G7Bayonne_JTeixeira-18
 Dispositivo policial durante a cimeira do G7 celebrado en Bayonne en agosto de 2019. En primeiro plano, o Robin Hood anónimo que pon en cuestión o modelo de convivencia establecido fora de Sherwood. Foto: Juan Teixeira.

 

Poucas cousas dividen máis á poboación estes días que a condena ou non aos actos vandálicos que alagan as televisións e grandes medios de todo o Estado. Como se de cidadáns de pleno dereito de tratase, os colectores de lixo recibiron estes días máis apoio mediático que calquera persoa idosa desaloxada da súa casa  no último ano. Non se comenta nestes medios que cada día de fuga do emérito nos custa uns 50 colectores. Ou que se os bancos devolvesen o diñeiro público co que foron ‘rescatados’, cada cidadán podería ter o seu propio colector na porta da casa e un operario para o vaciar e limpar.

 

Quen defende os colectores de lixo tampouco costuma comentar nada sobre a manifestante que perdeu un ollo por un disparo da policía. E, se fala, é para exclamar “que non estivese alí!”. Como se manifestarse fose un deporte de risco ilegal en que tes que aceptar as consecuencias do que poda acontecer, xa sexa ser detida ou recibir un tiro/porrada. E esta é a idea.

 

Cando un movemento social pon en causa o modelo de convivencia actual, é criminalizado e perseguido con dureza. Para tentar conseguir que a populación se posicione en favor desta represión son utilizados unha infinidade de recursos. Un dos máis visíbeis son os grandes medios de comunicación, que mostran non apenas unha parte da realidade vivida nas rúas (por sinal sempre a mesma). Outro importante recurso é a xustiza, para a cal o termo “terrorista” é un enorme saco legal en que meter todo aquel que discorde da visión de modelo de estado imposto en 1978, e sobre o que pode recaer todo o peso da roliza xustiza pós-franquista da Audiencia Nacional. Mais o recurso utilizado para criminalizar os manifestantes de que falamos neste artigo é o policial. E a táctica preferida para iso ten un poético nome: Síndrome de Sherwood.

 

Este bonito termo foi escollido por David Piqué i Batalllé, comisario xeral de coordenación territorial dos Mossos d’Esquadra e dá título ao seu traballo final de máster sobre politicas públicas de seguranza aplicabeis para acabar o fenómeno anti-sistema/okupa no distrito de Gràcia (Barcelona), considerado como un “factor de risco para a convivencia e foco potencial de percepción de inseguranza”. As técnicas que desenvolveu neste traballo de fin de Máster son utilizadas desde esa altura pola Policía non só contra os okupas, senón en calquera manifestación que sexa considerada subversiva desde os altos mandos. Para iniciarse, o seguinte vídeo é un bo resumo do concepto:

 

.

Portanto, e como resumo introdutorio, poderíamos dicir que esta táctica procura abertamente provocar disturbios e confronto para criminalizar manifestantes. Non se trata dunha teoría conspiratoria, trátase dun manual de actuación, e pode ser consultado aquí. Os axentes son utilizados como peóns dunha estratexia que pouco ten a ver coa conservación da orde pública, e son expostos intencionalmente a situacións críticas que son perfectamente evitábeis. Tamén se pon en perigo a integridade física de manifestantes, xornalistas de cobren a información e de calquera outra persoa que pase ou se encontre no ‘lugar errado’. O caos para manter a “orde”.

 

 

A teoría

O texto que dá orixe a esta táctica policial forma parte como dicimos do traballo de fin de máster de David Piqué, e a súa finalidade é a criminalizaicón do movemento okupa e anti-sistema considerado en todo momento como “problema” de orde pública. O autor posiciónase na perspectiva da actuación policial dunha óptica represiva e ‘realista’ (ao estilo de Maquiavelo); quer dicir, carente de consideracións éticas ou morais. Os movementos sociais anti-sistema son referidos en todo o momento como “inimigos”, e o texto abunda en metáforas e referencias da historia militar para argumentar o modo de exercer o poder policial (combinado co político e mediático) para eliminar estes movementos. Trátase dunha maneira de entender a sociedade totalmente autoritaria e onde aqueles que pensan diferente da opinión hexemónica logo son considerados inimigos da sociedade, sen ter en conta os actos que leven a cabo.

