A Corporación da Radio e Televisión de Galiza que Feijóo xestionou durante trece anos enfrenta nos tribunais outras 230 demandas por contratacións irregulares, despedimentos ilegais, reclamacións de cantidades e persecución laboral.

 

10/6/22 El expresidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en una imagen de archivo             O ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha imaxe de arquivo

 

Juan Oliver

A Corporación Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), a empresa pública propietaria da Televisión de Galiza (TVG) e a Radio Galega (RG), acumula no últimos dezasete anos case 400 sentenzas en contra por vulneración de dereitos laborais e fundamentais dos seus traballadores, que estes relacionan coa manipulación da liña editorial dos medios públicos para os pór ao servizo dos intereses do Partido Popular.

A grande maioría de sentenzas foron publicadas baixo o mandato de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral do ente desde que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder en 2009, e quen, apesar do cúmulo de decisións xudiciais que pon en dúbida a idoneidade da súa xestión e a da súa equipa, continúa ainda hoxe no cargo con Alfonso Rueda á frente do Executivo autonómico.

Segundo os traballadores, a vulneración sistemática dos seus dereitos mantense desde hai case dúas décadas, apesar da recorrente constatación xudicial das ilegalidades da estratexia laboral da dirección. Na actualidade, aseguran, hai case outros 230 procedementos xudiciais en curso en mans dos xuíces do Social por diversos motivos, desde reclamacións de cantidades e atrasos até demandas por despedimentos nulos ou improcedentes, de fixeza ou indefinidade ou de discriminación por razón de sexo ou motivos ideolóxicos.

“É a estratexia do desleixo, baseada na crenza de que o diñeiro público consegue soportar todo”, apunta Matías Movilla, avogado laboralista socio do despacho Vento Avogados e Asesores, que gañou á CRTVG centenares de casos. E non se trata dunha esaxeración coloquial. O primeiro foi en 2005, cando conseguiu que un xuíz declarase que a contratación dun traballador da delegación de Vigo através dunha produtora privada era unha cesión ilegal, o que provocou unha fervenza de sentenzas favorabeis a outros empregados en situación similar en todas as delegacións. Só no seu despacho conseguiron máis de cen sentenzas favorabeis en poucos anos.

Máis tarde, Movilla comezou a levar casos de traballadores da sede central da CRTVG en San Marcos, perto de Compostela, que foran contratados irregularmente através de empresas de traballo temporal. “Algún mesmo era o director dun informativo”, lembra. Gañaron outros dous centenares e tal de procedementos.

Movilla cre que a dirección da CRTVG utiliza a precarización das condicións laborais e a xudicialización permanente das relacións cos traballadores como “estratexia do medo” para evitar as críticas pola manipulación informativa e encurralar non só os xornalistas díscolos, senón calquera empregado que ouse a pór en cuestión. “Sen a dedicación, a xenerosidade e a solidariedade sindical dalgúns traballadores sería imposíbel conseguir que os xuíces revertesen moitas das situacións que denunciamos”, conclúe.

“As prácticas da dirección non se xustifican en ningunha administración pública, e probabelmente tampouco serían admisibeis en ningunha empresa privada”, lamenta Raquel Lema, delegada da Confederación Unitaria de Traballadoras (CUT), o sindicato maioritario na compañía. “Estableceron un sistema de relacións laborais baseadas no medo que acabou por conformar un contorno tóxico cun enorme risco para a saúde psicosocial da empresa”, advirte.

Segundo Lema, moito máis da metade do cadro de persoal, entre o 60% e o 70% das 912 persoas que a compoñen, tiveron que acudir nalgún momento aos tribunais para reclamar os seus dereitos. A grande maioría destas persoas gañaron, aínda que asumindo o enorme custo persoal e profesional que supón enfrentar durante anos un empregador que ten ao seu dispor todos os medios necesarios, pagados co orzamento público, para eternizar os casos recorrendo sentenzas de instancia en instancia até o último degrau do procedemento.

Só no último ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) fallou en polo menos dezaoito ocasións a favor dos traballadores e en contra da CRTVG, á que condenou por asediar xornalistas, furar folgas, contratar traballadores de forma irregular, despedilos ilegalmente ou mantelos en condicións precarias.

Un dos últimos casos foi resolvido a favor de Carlos Jiménez, locutor da Radio Galega listado e sancionado ilegalmente como represalia por apoiar “Defende a Galega”, a plataforma de traballadores que se mobilizan todos as sextas-feiras desde hai catro anos para defenderen a liberdade de prensa e denunciaren as presións políticas e a manipulación. Así o declarou probado o TSXG, que ratificou na súa integridade a sentenza do xuíz que lle deu a razón en primeira instancia.

Vinculado á empresa desde 1993, Jiménez conta con outras quince sentenzas favorabeis nas demandas que tivo que ir interpondo para que os xuíces obrigasen a empresa a respectar e cumprir con el as condicións de traballo e salariais máis esenciais, despois de lustros de o manter en precario mediante contratos temporais que chegaban a durar só medio día. “Quen destaca contra a manipulación ou en defensa dos dereitos laborais faino porque defende esta empresa, por máis que a dirección queira facer ver o contrario”, asegura.

En 2019, o movemento “Defende a Galega” gañou o premio á liberdade de expresión José Couso que concede cada ano o Colexio de Xornalistas de Galiza. Segundo os traballadores, a TVG censurou a noticia, que si recollera sempre en edicións anteriores do premio, e a dirección prohibiu que se emitise nos informativos a peza sobre o tema que xa fora montada.

