O 14 de marzo de 2020, o Goberno de Pedro Sánchez decretou, por segunda vez na historia da nosa democracia, un estado de alarma. En virtude do mesmo fomos prohibidos de saír á rúa, salvo en casos excepcionais (facer a compra, coidar persoas dependentes, ir traballar, etc). A estas restricións foron sumándose outras co pasar dos días: a obrigación de mantermos a distancia de seguranza, de levarmos máscara, etc.

 

El Ejército realiza en 20 días más de 7.000 actuaciones en un millar de  poblaciones | España | EL PAÍS

 

 

Esta cuarta feira, o Tribunal Constitucional acordou, por unha maioría de 6 votos a 5, declarar ese Decreto de 14 de marzo de 2020 inconstitucional. O tribunal argumentou que as limitacións que nos foron impostas suspendían os nosos dereitos fundamentais, polo que o Executivo debería decretar o estado de excepción.

Preguntábame hai un momento un xornalista deste medio se ten razón no Constitucional en que debería ter sido decretado o estado de excepción ou se se trata dun posicionamento político, como parece suxerir a profunda división entre maxistrados do bloco progresista e do conservador.

O primeiro que temos de ter en conta para contestar esa pregunta é que o artigo 4 da Lei Orgánica 1/1981, dos estados de alarma, excepción e sitio recolle os supostos taxados en que pode ser declarado o estado de alarma, que son os seguintes: a) catástrofes naturais, b) crises sanitarias, epidemias ou situacións de contaminación graves, c) paralisación de servizos públicos para a comunidade ou d) situacións de desabastecemento de produtos de primeira necesidade.

Isto é o que o diferencia do estado de excepción que, segundo o artigo 13 da mesma lei, pode ser decretado unicamente “cando o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, o normal funcionamento das institucións democráticas, o dos servizos públicos esenciais para a comunidade, ou calquera outro aspecto da orde pública, resulten tan gravemente alterados que o exercicio das potestades ordinarias for insuficiente para o restablecer e manter”. Quer dicir, o estado de alarma é a ferramenta xurídica prevista para afrontar crises sanitarias e o de excepción para facer o propio con “aspectos da orde pública”.

Isto supón que o Goberno non podía decretar un estado de excepción ante unha emerxencia sanitaria, porque unicamente se pode facer en supostos de perigo para a orde pública. A única resposta excepcional a unha pandemia mundial é, coa lei na man, o estado de alarma.

E cal é a diferenza entre o estado de alarma e o estado de excepción? O artigo 55.1 da Constitución establece que diferentes dereitos (entre os cales a liberdade deambulatoria do artigo 19 CE) “poderán ser suspendidos cando se acordar a declaración do estado de excepción”, mais non así o estado de alarma. Quer dicir, o estado de alarma non é unha ferramenta habilitada para suspender dereitos fundamentais.

E ten razón o Constitucional en que o estado de alarma supuxo unha suspensión dalgúns dereitos fundamentais e non unha mera limitación dos mesmos?

Pois ben, lembremos que o artigo 7 deste Real Decreto do estado de alarma (de 14 de marzo) establecía o seguinte:

“Durante a vixencia do estado de alarma as persoas unicamente poderán circular polas vías de uso público para a realización das seguintes actividades:

a) Adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Deslocamento ao lugar de traballo para efectuar a súa prestación laboral, profesional ou empresarial.

d) Retorno ao lugar de residencia habitual.

e) Asistencia e coidado a persoas idosas, menores, dependentes, con discapacidade ou persoas especialmente vulnerabeis.

f) Deslocamento a entidades financeiras e de seguros.

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza que terá de ser feita individualmente, salvo que se acompañe persoas con discapacidade ou por outra causa xustificada”.

Na miña opinión, parece claro que o que fixo o Real Decreto foi aprobar unha prohibición xeneralizada de saír á rúa, co recoñecemento dalgunhas excepcións puntuais. A norma era a prohibición de saírmos e as saídas eran a excepción. Portanto creo que, con efecto, estábamos ante un estado de excepción encuberto, dado que se suspendían os dereitos constitucionais de liberdade deambulatoria e de reunión (artigos 19 e 21 CE, respectivamente) e non se vían meramente limitados. Nisto ten razón o Constitucional.

En definitiva, o problema é que a lei só permitía ao Executivo decretar o estado de alarma ante unha emerxencia sanitaria, mais as medidas que o Goberno estimou necesarias para parar o avance do virus (que son as mesmas que se aplicaron no planeta enteiro) non podían ser implementadas cun estado de alarma: eran propias dun estado de excepción.

Respondendo á pregunta que me inquiriu se a decisión do Constitucional é axustada a Dereito ou se, en troca, se trata dunha resolución política, a miña resposta é que as dúas cousas son certas: por unha banda, o honesto é recoñecer que o Goberno fixo o que puido coas ferramentas das que dispuña. Non había ningunha forma legal de facer o que había que facer.

Dun punto de vista finalista, o Goberno central só podía aprobar un estado de alarma, pois estábamos ante un problema sanitario, non de orde pública. Reprochar isto ao Goberno e dicirlle que tería que decretar o estado de excepción é, creo, unha decisión política do Constitucional. O xusto sería recoñecer que estaba amarrado de mans e que non contaba coa posibilidade de acudir ao estado de excepción.

Mais, por súa vez, é innegábel que o Goberno aprobou unha serie de limitacións aos nosos dereitos fundamentais sabendo que eran inconstitucionais -sen prexuízo de que puidesen ser consideradas necesarias- pois a figura escollida non o permitía. As únicas limitacións -que non suspensións- que permite o estado de alarma son as que se aprobaron en outubro de 2020: toques de recoller, prohibición de viaxar a outras comunidades autónomas, etc.

Sen dúbida, a Lei dos estados de alarma, excepción e sitio de 1981 revelouse como insuficiente para atallar unha pandemia mundial e será reformada no futuro.

O que eu me pregunto é que aconecería se o Goberno decretase o estado de excepción e non o de alarma coas mesmas prohibicións que aprobou o 14 de marzo. Sospeito que posibelmente agora mesmo o Constitucional diríanos igualmente que se trata dunha medida inconstitucional, pois a lei non lle permitía declarar o estado de excepción por unha pandemia mundial, se non vén acompañada de problemas de orde pública. E é que iso é o que ten o Dereito: cunha norma podes argumentar unha cousa e, no día seguinte, a contraria.

Daniel Amelang López

Público