O discurso criminalizador contra os comités de Defensa da República (CDR) intensificouse nos últimos días, xusto antes de se facer pública a sentenza contra o procés e despois das detencións da Garda Civil no pasado 23 de setembro.

A operación, ordenada pola Audencia española, acabou con sete independentistas encarcerados na prisión madrilena de Soto del Real, acusados de pose de explosivos, conspiración para cometer delitos de danos e pertenza a organización terrorista. A acusación por este último delito é o que causou máis indignación, porque non foi cometida ningunha acción violenta e non hai ningunha organización armada activa que reivindique a independencia. É por iso que o independentismo viu nela unha tentativa de criminalizar o movemento ás portas da sentenza.

Para encontrar operacións policiais e xudiciais con caracteristicas semellantes non é preciso recuar aos anos da Operación Garzón nin aos casos máis coñecidos da estratexia do “Todo é ETA” en Euskadi. Ultimamente, moitas voces, especialmente procedentes de movementos anarquistas e independentistas, denunciaron numerosas operacións en que consideran que o concepto de terrorismo é banalizado, empregado con finalidades políticas ou utilizado para criminalizar a disidencia mediante, por exemplo, atestados policiais que presentan obxectos ordinarios como precursores de explosivos. En definitivo, procesos xudiciais de forte carga política. Nalgúns casos a acusación de terrorismo acabou caendo, mais permitiu entretanto un abuso da prisión preventiva e serviu para que o xulgamento tivese lugar na Audiencia española, un tribunal de excepción en que algúns dos xuíces que pasaron por el, como Carmen Lamela, cumulan numerosos escándalos. Ainda que algúns destes casos son anteriores ao 2015, foi nese ano cando o PP e o PSOE promoveron unha reforma do código penal que, ao parecer dalgúns especialistas, banaliza o concepto de terrorismo e abre a porta a procesar por este delito persoas que non son terroristas.

A primeira tentativa de criminalizar os CDR: Adrià Carrasco e Tamara Carrasco

A criminalización dos CDR e a tentativa de ligalos ao terrorismo comezou no 2 de abril de 2018, cando a procuradoría emitiu un comunicado en que ameazaba con querelarse por rebelión contra membros dos CDR. Era un momento de fortes mobilizacións de protesto contra a represión, logo despois da detención do presidente Carles Puigdemont na Alemaña. Oito días máis tarde desenvolvíase nunha macrooperación en que a Garda Civil detivo Tamara Carrasco en Viladecans e tentou deter Adrià Carrasco en Esplugues de Llobregat, membros unha  e outro dos CDR de ambos os concellos. Á acusación de rebelión engadiron as de sedición e terrorismo, de maneira que ligaban este concepto co independentismo por vez primeira desde que comezara o procés.

 

 

Adrià Carrasco foi acusado de ter levantado as barreiras dunha portaxe e Tamara Carrasco de ter organizado, supostamente, as mobilizacións. Nas inspeccións, os axentes confiscaron obxectos como caretas de Jordi Cuixart e apitos amarelos a Tamara Carrasco e unhas cordas a Adrià Carrasco. Así describía a nai, Núria Tarrés, a inspección da Garda Civil ao seu apartamento nunha entrevista en VilaWeb: ‘Encontraron unhas cordas […], “Secretaria, apunte: mechas”, dixo. Eu tentei explicarlles que non o eran, mais escoitábanme como dicindo: “Ti di o que queiras”. E voltaban dicir: “Secretaria, apunte: mechas”.

En novembro, o maxistrado da Audiencia española Diego de Egea decidiu pór de lado a acusación de terrorismo e rebelión e enviar o caso aos xulgados cataláns por un delito de desordes públicas. Mesmo así, mantivo sobre Tamara Carrasco a obrigación de ficar confinada en Viladecans, un confinamento que acabou no fin do pasado mes de maio, despois dun ano. Adrià Carrasco, que fuxiu saltando polo balcón, continúa no exilio, en Bélxica.

Os tres de Gràcia

En abril do 2002 tres xovens do bairro de Gràcia de Barcelona foron detidos pola policía española, acusados dun suposto delito de terrorismo vinculado co incendio de oficinas bancarias. Un estivo encarcerado durante semanas. Os tres denunciaron ter sido obxecto de malos tratos e torturas pola policía durante a detención. A defensa sostiña, alén diso, que o testemuño en que se baseaba a acusación contra os xovens non era válido porque partía da declaración dun menor de idade que podía ter sido coaccionado e torturado antes de os inculpar. En 2006, despois de catro anos de movilizacións en solidariedade cos xovens, a Audiencia española arquivou o caso por falta de indicios e o xulgamento finalmente non tivo lugar. O feito de enviar o caso á Audiencia española foi interpretado como unha nova tentativa de criminalizar o movemento independentista, como pasara no 1992 coa Operación Garzón.

