A Unión Europea entregou gratuitamente material militar a Marrocos por valor de 140 millóns de euros para, en teoría, loitar contra a inmigración ilegal mais que o Reino alauí podería utilizar para continuar coa represión selvaxe contra o pobo saharauí.

 

 

O conxunto de material militar está composto por vehículos, carros de combate, drones, radares, escáners e lectores de impresións dixitais. As licitacións para a compra deste material comezaron a ser publicadas polo International Center for Migration Policy Development (ICMPD), unha entidade con sede en Viena que tiña adxudicado o proxecto nas súas fases iniciais.

O Reino de España tamén apoiará o Reino de Marrocos

Alén diso, o goberno de Pedro Sánchez autorizou a compra de 384 vehículos para seren entregados, quer dicir, doados a Marrocos. As licitacións irán a cargo da Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas (FIIAPP).

En concreto, o Goberno autorizou á FIIAPP licitar 7 conxuntos, incluíndo 230 vehículos 4×4 tropicalizados, por 13,8 millóns de euros, e 100 vehículos 4×4 ‘pick up’ por 5,5 millóns, 10 vehículos 4×4 con configuración de ambulancia, por 520.000 euros; outros 10 camións 4×4 cisterna para auga, por 1,65 millóns; oito camións cisterna para gasolina, por 1,32 millóns; 18 camións 4×4 plataforma, por 2,61 millóns e oito camións frigoríficos por 600.000 euros. Ao todo, 26 millóns de euros.

A fundación tamén submeteu a concurso un contrato menor, de 67.000 euros, para comprar cinco radares marítimos, 10 sistemas de identificación automática AIS, 10 GPS portateiss, radios e sistemas de cartografía.

Aliás, o Goberno español tamén estableceu o obxectivo de no próximo Marco Financeiro Plurianual da UE se incluída unha partida estábel para asistir a Marrocos no control da inmigración.

A actitude de Josep Borrell cara o pobo saharauí
O agasallo de material militar a Marrocos por parte do Goberno español non sorprende, sobretodo pola actitude de Josep Borrell. Desde que está á frente de Exteriores, protagonizou varios momentos en que mostrou desprezo polo pobo saharauí. Un dos máis soados tivo lugar no Senado, no día 25 de outubro de 2018, cando despachou en menos de dous minutos un conxunto de preguntas presentadas ao Goberno por catro senadores, entre os que estaba o canario Pablo Rodríguez Cellas. Entre as cuestións expostas a Borrell encontrábase o cumprimento do Reino de España das sentenzas do TJUE sobre a comercialización de recursos naturais do Sahara Occidental -sentenzas que establecen que Marrocos e o Sahara Occidental son territorios diferentes e separados-, «en que se define esta comercialización como un espolio dos recursos dun país ocupado á forza». O senador foi moi concreto ao preguntar a Borrell o seguinte: «Sei que vostede se sente moi cómodo cos seus aliados estratéxicos como Marrocos, mais pregúntolle: Sabe que de forma flagrante son violados os Dereitos Humanos no Sahara Occidental polas forzas militares marroquinas? Sabe que nos territorios do Sahara Occidental ocupados ilegalmente por Marrocos a poboación saharauí é torturada, perseguida e oprimida?».

Borrell respondeu o seguinte: «Só podo dicirlles que nós estamos aliñados coas Nacións Unidas e apoiamos a posición das Nacións Unidas, do Alto Representante, do negociador. O Secretario Xeral pediunos axuda para que poidan desenvolverse as negociacións entre as partes. España non é considerada potencia administradora nas resolucións anuais da Asemblea Xeral que se refiren á descolonización do Sahara Occidental, nin aparece como potencia administradora na lista de Territorios non Autónomos de Nacións Unidas. Iso é importante sabelo para saber cales son as nosas responsabilidades a respecto dese territorio».

Contodo, Borrell esqueceu o establecido na Sala do Penal da Audiencia Nacional en 2.014 cando o actual ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, estableceu nun auto que « as resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, e os relatorios do seu Secretario Xeral, a Potencia Administradora do Sahara Occidental continúa a ser España, aínda que o sexa de iure mais non de facto até  finalizar o período da descolonización, ten as obrigacións recollidas nos artigos 73 e 74 da Carta de Nacións Unidas».

A posición de Borrell de defensa dos intereses marroquinos frente aos lexítimos dereitos do pobo saharauí, un pobo irmán do español, resumiuse noutra parte da súa breve intervención en que recoñeceu que se reuniron con representantes marroquinos e alxerinos e non citou os saharauís, ademais de indicar que España non podía facer máis que apoiar os esforzos do Secretario Xeral das Nacións Unidas.

Contodo, Borrell non ficou nisto, senón que o mesmo día en que se produciu a súa comparecencia no Senado, o seu departamento entregou un relatorio no Congreso dos Deputados en que Exteriores era contrario a que se celebrase en sede parlamentar unha reunión de parlamentares nacionais, autonómicos, europeos e de países africanos (‘Sahara Occidental: territorio pendente de descolonización’), no cadro da Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí (EUCOCO), prevista para os días 16 e 17 de novembro próximos en Madrid. A escusa foi que esta reunión afectaría as relacións de España con Marrocos. Este relatorio foi fundamental para que a Mesa do Congreso impedise a celebración desta reunión.

Esta posición de Josep Borrell choca frontalmente coa do seu partido e, sobretodo, coa do presidente Pedro Sánchez, quen na Asemblea Xeral de Nacións Unidas se pronunciou a favor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

José Antonio Gómez

Diario16