Entrevista ás activistas palestinas Manal Tamimi e Munther Amira dos Comités Populares de Resistencia non Violenta Palestina (PSCC). Ambas exercem a resistencia non violenta contra a ocupación e o apartheid do Estado de Israel. Amira foi detido en diversas ocasións e, despois da última, foi condenado a seis meses de prisión e cinco anos de liberdade condicional por ter participado nun protesto de maneira pacífica. A Tamimi arrestáronna catro veces soldados israelitas e disparáronlle outra dúas máis. 

Munther Amira é activista e traballador social. Dedícase, sobretodo, a organizar actividades de animación para as crianzas palestinas, que son ‘as principais vítimas’ da violencia e represión do Estado de Israel. Manal Tamimi, tia de Ahed Tamimi, a coñecida rapariga palestina que pasou sete meses na prisión e que no pasado mes de setembro visitou València, participou na primeira e segunda intififada, en que estaba disposta ‘mesmo a pagar coa vida’ o dereito do pobo palestino, asegura. Algúns dos seus fillos están no cárcere, feito que lle causa ‘máis dor’ que a súa morte. As dúas forman parte dos Comités Populares de Resistencia non Violenta Palestina (PSCC). A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado no País Valencià (CEAR-PV) convidu ambas as activistas a participaren nunha palestra encadrada nas xornadas “Outubro coa Palestina de BDS País Valencià”, que finalizarán na próxima sexta feira cunha palestra de Pego. No encontro anallísase e explicase a ocupación e o apartheid israelita en Palestina, así como un dos centros máis activos da resistencia palestina durante os últimos meses: a localidade Khan al-Ahmar, que se enfrenta á demolición.


Cada sexta feira, desde no ano 2009, o pobo palestino organiza protestos en Nabi Saleh contra o apartheid israelita. Que nivel de represión exercen os soldados israelitas durante as mobilizacións e o resto dos días?

Manal Tamimi (M.T): A situación na Palestina é extremamente explosiva cada día. As agresións intensificáronse despois de o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ter declarado que Xerusalén é a capital do Estado de Israel, protexido polo silencio internacional para continuar comentendo os crimes que leva a cabo. O nível de represión é o asasinato a sangue frío de nenos e nenas palestinas, así como de xornalistas na faixa de Gaza. É através da construción de centros de internamento militares moi próximos ás poboacións palestinas. Por veces, obrígannos a deslocarnos durante catro ou cinco días para poderen facer as súas manobras e exercicios militares. Tamén deixan explosivos estrados por toda a zona, que estouran cando pasamos por riba deles ou cando as nosas fillas están brincando na rúa. Estas prácticas militares reforzan a actitude hostil e agresiva dos colonos israelitas, que continúan agredindo a populación. Hai pouco, unha madre morreu apedrexada despois de asistir ao casamento da filla. A todo iso compre sumar a violencia durante as mobilizacións, agridennos con navallas ou asasinan xente nova que participa nas manifestacións pola liberación da Palestina.

 

“Tamén deixan explosivos estrados por toda a zona, que estouran cando pasamos por riba deles ou cando as nosas fillas están brincando na rúa. Estas prácticas militares reforzan a actitude hostil e agresiva dos colonos israelitas, que continúan agredindo a populación”

 


Como afectou á Palestina a decisión de Donald Trump de levar a embaixada estadunidense de Tel Aviv a Xerusalén?

Munther Amira (M.A): Despois da declaración de Donald Trump, as agresións intensificáronse. Non nos estraña a súa decisión, porque, no fin de contas, os Estados Unidos é unha potencia imperialista que quer controlar o mundo e comete día a día todo tipo de agresións contra o pobo palestino. Outra das últimas decisións de Trump foi cancelar o seu contributo económico á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina no Oriente Medio (UNRWA), através da cal se financian servizos educativos, sanitarios e sociais para atender as refuxiadas palestinas. Trump tamén comete agresións contra o dereito de retorno das exiliadas, contemplado polas Nacións Unidas. Entretanto, o resto de países non fai nada.

 

 

Hai moitos anos que denunciades as condicións de vida nos cárceres israelitas. Que violencia sofren as presas políticas palestinas?

M.T: A situación nas cadeas é de extrema pobreza. Non se pode describir. A alimentación é ruín. De feito, moitos vense obrigados a comprar a comida nas tendas que hai nos cárceres, grazas ao diñeiro que transfiren as familias ás contas bancarias deses establecementos. En relación á asistencia médica, hai rapaces que teñen trozos de metralla no corpo. Necesitan intervención cirúrxica, mais nos cárceres só lles dan analxésicos ou algún tipo de antibiótico. Coñecemos o caso dunha prisioneira que ten 90% do corpo queimado. E, no entanto, cando pede un tratamento, o único que recibe é un antibiótico. A maiores, só se permite unha ou dúas visitas por mes de 45 minutos de duración. A persoa presa ten de solicitar un permiso e a familia outro, que poden demorar meses en chegar.

Cuantas presas políticas hai na actualidade?

M.T: Actualmente hai 7.000 presas políticas palestinas. O preso máis novo é un rapaz de catorce anos. Cando tiña doce foi condenado a tres anos de prisión por ter atirado unha pedra contra un soldado. Despois, cando fixo os 14 anos, foi xulgado novamente e leváronno outra vez ao cárcere. Iso é posíbel porque hai dous anos entrou en vigor unha lei coa que se pode deter calquera rapaz palestino entre doce e catorce anos e condenalo a tres anos, mais cando fai os catorce a pena pode elevarse até os vinte anos. As 7.000 presas non só apenas un número. Son familias, lugares e cadeiras vacíos que deixan. Lembranzas partidas. Proxectos interrompidos. Soños virados fume.