O caso dos xovens de Altsasu

Un dos casos máis coñecidos que partía dunha acusación inicial de terrorismo e esta acabou caendo é o dos mozos de Altsasu. A Audiencia española condenou Adur Ramírez de AldaJokin Unamuno, Oihan ArnanzJon Ander CobIñaki Abad, Julen Goikoetxea e Aratz Urrizola a penas de entre dous e trece anos de prisón por unha briga de bar con axentes da Garda Civil. Foron condenados polos delitos de atentado contra axentes da autoridade, lesións, desordes públicas e ameazas, apesar de a procuradoría manter a acusación de terrorismo antes, durante e despois do xulgamento. Acabou renunciando a ela no mes de abril, cando non presentou recurso contra a sentenza no Supremo.

 

Apesar de os xovens non teren sido condenados por terrorismo, esta acusación serviu para que o caso fose xulgado na Audiencia española e para que tres dos acusados pasasen case dous anos en prisión preventiva, con aplicación do réxime FIES, antes da condena, con control permanente e vulneración de dereitos básicos. Para xustificar estas penas de prisión tan elevadas, a sentenza mantiña suspostos ‘motivos ideolóxicos’ e ‘menosprezo e animadversión’ cara a Garda Civil. Mais os familiares dos condenados denuncian que o dano máis importante causado na briga foi un nocello partido a uns dos axentes á paisana e que moitas das probas presentadas no xulgamento desmontan o relato dos axentesDenuncian tamén que, durante o xulgamento, a algúns familiares lles foron feitas preguntas claramente políticas, como por exemplo se asistían a manifestacións polos prisioneiros de ETA. A sala do penal do Tribunal Supremo español revisa nestes momentos os recursos contra a sentenza.

Incidentes no bairro antigo de Iruña

O caso dos incidentes no centro antigo de Iruña pasou moi despercebido mediaticamente, mais ten semellanzas co caso dos xovens de Altsasu. De feito, ambas as sentenzas compartillan a mesma xuíza instrutora: Carmen Lamela. Como no caso de Altsasu, un xulgamento que podería ter sido feito nos tribunais de Nafarroa acabou tendo lugar na Audiencia española por unha acusación inicial de terrorismo.

Os catro xovens foron procesados despois dos incidentes acontecidos nunha manifestación abertzale que non fora autorizada: atiráranse pedras e garrafas e foran queimados colectores de lixo. A procuradoría pedía sete anos de prisión para cada un dos catro mozos acusados. Os xovens negaron ter participado nos incidentes, ter cantado slogans en favor de ETA, ter atirado pedras e terse encapuzado. A Audiencia española acabou considerando que non houbera terrorismo, senón desordes públicas, delito polo que os condenou a dous anos de cárcere. Segundo dicía a sentenza, non se probara a ‘participación dunha organización terrorista ou grupo concreto’ na manifestación e non había datos sobre as entidades que convocaban e a posíbel conexión con ETA.

Macrocausa contra avogados, familiares e psicólogos de prisioneiros e prisioneiras de ETA

Apesar de ETA ter anunciado o cesamento da actividade armada no 2011 e se ter disolvido definitivamente no ano pasado, a Audiencia española continúa actuando como se a organización estivese activa. Un bon exemplo disto é a macrocausa que afectou cuarenta-e-sete persoas vinculadas á defensa dos dereitos dos prisioneiros e prisioneiras vascas. A procuradoría pedíalles penas de oito a vinte anos de prisión, polas acusacións de participación activa en organización terrorista, financiamento do terrorismo e delito continuado de enaltecemento do terrorismo.

As persoas acusadas era, por unha parte, avogadas e avogados de presos de ETA e persoas que facían de interlocutoras entre estes prisioneiros e os sindicatos, partidos e asociacións da sociedade civil vasca despois da disolución da organizaicón armada. E, por outra parte, integrantes dos colectivos Herrira, Jaiki Adi e Etxerat. Jaiki Adi é unha asociación de profesionais da saúde que asisten xente afectada pola violencia dos estados español e francés; ofrecen, por exemplo, asistencia psicolóxica a persoas encarceradas e tratamento a xente que sofreu torturas. Etxerat defínese como unha organización de amigos e familiares de presos, deportados e exilados. E Herrira, o colectivo con máis persoas procesadas, unha organización creada para denunciar as malas prácticas prisionais do goberno español contra presas e presos vascos.