A propia metáfora que dá título ao Síndrome parte da posta en causa do mito de Robin Hood, sobre o que se asume unha posición de relativismo moral que se resolve coa defensa da orde sistémica como único principio guia. Como o propio Piqué explica na introdución.

 

A Síndrome de Sherwood é unha metáfora baseada nas lendas medievais inglesas de Robin Hood, onde o heroi loitaba contra a opresión e o poder establecido. Roubaba aos ricos para llo dar aos pobres e refuxiábase no seu esconderixo do bosque de Sherwood. O problema está, como sempre, en que o heroi e o seu grupo decidían quen eran os ricos a quen roubar e os pobres a quen beneficiar.

 

A seguir, algúns extractos do traballo:

Mesmo se a concentración ou manifestación, que é do que estamos a falar, non é prevista bastante violenta, pode chegarse a provocar un pouco, con detencións pouco xustificadas e nada pacíficas uns días antes para aquecer o ambiente. Tamén poden facerse ‘batidas’ preventivas aos lugares onde están habitualmente persoas próximas á ideoloxía dos convocantes coa escusa de procurar drogas ou o que for necesario.

A ‘batida’ estará especialmente mal feita e con trato humillante para aquecer máis os ánimos, se for preciso.

A consecuencia previsíbel destes comportamentos previos e o deseño do dispositivo policial, é que acabará cunha ‘batalla campal’.

Alén da estratexia previa, logo que algún grupo descontrolado comeza as accións violentas, as unidades de policía non se moven e cando a violencia comeza a ser xeneralizada, a actuación policial demora deliberadamente até os danos producidos seren socialmente inaceptabeis. É nesa altura cando se producen as cargas policiais que en ningún momento queren ser disuasorias, non se disimula.

Vaise directamente contra os manifestantes, que xa son considerados vándalos, e atácase con suficiente velocidade para non lles dar tempo a fuxir e provocar o confronto físico.

Lamentabelmente, esta táctica non é exclusiva de réximes totalitarios, tamén se dá con demasiada frecuencia en moitas democracias occidentais.

Deberá procurarse a detención selectiva dos líderes para lles imputar delitos comúns e evitar a condición de ‘mártir’

4ª fase. Ataque ao corazón de Sherwood e detención ou descrédito dos posíbeis Robin Hood. Pasado un tempo razoábel, en que se comprobe que todos os individuos ou grupos posibeis se teñan acollido ás novas regras do xogo, é o momento de ir polo ‘irredutibeis’ e comezar a aplicar a lei en toda a súa extensión. Na nosa metáfora, dar privilexios aos ‘institucionalizados’ e comezar a cortar árbores do bosque.

 

A práctica

Obviamente non todos os disturbios se orixínan deste xeito. No desenvolvemento dunha manifestación, e dos movementos sociais en xeral, inflúen numerosos factores que fan que sexa realmente complexo o seu estudo. Mais, se as circunstancias concretas e previsibeis levaren a iso, como aconteceu na céntrica praza de Sol de Madrid, si podemos dicir que a Policía polo menos fomenta eses disturbios cunha finalidade concreta. A previsión de violencia, debido ao exaltados que estaban os ánimos, unido á necesidade de criminalizar o protesto e a propia localización (como moitos comentaban, a praza é unha ratoeira polas poucas saídas existentes) axudaron a que se tomase a decisión de pór en práctica a Síndrome de Sherwood. A técnica desenvolveuse grosso modo da seguinte maneira:

  1. Rexistro e control de manifestantes en todos os accesos. Búscase causar a sensación de medo nos asistentes e de que a Policía ten o control. Segundo o tratado de David Piquei: «A batida estará especialmente mal feita e con trato humillante para aquecer máis os ánimos, se necesario:

 

