Na resposta que dan ao deputado Iñarritu, o Goberno equipara estas mensaxes con racismo, xenofobia e intolerancia no deporte.

 

 

O pasado 5 de xuño, o deputado Jon Iñarritu García realizou unha pregunta ao Goberno, dentro das súas funcións como parlamentar. Concretamente, na súa cuestión referíase aos feitos acontecidos o 26 de maio, cando axentes da Policía Nacional confiscaron a unha afeccionada do Barça unha camisola en que levaba escrito «llibertat Presos Polítics», ás portas do Estadio Benito Villamarín de Sevilla, onde se disputaba a Final da Copa do Rei entre a Valencia FC e o FC Barcelona. Por esta razón a seguidora do FC Barcelona tivo de entrar sen camisola ao campo para ver o xogo.

O deputado do grupo mixto expuxo as seguintes preguntas ao Goberno:

1.- Cal foi o motivo polo que a obrigaron a tirar a camisola para poder acceder ao campo?

2.- Quen tomou a decisión? Por que motivos? En base a que normativa?

3.- Cantas persoas foron obrigadas a tirar camisolas ou símbolos con anterioridade a ese xogo de futbol? De que tipo e contido cada un deles?

4- Considera o Goberno que pedir a liberdade para presos políticos é unha reclamación perigosa ou ilegal?

5.- Estima o Goberno que é normal que axentes da Policía nacional actúen como policía política?

A resposta do goberno: as mensaxes políticas están prohibidas nos actos deportivos
O Goberno, que está obrigado a responder por escrito, fíxoo con data 29 de agosto. No seu escrito, responde ao deputado Iñarritu que o dispositivo policial establecido con ocasión do evento deportivo aludido actuou en todo momento conforme á Lei 19/2007, de 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte e ao Manual Operativo da Real Federación Española de Fútbol para a Final do Campionato de España «Copa de S.M. O Rei» 2019.

Indican na resposta que no citado Manual Operativo son citados no capítulo de «Normas para Acceso ao Estadio Benito Villamarín», apartado 10, sobre «Conduta e artigos prohibidos», no seu punto primeiro, entre os artigos que non poden introducirse no estadio: «i) calquera material insultante, racista xenófobo, sexista, relixiosos, políticos ou outros materiais ilegais/prohibidos, incluíndo material discriminatorio de propaganda».

Aliás, remíteo á conta en redes sociais da policía, onde se indicou a listaxe de material prohibido para o xogo.

Especifican que durante o desenvolvemento do citado dispositivo «non se procedeu ao confisco de ningún obxecto. Impediuse o acceso ao interior do perímetro de seguranza a toda persoa que portase algún obxecto perigoso ou artigo prohibido, entre os que, tal e como xa se fixo constar, figuran os símbolos de carácter político.» E engade que «os axentes da Policía Nacional actuaron en todo momento en conformidade coa normativa vixente».

 

Ver imagen en Twitter

 

A palabra «Liberdade» tamén é motivo de prohibición de acceso ao estadio
Entre os comentarios ao texto que partillou nas súas redes sociais o deputado, un usuario explica que a el e aos seus acompañantes lles confiscaron unha bandeira onde só aparecía a palabra «Liberdade».

Sinala que esta bandeira foi confiscada durante a pasada temporada en varios campos: Bernabeu, Huesca, Sevilla…

Beatriz Talegón