 

 

Finalmente, o macroxulgamento ficou visto para sentenza poucas horas despois de comezar, no 16 de setembro. Chegouse a un acordo entre a procuradoría e as persoas acusadas: a acusación rebaixou a pena e elas aceptaron o acordo, de maneira que eludían a prisión. No entanto, once das acusadas xa foran encarceradas preventivamene, como mínimo, durante dez meses. As que pasaron máis tempo -e en réxime de isolamento- foron Jon Enparantza -dous anos e tres meses- e Arantza Zulueta -tres anos e un mes. As persoas acusadas defenden que esta última operación contra o que se considera o ‘contorno de ETA’ -concepto utilizado para ilegalizar partidos e organizacións e fechar medios vascos- responde a unha intencionalidade politica de manter vivo o fantasma da organización.

Resistencia Galega, a organización armada que non reivindica ninguén

No 20 de xullo de 2005 publicouse en internet un manifesto ‘para a resistencia galega’ que instaba a facer accións de sabotaxe. Despois diso foron cometidas accións sen vítimas mortais contra sedes bancarias, partidos políticos, medios e grupos empresariais. Até hoxe a policía española e a Garda Civil detiveron cuarenta persoas, como mínimo, vinculadas a Resistencia Galega, unha suposta organización armada independentista que din está por detrás das accións. Apesar de ser considerada unha organización armadas, nunca se encontraron armas nin ninguén reivindicou nunca un atentado ou sabotaxe no seu nome.

Segundo a policía española e a Garda Civil, non hai dúbida que Resistencia Galega existe. Agora mesmo considérana a única organización armada do estado español en activo. Mesmo chegaron a mostrar escritos ou pintadas con este nome como unha proba que demostra que se mantén activa. En troca, formación como por exemplo o Bloque Nacionalista Galego (BNG) ou Alternativa Galega de Esquerda (AGE) puxeron en dúbida a súa existencia.

En 2013 catro persoas foron encarceradas acusadas de formaren parte da organización e no 2015 comenzaron as chamadas Operacións Jaro. A primeira, contra a organización política independentistas Causa Galiza. Nove militantes foron detidos e acusados de pertenza a organización terrorista e enaltecemento do terrorismo e o xuiz Eloy Velasco suspendeu as actividades da organización durante un ano, despois acusouna de ser o ‘brazo político’ de Resistencia Galega. Catro anos máis tarde, a Audiencia acabou retirando a primeira acusación. No 2017 tivo lugar a Operación Jaro II, contra o organismo antirepresivo CEIVAR. Tres persoas foron detidas e acusadas tamén de enaltecemento do terrorismo. As últimas detencións relacionadas foron as de Antón García Matos e Asunción Losada no mes de xuño pasado, a quen a policía considera cabezas da organización.

Operacións Pandora e Piñata

Dúas das operacións máis polémicas da cruzada política e xudicial contra un suposto ‘terrorismo anarquista’ son as Operacións Pandora e Piñata, nas cales as persoas detidas foron relacionadas cos Grupos Anarquistas Coordenados (GAC), unha suposta organización terrorista que se vincula, por exemplo, coa detonación dun explosivo na basílica do Pilar de Zaragoza. Este episodio serviu para que o que era director xeral da policía naquela altura, Ignacio Cosidó, dixese que había grupos anarquistas que ‘tentaban destruir a democracia’ co uso da violencia.

A primeira operación comezou en decembro do 2014, cunha operación dirixida polos Mossos d’Esquadra que acabou coa detención de once persoas en diversos puntos da Catalunya e Madrid. Sete das persoas detidas pasaron mes e medio en prisión preventiva. Despois veu a Operación Piñata, que implicou numerosas detencións levadas a cabo pola policía española en Madrid, Barcelona e Palencia e a investigación de quince delas na Audiencia. Cinco estiveron en prisión provisoria durante dous meses. En outubro de 2015 os Mossos detiveron nove persoas en Barcelona e Manresa, era a segunda fase da Operación Pandora. Unha das persoas detidas era Quim Gimeno, que máis tarde denunciou intento de extorsión para que se convertese en confidente da policía española.