           2. Impídese a saída da Praza. Deste xeito comézase a aquecer o ambiente e todos os manifestantes son mantidos xuntos para facilitar o posterior ataque. «A consecuencia previsíbel destes comportamentos previos e o deseño do dispositivo policial é que acabará cunha “batalla campal”

 

 

            3. Prodúcense duras e rápidas cargas policiais, o máis inxustas e indiscriminadas posíbel para aquecer ao máximo o ambiente. Non se busca en ningún momento manter a orde ou despexar a praza, senón aumentar a tensión: «Prodúcense as cargas policiais que en ningún momento queren ser disuasorias, non se disimula. Vaise directamente contra os manifestantes, considerados vándalos, e atácase con suficiente velocidade para non dar tempo á fuga e provocar o confronto físico».

 

 

           4. Comezan os disturbios, deixando un tempo razoábel para que se desenvolvan de modo máis violento: “Logo que algún grupo descontrolado comeza as accións violentas, as unidades de policía nin se moven e cando a violencia comeza a ser xeneralizada, a actuación policial demora deliberadamente até os danos producidos seren socialmente inaceptabeis”.

 

        5. Xa temos a batalla campal e os disturbios necesarios para os medios de comunicación “faceren o seu traballo”. As cargas son o máis brutais e indiscriminadas posibel, xa que se loita contra perigosos inimigos da sociedade: “Neste estadio, os manifestantes atacan a policía con todo o que teñen e se lles deixou ter, realmente están defendéndose, mais non o parece. Foron encurralados. A violencia entre axentes e manifestantes desencadéase, personalízase e descontrólase. É o que se quer. Comezan a aparecer vítimas inocentes – danos colaterais dise agora- Os que refugaron o confronto están co resto de unidades policiais que fechan a pasaxe e que non fan detidos -prisioneiros-, a dispersión non é voluntaria , é á forza de paus (porra) que calquera indicio de resistencia é contestada con contundencia esaxerada e detencións masivas”. Procédese tamén a realizar detencións, tendo especial coidado en non crear mártires como Hasél: “Deberá procurarse a detención selectiva dos líderes para imputarlles delitos comúns e evitar a condición de mártir”.

En Valencia foi posíbel observar un modo de actuaciór. Desde o inicio da marcha un helicóptero policial sobrevoaba a zona e un total de 16 furgóns policiais estaban presentes na Praza de San Agustín, distribuídos polas vías próximas para controlar os diferentes grupos isolados. A maioría dos participantes que se situaron en diferentes puntos acabaron controlados de novo na Praza do Concello. A marcha chegou até as inmediacións do edificio da xefatura da Policía e, unha vez alí, a policía lanzou varias salvas e carregou contra os manifestantes que, como pode verse no vídeo, marchaban pacíficamente:

Obviamente quen máis sofre con esta forma de actuar é a democracia. Directamente, son os manifestantes os que padecen maiores consecuencias, tanto físicas como psicolóxicas. En ocasións mesmo son os propios axentes quen soporta as consecuencias desta desprecíbel práctica:

A palabra de orde é clara: estamos nunha guerra entre nós (os bos) e aqueles que queren mudar o modelo de convivencia social (os malos). Dá igual quen sexa e como procure esa mudanza. O importante é manter as cousas tal como están, a calquera prezo. As seguintes palabras pronunciadas polo propio creador da Síndrome de Sherwood durante un discurso mostran claramente a loucura que envolve certos sectores da nosa sociedade, servindo como perfecto resumo da ideoloxía de quen pon en práctica este tipo de estratexias:

 

Iremos procuralos, xa poden esconderse onde queira porque nós iremos procuralos, sexa nunha cova ou nunha sarxeta que é onde se esconden as ratas. Para nada lles servirá tampouco esconderese  atrás dunhas siglas, ou unha asociación, ou unha carapucha, ou dunha revista, ou dunha asemblea que non representa ninguén ou mesmo atrás dunha cadeira da universidade. Non vale pór o obxectivo social a calquera actividade para xustificar pasar por cima das regras. David Piqué, ex comisario xeral de coordenación territorial dos Mossos d’Esquadra e creador da Síndrome de Sherwood.

Eulixe