A persistencia no Reino de España de prácticas asimilabeis á tortura e aos tratos ou penas inhumanos ou degradantes é un tema que mexe desde hai décadas. En 2015, nas súas últimas observacións ao relatorio que periodicamente debe presentar o Reino de España, o Comité contra a tortura das Nacións Unidas, que vixía a correcta aplicación polos Estados da Convención contra a Tortura de 1984, identificou algúns aspectos preocupantes que viñan xa de antigo e que o Estado non acababa de resolver satisfactoriamente. En concreto, referiuse a estes aspectos: a configuración do delito de tortura no ordenamento xurídico español (tipificación no Código Penal que non reproduce a definición de tortura contida no artigo 1 da Convención contra a Tortura, penas pouco severas para un delito moi grave, e previsión de que o delito prescriba “a non ser que constitúa un crime contra a humanidade”), a duración excesiva do réxime de incomunicación e de isolamento, a expulsión e/ou extradición de estranxeiros a países onde poden ser sometidos a tortura e as condicións dos Centros de Estadia Temporal de Inmigrantes, os obstáculos á represión dos crimes da guerra civil e o franquismo (ben por aplicación aquí da lei de amnistía de 1977 ou ben por denegar a extradición de supostos responsabeis solicitada no cadro da querela arxentina), e, en xeral, o favorecimiento de certas dinámicas que poderían contribuír á creación dunha cultura de impunidade a respecto da tortura entre as forzas da orde españolas.

Algunhas destas cuestións volveron ser postas sobre a mesa este outono, despois de o Comité Europeo para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CEPT) ter feito público en novembro o relatorio sobre a súa visita a España en 2016, publicación que se produce apenas unhas semanas despois de o Subcomité para a Prevención da Tortura das Nacións Unidas visitar tamén o Reino de España.

A visita do CEPT desenvolveuse entre o 27 de setembro e o 10 de outubro de 2016, e centrouse en examinar o trato dado polas distintas forzas da orde a persoas privadas de liberdade en tres escenarios: dependencias policiais, establecementos penais, e centros de detención de menores delincuentes. En xeral, o CEPT observa avances para salvagardar ás persoas detidas de malos tratos e/ou torturas, aínda que deixa constancia dalgunhas cuestións que continúan sen ser resolvidas adecuadamente.

No caso das persoas detidas en dependencias policiais, o CEPT recibiu algunhas denuncias que considera verosímeis sobre uso excesivo da forza no momento da detención e de casos de persoas que foran maltratadas fisicamente polos axentes de policía no momento da súa chegada a comisaría, así como de comportamento irrespetuoso por parte dos axentes de policía cara a persoas detidas. Aínda que en xeral non viu problemas en relación coa aplicación de salvagardas sobre privación de liberdade por parte das forzas da orde (contacto con familiares ao pouco da detención, asistencia facultativa rápida, ofrecemento de asistencia letrada e posibilidade de reunirse co/a avogado/a antes do primeiro interrogatorio), si resta pendente garantir que os estranxeiros detidos poidan contactar con familiares que viven fóra do territorio nacional, e que todas as persoas detidas polas forzas da orde estean plenamente informadas os seus dereitos fundamentais desde o momento mesmo da detención. Igualmente é crítico coas condicións materiais dos lugares de detención (dimensións, ateigamento nalgúns casos, falta de ventilación e iluminación adecuada), e insiste nunha das batallas que os órgaos internacionais de protección fronte á tortura teñen co Estado español: o réxime de detención incomunicada. Aínda valorando positivamente que a aplicación deste réxime foi limitada normativamente, que as decisións xudiciais para o aplicar diminuísen nos últimos anos, e que non se ordenou nin en 2015 nin en 2016, o CEPT entende que a mera posibilidade de o impor debería desaparecer da lexislación española, para evitar riscos.