 

“Os nenos e as nenas acaban asinando esas confesións e así eles poden deter outros manifestantes que xa tiñan na mira, mais que non podían deter por non teren proba algunha que os incriminase”

 


Antes do ingreso en prisión, durante o interrogatorio, tamén se vulneran os dereitos das palestinas detidas. Que situacións teñen que enfrentar?

M.T: Instrutores israelitas levan as persoas detidas aos centros de detención sen lles leren os dereitos. Entre eles, por exemplo, o dereito a gardar silencio, á asistencia letrada e áas visitas das familias. Porén, sabemos que se incumpre e, portanto, sobretodo os menores de idade, encóntranse totalmente perdidos.  Como os pequenos ignoran os seus dereitos, o estado de Israel atérraos para que confesen o que nin sequera cometeron. Tamén lles entregan confesións xa escritas en hebraico, unha língua que as pequenas palestinas non entenden, en que se responsabiliza de delitos outras activistas palestinas. Os nenos e as nenas acaban asinando estas confesións e así poden deter outros manifestantes que xa tiñan na mira, mais que non podían deter por careceren de probas que os incriminase nalgún acto. Se fosen informados que teñen dereito a ficar en silencio non recoñecerían delitos que non chegaron a cometer.

A loita non está só na rúa. Nas prisións, as presas políticas tamén exercen resistencia, através de boicotes e greves de fame…

M.A: Nas prisións a resistencia acentúase cada día. O método máis utilizado son as greves de fame. A último foi en 2015 e durou 42 días, durante os cales morreron cinco mozos. Actualmente, as presas políticas palestinas están realizando outro tipo de boicote, que consiste en non sair ao patio para protestaren contra a instalacións de cámaras dentro das celas penitenciarias. En relación ao boicote á xustiza israelita, non o levamos a cabo de maneira completa. Só foron boicotadas as vistas administrativas, xa que non nos presentamos. É un soño boicotar todo o sistema xudicial israelita, mais, hoxe por hoxe, estamos obrigados a acudir aos tribunais e non temos outra opción.

M.T: Nas prisións tamén se procura encontrar liberdade. Por iso organízanse palestras, aulas de hebraico e inglés ou de asistencia xurídica… Os e as pequenas teñen a obrigación de ler libros e, despois, de facer resumos das lecturas, encanto as persoas maiores poden escribir artigos sobre diversas temáticas para as publicacións que hai na prisión. Téntase crear vida nos centros. Trátase dunha resistencia que busca curvar o ocupante.

 

 

Durante os últimos meses, estades tamén loitando contra a destrución de Khan al-Ahmar. Por qué Israel quer mover esta poboación?

M.A: O último crime internacional que cometeu o Estado de Israel foi contra a poboación do pobo de Khan al-Ahmar. O obxectivo de Israel é construir colonias nesta zona, conectar con Xerusalen e así dividir Cisxordania entre norte e sur. No entanto, a poboación beduína do lugar, co seu propio corpo, tenta facer frente ás excavadoras israelitas que chegan para demolir as casas e ás augas residuais que atiran de propósito. Até agora non o conseguiron. As activistas e as nenas resisten desde hai 120 días. Séntanse diante das excavadoras para impedirennas de pasar. Khan al-Ahmar é unha das 22 agrupacións beduínas que existen. O seu medio de vida é, principalmente, o coidado do gando, portanto, o feito de ter que deslocarse dun lugar a outro prexudícaos e prívaos do seu sustento principal.

“A poboación beduína do lugar, co seu propio corpo, tentar facer frente ás excavadoras israelitas que chegan para demolir as casas e ás augas residuais que atiran de propósito. Até agora non o conseguiron”


Como vedes o futuro da resistencia palestina?

M.A: O futuro da resistencia palestina é a vitoria. Ese é o resultado lóxico da revolución que se ergue contra unha ocupación. Nós temos unha resistencia non violenta e popular, através da conscienciación e o confronto pacífico.

M.T: A resistencia é un dereito lexítimo que nós escollemos. Non resistimos para morrer, senón para vivir. Ese é o noso obxectivo. Ningún pai nin nai quer ver os seus fillos e fillas fechadas nunha prisión ou enterradas. Por iso, pedimos que resistan contra a ocupación e non renuncien aos seus dereitos. Mais tamén ensinámoslles a conservar a humanidade e o valor da xustiza. Queremos mudar ese pensamento de as palestinas sermos terroristas. Somos defensoras dos Dereitos Humanos.

Que importancia ten para a Palestina que o resto do mundo faga boicote a Israel?

M.A: A presión que se debe exercer só se concibe através dun boicote político, social, cultural e académico e en calquer outro ámbito.O movemento de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) é un movemento moral para defender a vida. Cada vitoria do BDS, por pequena que for, insúflanos ánimos para continuar resistindo.

M.T: Comenzamos a ver como se resistiu a ocupación através das actividades e triunfos do BDS. O máis importante é continuar coa loita, non renunciar e non ter medo á ocupación e á sua represión, porque continuaremos até a vitoria.

Ester Fayos | @Ester_Fayos
Fotos de Lucas Guerra

La Directa