o conflito en occidente. Xa non hai pobres nin ricos, xa non hai culturas diferentes, identidades diferentes. Somos todos occidentais e estamos en guerra contra o islam. E senón somos terroristas, tan terroristas como os que comenten atentados. A medida que esta tolemia continúe, todos seremos terroristas.