No seu día director de Dereitos Humanos e catedrático de Dereito Penal, Jon Mirena Landa é un dos expertos que máis de perto seguiu o caso Portu-Sarasola. A súa análise dá perspectiva e contido ao tremendo pau ao Estado español pola tortura.

 

Hai un salto cualitativo nesta sentenza a respecto de pronunciamentos internacionais anteriores? Pásase de condenar por non investigar a condenar por trato inhumano…

No control dos casos de España hai un salto cualitativo desde 2010. Tal gotexo de casos non é habitual e sinala que aí hai un problema. Mais o realmente novo neste caso é que se conta cunha base probatoria, que non existía nos outros por falta de investigación. Aquí si existe esa base probatoria, e portanto pode chegarse a condena na dimensión substantiva. Isto permite dicir non xa só ‘vostede non investigou’, senón ‘vostede cometeu malos tratos, inhumanos e degradantes’. Daquela, na forma de argumentar da sentenza o fío condutor é o reproche ao Tribunal Supremo. Este corrixiu a Audiencia de Gipuzkoa, cuxa sentenza de 2010 era impecábel e moi ben armada. E a maneira en que agora Estrasburgo desmonta a sentenza do Supremo é devastadora. Pregúntalle ‘con que base o fixeche?’. E ademais sinala a falta de garantías, co que a condena é dobre: polo substantivo e polo técnico. O Supremo tería que corar totalmente. O que suxire o Tribunal Europeo (TEDH) é que o Supremo estivo máis preocupado de desmontar a condena que de argumentala.

É habitual que o TEDH chegue a confrontar dúas sentenzas, a de Gipuzkoa e a do Supremo?

É, si. O inhabitual é poder entrar tan finamente na análise, e iso foi posíbel porque había informes forenses moi detallados. Non só analizaban a compatibilidade co relato de torturas, senón tamén coa versión da Policía. Un material tan rico permite unha análise con detalle e non en trazo groso. Moitas veces despáchanse as denuncias de torturas aferrándose a que ETA dá instrucións, e iso non é aceptábel, o Estado ten que explicar. Mais adoita faltar material para chegar a probalo, para fiar fino, e aquí si o había.

Abre a porta isto a outros torturados para percorreren o mesmo camiño? Ou o caso de Portu e Sarasola é excepcional por ese pormenor forense?

Unha praxe forense adecuada, de nivel, con informes detallados e ben orientados á conclusións, tería xerado un control que foi inexistente. O Comité para a Prevención da Tortura (CPT) vén reprochando ao Estado español non ter un protocolo adecuado para iso. Digamos que non está ben a base, e ademais a que hai nin sequera é aplicada. A detención é un espazo opaco por definición e ten que haber terceiros imparciais para que exista control. O avogado, ao ser de oficio, en parte está neutralizado. Mais tamén os forenses fallaron… O excepcional neste caso é que houbo informes forenses pormenorizados e que ademais o vimos todos por televisión.

A existencia por vez primeira dun relatorio oficial, con máis de 4.000 casos xa referidos, dá outro prisma a todo isto na esfera internacional? Puido influír tamén?

É difícil que iso teña consecuencias directas sobre unha sentenza, mais é verdade tamén que cando hai relatorios imparciais de control en dereitos humanos van xerando indicios que a miúdo teñen repercusión. Se se acumulan e documentan eses indicios, ao final xeran facilidades para que noutras instancias sexa posíbel dar pasos. Isto nunca é matemático, non ten o efecto de golpe bóla a bóla nunha mesa de billar, mais si hai un efecto ao golpear moitas veces na mesma bóla. Iso crea un clima.

Pensa entón que non será a última sentenza condenatoria…

Basta ver que hai un gotexo de ano a ano e case todas as condenas teñen a ver coa violencia política, aínda que tamén é probábel que desde 2011 vaia decaendo loxicamente a xudicialización destes casos. Mais que houbo un problema grave de tortura é algo real.

Destaca o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, que non os condenaron por torturas…

A Estrasburgo cústalle moito dicir que hai tortura, porque iso require proba de que hai unha intención moi clara e iso provoca un problema a un tribunal que está tan lonxe e ve os casos moitos anos despois. Mais fálase de trato inhumano e degradante, vulneración do artigo 3, e por unanimidade iso é gravísimo! Que un responsábel político responda así paréceme unha burla á cidadanía.

Di tamén que esta condena mostra que o sistema de garantía de dereitos funciona, aínda que sexa desde Europa…

Temo que o di con ironía. O que sinala Estrasburgo é que hai fallos estruturais. Se iso se traducise en mudanzas, en que non vai haber impunidade, nin indultos… crería esas declaracións. Se é mera ironía formalista, pois triste noticia. Isto debería xerar unha reacción.

Fonte: Gara