Un centenar de manifestantes pide la "libertad para los presos políticos" en Valencia

 

Desde que a Fiscalía confirmou onte sexta-feira como delito de rebelión a cualificación que da conduta de Oriol Junqueras e outros querelados fixo a finais de 2017 o Procurador Xeral do Estado José Manuel Maza e que fixeron súas tanto os xuíces de instrución da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo como as Salas de ambos os Tribunais que resolveu os recursos contra os autos dos xuíces instrutores, a sorte está lanzada.

Estou completamente de acordo co artigo que publica hoxe, 3 de novembro, en AXENDA PÚBLICA, Jordi Nieva-Fenoll co título ‘Desescalando a tensión?’. Compartillo todas as preguntas que formula e que, na súa opinión, terían que ser respondidas polo Tribunal Supremo, a fin de ficar certificado por acima de calquera sospeita que realmente foron cometidos os delitos de rebelión ou sedición. Tamén compartillo a súa conclusión de que, se non é posibel esclarecer as dúbidas razoabeis sobre a resposta incriminatoria ás preguntas por el formuladas, a Procuradoría debería pedir a absolución e os xuíces deberían absolver os acusados, porque así o esixe a presunción de inocencia. Discrepo, contodo, en que isto vaia a ocorrer. Vou tentar explicar por que.

As decisións que tomaron os distintos fiscais, que foron feitas súas polos xuíces de instrución da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo e que foron confirmadas polos órgaos colexiados na resolución dos recursos interpostos contra elas, non permiten albergar a máis mínima esperanza de que a sentenza que se acabe ditando após a celebración do xuízo vaia a afastarse do que xa se decidiu na fase de instrución. A sentenza xa está ditada.

É na reacción do Xuíz Instrutor ante a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Schleswig-Holstein, en que descansa a miña convicción de que vai ser así.

Non temos (inclúome) subliñado até o momento que o primeiro que fixo o Tribunal de Schleswig-Holstein ao recibir a orde de detención e entrega ditada polo Xuíz Pablo Llarena foi manifestar o seu asombro. Cunha manifestación de asombro é como comeza a súa argumentación. De acordo coa experiencia de moitos anos deste Tribunal en materia de extradición, a orde de detención e entrega recibida de España unicamente pode ser cualificada como ‘completamente atípica’. Nunca se viu cousa igual. En lugar de indicar, como esixe o formulario, o autor (Carles Puigdemont), o delito (rebelión), o lugar (Barcelona) e a data (1 de outubro), o xuíz Llarena constrúe un relato de dezasete páxinas, despois de cuxa lectura non fica claro nin o autor, nin o delito, nin o lugar, nin a data.

O ‘alzamento violento’ constitutivo do delito de rebelión ten de ser identificado de maneira inequívoca con indicación precisa da persoa que encabeza ese alzamento, da data en que ese alzamento se produce e do lugar en que ten lugar. Sen iso non é posíbel falar de delito de rebelión. É o que o Tribunal de Schleswig-Holstein viu de maneira inmediata e por iso descartou de entrada a extradición solicitada polo Xuíz Pablo Llarena. Cos ‘feitos’ que figuran no texto da orde de detención e entrega ditada polo xuíz español é imposíbel conceder a extradición nos termos en que se solicita. A razón pola que o Tribunal alemán non concede a extradición para que Carles Puigdemont poida ser xulgado por rebelión ou sedición non é porque a cualificación xurídica do delito sexa distinta no Código Penal español e no alemán, senón porque ‘os feitos’ que figuran na orde redactada polo xuíz Pablo Llarena non poden recibir en ningún caso esa cualificación xurídica. Os feitos que figuran na orde non son ou, mellor dito, non poden ser constitutivos do delito de rebelión. Esta é a tese do xuíz alemán.

A reacción da Xustiza española foi retirar todas as ordes de detención e entrega ditadas, coa finalidade obviamente de evitar que os tribunais de Bélxica, Escocia e Suíza puideren ditar resolucións coincidentes coa ditada en Alemaña. Tampouco se decidiu recorrer ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

O xuíz Pablo Llarena aceptou que non é capaz de convencer ningún xuíz europeo de que os feitos que figuran na querela da Fiscalía e nos seus autos son constitutivos do delito de rebelión.Mais decidiu continuar en España, como se non pasase nada. En Europa non o serán, mais en España si.

Conta para iso co aval da Procuradoría e do Tribunal Supremo. E coa aceptación de que os feitos poden ser constitutivos do delito de rebelión, a decisión xa está tomada. Os feitos que figuran na querela da Fiscalía e no auto do Xuíz Llarena non se discuten. Non foron discutidos por ninguén até a data. Van ser confirmados ao longo do xuízo. Sen ningún xénero de dúbidas. É a cualificación deses feitos como constitutivos do delito de rebelión o que resulta inaceptábel. Isto é o que dixeron máis de cen profesores de Dereito Penal das diferentes universidades españolas. É o que dixo o Tribunal de Schleswig-Holstein. É o que dixo a semana pasada Pascual Sala… Se se aceptar que os feitos poden ser constitutivos do delito de rebelión, a sentenza xa está ditada.

A revisión polo Ministerio Fiscal da cualificación como rebelión era a única posibilidade de que non houbese condena por tal delito. Unha vez confirmada a cualificación polo Ministerio Fiscal, a sorte está lanzada. O xuízo é un puro trámite.

Javier Pérez royo

eldiario.es