O pasado 13 de outubro, Causa Galiza solicitou á Sección 3ª da Sala do Penal da Audiencia Nacional a suspensión do xulgamento previsto para os dias 19, 20 e 21 do presente mes en atención ao prescripto na Orden 1287/2020 da Consellaría de Sanidade da Comunidade Autónoma de Madrid -que limita a agrupación de persoas non convivintes a un máximo de 6, tanto en espazos públicos como privados- e á situación sanitaria de toda a zona. A Sala recusou o pedido alegando a necesidade de “non conculcar o dereito fundamental constitucional de todo xusticiábel a un proceso sen demoras indebidas”.

.

.

Os argumentos de Causa Galiza

No seu escrito, Causa Galiza alega que na súa Disposición Primeira, a Orde da Consellaría de Sanidade establece que “a participación en agrupacións de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social, tanto na vía pública como en espazos públicos e privados, é limitada a un número máximo de seis persoas salvo que se trate de convivintes”.

Unha limitación de que fican excluídas unicamente as actividades contempladas na Orden 668/220 e actividades laborais ou institucionais. Afora estes casos, a aplicación da Orde “é xeral para toda a poboación madrileña e para todas as actividades que se desenvolveren na Comunidade Autónoma de Madrid”.

Por outro lado, embora o concello de San Fernando de Henares, onde está ubicada a Audiencia Nacional, non se encontrar nestes momentos entre os territorios que ultrapasan os límites de infeccións previstos para ser decretado o estado de alarma, non é posíbel obviar que o municipio está rodeado por completo de zonas en que si foi preciso decretar ese estado, polo que -argumenta Causa Galiza- “unha medida básica de prudencia aconsella suspender a celebración do xulgamento para evitar posíbeis contaxios e posteriores exportacións a outras zonas do país”.

É preciso ter en conta, subliña no seu escrito, que se trata dunha causa en que non existe ningunha persoa en prisión preventiva e en que van ser xulgados feitos que se produciron, os máis recentes, en 2015, co que non existe especial motivo de urxencia para a celebración do xulgamento, que perfectamente poderá ser celebrado cando a Comunidade Autónoma de Madrid supere esta segunda vaga da pandemia.

.

.

Os argumentos de Causa Galiza non convencen as xuízas da Sala do Penal

Ora, apesar do evidente peso destes argumentos, a Sala do Penal acordou no 14 de outubro “non haber lugar á suspensión solicitada”. E, despois de cinco anos, a súa presidenta, Carolina Riús Alarcó, afirma que a sala toma esa decisión “en prol a non conculcar o dereito fundamental constitucional de todo xusticiábel a un proceso sen demoras indebidas, ao teren sido adoptadas para a celebración do acto de xulgamento todas as medidas prescritas polas Autoridades en relación coa actual situación sanitaria”.

Unha decisión de difícil calificación en plena crise epidemiolóxica e despois de cinco anos de delongas e contantes pasos para a frente e para atrás, nen sempre -sendo prudentes- ben xustificados.