Outra sentenza recente é a que afecta á xornalista Andrea de Francisco. O pasado 2 de marzo, os xuíces do TSXG condenaron á TVG por discriminala por ser muller ao negarlle o dereito a conciliar o horario laboral co coidado das súas dúas fillas, de ano e medio e catro anos de idade. Alén dese caso, que a empresa recorreu, De Francisco mantén outros dous litixios coa compañía: unha demanda de vulneración de dereitos porque a dirección de Sánchez Izquierdo recusou recoñecer que ela tiña o deber inescusábel de coidar das fillas cando as cuarentenas da pandemia as obrigaron a ficar na casa, e outro para que a consideren fixa no seu lugar despois de vinte e catro anos de ocupalo en precario.

“É unha táctica constante desde hai dúas décadas: néganche os dereitos máis elementares e dinche que vaias reclamalos aos tribunais. E aínda que perdan casos un atrás doutro, fican insensibeis. Continúan recorrendo e manténdote nunha situación inestábel e complicada do punto de vista persoal e profesional”, explica.

A xestión de Sánchez Izquierdo inclúe centos de casos individuais como os anteriores, mais Raquel Lema lembra que hai outros de carácter colectivo que a empresa tamén perdeu ou que, na súa opinión, está en vías de perder.

O pasado 7 de xuño, o TSXG deu á CRTVG un mes de prazo para negociar coas traballadoras e alcanzar un acordo despois de que a CUT denunciase que durante a greve do pasado 28 de outubro foran emitidos contidos enlatados como se fosen do día, incluíndo locucións e vídeos de xornalistas e presentadores que secundaran o paro mais que, desa forma, aparecían en público como se non o tivesen feito.

Público puido constatar o malestar que existe no ámbito xurídico pola negativa da CRTVG a modificar a súa estratexia laboral. De feito, no caso anterior os responsabeis do tribunal lembraron aos da empresa as recentes sentenzas sobre violación de dereitos en casos individuais, como o de Jiménez, e tamén en varios procesos colectivos.

Non é a primeira vez que a CRTVG e a Xunta do PP foron condenadas por vulneraren o dereito de greve nos medios públicos. En dúas ocasións nos últimos anos, o TSXG considerou que a dirección tentou furar as xornadas feministas do 8M con servizos mínimos abusivos e substituíndo as presentadoras de informativos que se sumaran ao protesto por profesionais homes.

Esas sentenzas parecen ter un efecto exemplarizante limitado, dado que a dirección de Sánchez Izquierdo continúa reincidindo na mesma táctica, actuando como se os xuíces non existisen. En abril pasado, e ante outra convocatoria de greve, o que na altura era vice-presidente Rueda, a quen competía asinar os servizos mínimos na administración autonómica, estableceu que os catro informativos diarios da TVG debían ser emitidos en calquera caso, fose cal for o seguimento da greve e cun mínimo de 112 xornalistas obrigados a cubrir os seus postos.

Os traballadores tamén gañaron outro procedemento colectivo que condena a CRTVG a aumentar todos os conceptos da súa nómina cando lles encomenda tarefas de maior responsabilidade, escudándose na mobilidade funcional. Mais a empresa négase a pagarlles, polo que a día de hoxe hai nos tribunais outras 25 demandas de reclamación de cantidades, que se suman ás 187 de reclamación de fixeza no posto de traballo, e a outro medio centenar por despedimentos ilegais e demandas de indefinidade.

A dirección de Sánchez Izquierdo tamén tivo conflitos por non cumprir coa Seguranza Social. En 2016, recoñeceu pagar cotizacións polos seus empregados inferiores ás que debía, coa consecuente rebaixa nas prestacións sociais que estes recibían por doenza, maternidade, xubilación… O director xeral cuantificounas en 1,6 millóns de euros e cualificounas de “insignificantes”, mais os traballadores aseguran que a cantidade que a empresa tivo que devolverlles elévase a máis de catro millóns.

A oposición pediu na altura o cesamento do director xeral, mais el negouse a demitir e Feijóo mantívoo no cargo. Na actualidade, a CRTVG mantén outro litixio coa Axencia Tributaria, que lle reclama máis de 10 millóns de euros por liquidacións irregulares do imposto sobre o valor acrecentado (IVA) no últimos sete anos.

Público tentou falar co director xeral ou con algún porta-voz da corporación que puidese expor a opinión da empresa sobre as case 400 sentenzas xudiciais que pon en dúbida a legalidade da súa política laboral. Mais a compañía limitouse a responder que “non ten declaracións que facer” sobre ese tema nin sobre as acusacións sindicais.

A CRTVG tampouco esclareceu se prevé recorrer a condena por perseguir Carlos Jiménez por cuestións ideolóxicas ou adoptar algunha medida contra os directivos responsabeis da mesma, nin facilitou as cifras sobre o custo que supuxeron os procedementos xudiciais desde o 2005 e os atrasos, salarios de tramitación e indemnizacións por despedimento e por danos morais que tivo que pagar como consecuencia das condenas xudiciais en firme.

O certo é que a Corporación si contempla eses gastos nos seus balanzos. Segundo a última memoria de contas anuais, a provisión anual para cubrir a “liquidación de reclamacións retributivas do persoal propio derivadas de sentenzas” ascendeu a máis de 1,25 millóns de euros en 2019 e a máis de 1,86 millóns en 2020.

A CRTVG ten un orzamento anual de 121,6 millóns de euros, dos cales apenas 6,3 millóns corresponden a ingresos por publicidade e operacións comerciais. O 94%, é dicir máis de 114 millóns, procede das subvencións directas dos orzamentos da Xunta. Segundo o portal de Transparencia da Administración autonómica, Sánchez Izquierdo cobra un salario anual de 92.333.10 euros anuais. Segundo a memoria de contas anuais da CRTVG, a TVG tivo unha cota de audiencia media do 9,9% en 2020, e a Radio Galega, 200.000 ouvintes diarios.

Público