Canto aos centros penais, o comité ve con bos ollos os esforzos por mellorar as condicións materiais e evitar o ateigamento nas prisións, que, na súa opinión, está a dar bos resultados nos últimos anos. Así, non hai queixas en relación coa situación da poboación recluída en módulos de réxime ordinario. Non acontece o mesmo, con todo, respecto dos módulos de réxime pechado e departamentos especiais, onde non só presentan algunhas deficiencias canto ás súas condicións materiais, senón que ademais son escenario dun número significativo de casos de malos tratos físicos (a modo de castigo informal, de acordo co CEPT, após episodios de desobediencia, violencia entre internos ou autolesións), nalgúns casos mentres o preso estaba sometido a suxeición mecánica. Tamén é obxecto de crítica o réxime restritivo dos internos destes módulos, que provocaría o empeoramento do estado dalgúns presos con trastornos mentais cos que o CEPT xa se reuniu en anteriores ocasións (un problema, o da asistencia psiquiátrica, que considera en xeral mal resolto). A necesidade de promover a reintegración aos internos de módulos pechados e departamentos especiais en módulos ordinarios xa fora sinalada en anteriores informes do CEPT, que continúa estimando que non se fan suficientes esforzos nesta dirección. Non podía faltar tampouco unha crítica á duración do isolamento, excesiva en moitos casos, tal e como puido comprobar o CEPT.

Mutatis mutandi, similares son as recomendacións a respecto dos centros de detención de menores: boas condicións en xeral, punto positivo -tamén en xeral- para o réxime dos internos, mais críticas ante a existencia de denuncias verosímeis de malos tratos físicos deliberado por parte do persoal aos detidos, a necesidade de mellorar o réxime dos menores con problemas mentais, preocupación ante o uso de medios de suxeición mecánica e cuestionamiento da duración do isolamento disciplinar, que considera excesivo xa na súa configuración legal (sete días).

Así as cousas, a visita do Subcomité para a Prevención da Tortura das Nacións Unidas (SPT) un ano despois corroborou que hai cuestións pendentes que requiren solucións. A visita do SPT ao Reino de España tivo lugar do 15 ao 26 de outubro de 2017, e encádrase nas visitas que este órgao realiza regularmente aos países que ratificaron o Protocolo Facultativo da Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes (OPCAT), ratificado por España o 4 de abril de 2006. Durante a mesma, visitou unha ampla gama de lugares de detención: comisarías de policía e da garda civil, centros penais, centros de internamento de estranxeiros, un centro de internamento para menores, celas xudiciais, o lugar de detención do aeroporto de Barajas, un hospital psiquiátrico, así como o Centro de Estadía Temporal de Inmigrantes en Melilla. De momento, só se coñecen de maneira resumida as observacións preliminares que o SPT presentou ás autoridades ao concluír a súa visita, á espera de que faga chegar ao goberno o relatorio correspondente coas súas conclusións e recomendacións. Este relatorio é confidencial, aínda que o SPT alentou o Estado español a facelo público, e esperamos que así sexa. Do que transcendeu, o toque de atención neste caso refírese ás devolucións “en quente” de inmigrantes na fronteira sur. Será bo coñecer a súa opinión tamén sobre os centros de internamento de estranxeiros, sobre todo despois da decisión adoptada este mes de novembro polo Ministerio do Interior de colocar na prisión de Archidona, aínda sen estrear, un centro “provisorio” de internamento de estranxeiros. Unha pena que o STP xa concluíse a súa visita, porque utilizar un cárcere xa está lonxe dos estándares internacionais admisibeis para o internamento de inmigrantes, mais facelo ademais cando o lugar non cumpre coas condicións loxísticas mínimas é un signo de desprezo cara ás obrigacións internacionais asumidas polo Reino de España en materia de prevención da tortura e os tratos ou penas inhumanos ou degradantes.

Recapitulando: dous órganos de prevención da tortura de dúas organizacións internacionais distintas visitando o Reino de España en dous anos diferentes, e continúan aparecendo algúns dos grandes temas anunciados polo Comité contra a Tortura. Limitouse o réxime de incomunicación, mais as autoridades resístense a suprimir a posibilidade de aplicalo; o isolamento continúa sendo demasisado prolongado, e cos inmigrantes irregulares o Estado fai o que lle parece. Sorte que nin o CEPT nin o STP avaliaron a regulación da tortura no ordenamento xurídico español nin a impunidade fronte á tortura, porque o Estado levou outro puxón de orellas. Parece que non aprendemos.