Ningunha das dúas operacións chegou a xulgamento, porque a Audiencia española arquivounas por falta de probas. Polo que di respecto a Pandora, a xuíza Carmen Lamela arquivou as fases da causa e criticou o papel dos Mossos. Dixo que a policía non obtivera datos para afirmar, nin sequer de maneira indiciaria, a participación das persoas investigadas nos feitos imputados. Segundo a xuíza, os axentes só comprobaran que as persoas investigadas se relacionaban con membros do colectivo anarquista. No caso da Operación Piñata, a sala penal da Audiencia reprochou ao xuiz Eloy Velasco ter encarcerado algunhas das persoas detidas, unha decisión ‘innecesaria e inadecuada’.

Operación Ice: absolución despois dun ano en isolamento

A Operación Ice, moi relacionada con Pandora, Piñata e os GAC, foi levada a cabo poucos meses máis tarde. En novembro do 2015 seis xovens anarquistas foron detidos en Madrid acusados de integración en organización terrorista, pose de explosivos, danos con finalidade terrorista e enaltecemento do terrorismo. Formaban parte do movemento Straight Edge, que se define como anarquista, vegano e abstemio. Os integrantes deste movemento limitábanse a facer activismo nas redes e organizar concertos. No entanto, a policía española estruturou un relato que convertía este movemento nun grupo terrorista responsábel dos incendios en sucursais de La Caixa e Banka no 2013 e no 2015. As probas? Unhas pintadas con as siglas do movemento encontradas nunha das sucursais, a pose de obxectos tan simples como produtos de limpeza, parafusos e latas e algúns chíos críticos co sistema capitalista.

Finalmente, só se mantivo a acusación de enaltecemento, mais de entrada xa se ditou prisión provisoria. Catro dos acusados puideron eludila con unha fianza, mais outros dous tiveron de ingresar en prisión: Juan Manuel Bustamenta, aliás Nahuel, foi quen estivo máis tempo: un ano e catro meses con aplicación do réxime máis severo -a maior parte do tempo en réxime de isolamento, pasando vinte horas diarias encerrado nunha cela- e con mudanzas de cárcere constante.

 

 

‘Cando chegaron á miña casa, unha das cousas que levaron foron os parafusos da miña cama de Ikea. A policía considerou que aqueles parafusos eran material para construir bombas, apesar de que máis tarde non voltaron aparecer na investigación. Presentárono como a proba máis importante, mais no decurso da investigación non tivo importancia ningunha. […] A unha compañeira leváronlle unha garrafa con sumo de laranxa e a un compañeiro a garrafa dunha bebida non alcóolica que dixeron que era cervexa e que podería servir para facermos cócteis Molotov’, explicaba Nahuel nunha entrevista en VilaWeb. A sentenza deixou claro que no caso non había nin rastro de terrorismo, nin sequer nos chíos, e todas as persoas acusadas foron absolvidas.

O caso de Núria Pòrtulas

Pandora, Piñata e Ice son os casos máis recentes contra grupos anarquistas, mais non son os únicos. As operacións policiais e xudiciais contra este movemento que acabaron en absolución veñen de lonxe, e o caso de Núria Pòrtulas é un bon exemplo. En 2007, o Tribunal Supremo español absolveu a xoven anarquista do delito de ‘tentativa inacabada de colaboración con organización terrorista’ pola que a Audiencia a condenara a dous anos e medio de prisón. A policía acusouna de ter colaborado con Juan Surroche, a quen relacionaba cunha organización armada italiana. Mais Surroche foi absolvido. O avogado, Benet Salellas, asegurou, en declaracións a VilaWeb, que ‘a colaboración cunha organización terrorista era imposíbel porque non había organización terrorista’. Pòrtulas estivo no cárcere catro meses.

Operacíon Dixan

Outro dos casos moi lembrados estes días é o da Operación Dixan. En xaneiro de 2003, uns vinte migrantes foron detidos na Operación Estaño contra o jihadismo, co epicentro en Banyoles. Foron acusados de pertenza a unha célula terrorista e de pose de armas e explosivos, mais pouco despois sóubose que non tiñan outra cousa que produtos de limpeza, polo que a operación acabou chamándose Dixan e orixinando un movemento en defensa dos detidos, que finalmente foron postos en liberdade sen cargos. No entanto, posteriormente a Audiencia acabou condenando cinco deles a trece anos de cárcere. O recurso no Tribunal Supremo español rebaixou esas condenas. A operación do 2003 foi interpretada como un acto de propaganda política do goberno de José María Aznar, que na altura defendía a entrada de España na guerra contra o Iraque.

Clara Ardévol Mallol

VilaWeb