Sabela Núñez Singala, docente do IES Enrique Muruais, asegura que “o 100% do alumnado é galego-falante” e resalta que a súa decisión de incumprir a normativa da Xunta é “de sentido común”.

 

Imaxe da pizarra da aula de matemáticas impartida pola docente e pendurada por ela mesma nas redes sociais. Imaxe da aula do IES Enrique Muruais da Pontenova. AXM

 

A profesora do IES Enrique Muruais da Pontenova Sabela Núñez Singala denunciou o pasado luns a través de Facebook que a Xunta de Galicia a apercibiu por dar a clase de matemáticas en galego.

A docente resalta que “o 100% do alumnado da clase é galego-falante, e tamén a profesora, que aprobou hai 28 anos unha oposición para ser docente en Galicia”, mais a Xunta “obriga” a dar a clase de matemáticas “en castelán”.

Núñez Singala asegura que, diante desta situación, falou co alumnado “do Decreto que me obriga a dar as clases en castelán. Falamos do sentido común e seguimos a entendernos de marabilla na nosa lingua”, expón.

A docente sinala que o Goberno galego “contactou comigo esta semana” para falar “da miña desobediencia e lembrarme que, en Galicia, as matemáticas non poden ensinarse en galego, que só pode ser en castelán… ou en inglés“.

DECRETO PARA “O EQUILIBRIO”

O Decreto ao que se refire a mestra, aprobado en 2010, establece que as clases de matemáticas deben ser en castelán e as de ciencias en galego.

O documento, coa xustificación de “manter o equilibrio” entre as dúas linguas cooficiais, establece o idioma no que se impartirán dúas materiais troncais en cada etapa educativa. Así, en primaria, matemáticas estúdanse en castelán e coñecemento do medio en galego.

En secundaria, matemáticas tamén se estuda en castelán e ciencias sociais en galego. O decreto do Goberno de Feijóo foi unha reacción á política lingüística do bipartito, que optou por reforzar as materias impartidas en galego ante a documentada perda de galego-falantes nas últimas décadas.